Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2011-11-09

Estudantes de Pontevedra reflexionan sobre a cooperación internacional dos municipios a través da mostra do Fondo Galego

A exposición 'Influír no global desde o local' está a percorrer os institutos da cidade, unha iniciativa do Concello que constitúe un exemplo de "boas prácticas" en materia de sensibilización.

O alumnado do IES Luis Seoane traballou sobre os contidos da mostra.A exposición 'Influír no global desde o local', elaborada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, está a percorrer a cidade de Pontevedra para concienciar sobe o papel das Administracións locais e provinciais na cooperación ao desenvolvemento.

A concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, inaugurou a mostra no Centro Social do Gorgullón o pasado 17 de outubro, coincidindo co Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. Desde entón, os paneis deseñados por Pepe Carreiro pasaron xa polo IES Luís Seoane e na actualidade amósase no IES Sánchez Cantón. A exposición irá logo ao IES Frei Martin Sarmiento e rematará no IES Xunqueira II.

En cada centro dispoñen das unidades didácticas complementarias, que constitúen unha proposta teórico-práctica para ampliar os coñecementos do estudantado no marco da educación para o desenvolvemento. Nelas recóllense diversos vídeos e textos que o profesorado pode adaptar para dar a coñecer diferentes aspectos da cooperación internacional e o labor do Fondo Galego.

O orientador do instituto Luís Seoane, Miguel Suárez, apuntou neste senso a pertinencia de traballar coas rapazas e rapaces os valores solidarios, algo "cada vez máis necesario no mundo en que vivimos". Precisamente por iso resulta clave que as Administracións socias do Fondo Galego de Cooperación aproveiten ao máximo os recursos de sensibilización que lles cede a entidade, con boas prácticas coma a que leva a cabo o Concello de Pontevedra ao promover durante máis de dous meses o traballo en varios centros educativos da localidade cunha das exposicións ofertadas.

Os contidos da mostra
A través dunha ducia de paneis, a exposición 'Influír no global desde o local' pon de relevo o papel dos Concellos e as Deputacións na cooperación para o desenvolvemento. Á vez, realízase unha viaxe no tempo para repasar anos de traballo do Fondo Galego, descubrir a súa razón de ser e achegarse aos proxectos desenvolvidos neste período. Preténdese aproximar a cidadanía aos problemas dos países do Sur, o sistema de cooperación internacional e o rol que dentro del poden e deben desenvolver as entidades locais galegas e a súa asociación: o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A mostra amosa os desequilibrios Norte-Sur; o por qué, para qué e cómo da cooperación para o desenvolvemento e concretamente da cooperación desenvolvida desde as Administracións locais, as características fundamentais da cooperación local galega e o labor do  Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Trátase, pois, de contribuír a que a veciñanza sexa un pouco máis consciente da realidade internacional e dalgúns dos seus problemas fundamentais, chamando a atención sobre a intensa relación global/local e a conseguinte necesidade de que as entidades locais galegas teñan voz propia no mundo.