Aviso:

[Pechar}


Santiago de Compostela 2014-02-05

Fegamp e Fondo Galego renovan o seu acordo de colaboración

O convenio reafirma o papel da administración local como espazo para fomentar a cooperación con outros territorios.

Rey Varela: "A crise non pode servir de escusa para deixar de apoiar a quen máis o seguen necesitando"
Teresa París: "O sistema de cotas permite a os municipios, grandes e pequenos, contribuír á erradicación da pobreza extrema"

Rey Varela e Teresa París asinaron o acordo de colaboración na sede da Fegamp.A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Fondo Galego de Cooperación e Soliedariedade rubricaron esta mañá a renovación do seu acordo de colaboración. A firma protagonizárona os seus respectivos presidentes, José Manuel Rey Varela e Teresa París. É a terceira vez que ambas as entidades subscriben este convenio, tras as positivas experiencias dos anos 1988 e 2005.

En virtude deste acordo, a Fegamp pon a disposición do Fondo Galego as súas instalacións e as súas capacidades para converter aos concellos "nun punto de encontro da cooperación internacional". A día de hoxe, o Fondo Galego converteuse na rede sectorial máis numerosa do municipalismo galego, baseada nun modelo cooperativo de éxitos contrastados, e constituiuse como un instrumento ao servizo da acción exterior de Galicia.

Para a Fegamp, a existencia do Fondo Galego ten un papel esencial como axente de sensibilización en Galicia sobre as desigualdades existentes a nivel mundial, colocando na axenda municipal galega a defensa e promoción dos Dereitos Humanos, ao tempo que promove proxectos de desenvolvemento nos países empobrecidos.

Para José Manuel Rey Varela, "hai concellos que, ademais de preocuparse dos seus problemas, elevaron esa responsabilidade un pouco máis aló, até tomar conciencia de que se en Europa estamos a pasalo mal, que non estará a pasar en países con máis dificultades para o seu desenvolvemento". En consecuencia, animou "a todos aqueles que non están presentes no Fondo a que dean ese paso, implicándose na maneira que lles sexa posible e que lle permitan os seus recursos", porque "cun pouco de todos alcanzaremos un moito para algún". "A crise non pode servir de escusa para deixar de apoiar a quen máis o seguen necesitando", rematou.

Pola súa parte, Teresa París agradeceu a colaboración da Fegamp e salientou "o valor do Fondo como axencia do municipalismo galego en materia de cooperación internacional, un servizo público mancomunado que promove a solidariedade global desde o local". Ao tempo, apuntou que "o sistema de cotas mínimas permite a todos os municipios, grandes e pequenos, contribuír á erradicación da pobreza extrema e á promoción da xustiza social".

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo. Ata o momento, ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Fegamp e Fondo Galego renovan o seu acordo de colaboración