Aviso:

[Pechar}


Santiago de Compostela 2012-09-12

Gabriel Tizón, Carlos Puga e Sonia Daponte xulgarán as fotografías do concurso 'Imaxes con Fondo'

- A escritora Rexina Vega tamén formará parte do xurado canda a Coordinadora Galega de ONGD, o Concello de Oleiros e o propio Fondo Galego de Cooperación

- Unha cámara Canon é o premio para a categoría xuvenil, mentres que o galardón para as persoas adultas será unha viaxe a un proxecto en Cabo Verde

Marga Figueroa, Carlos Puga, Gabriel Tizón, Gema Filgueira, Sonia Daponte e Teresa París.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade presentou esta mañá os membros do xurado do concurso 'Imaxes con Fondo', entre os que se achan os destacados fotógrafos Gabriel Tizón, Carlos Puga e Sonia Daponte. A premiada escritora Rexina Vega forma tamén parte do equipo avaliador canda a presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, Gema Filgueira; a propia presidenta do Fondo Galego, Teresa París, e mais unha representante do Concello de Oleiros, Marga Figueroa.

Teresa París explicou que o certame se estrutura en dúas seccións. No apartado dirixido a persoas adultas, convídase a reflexionar a través da imaxe arredor da repercusión das nosas prácticas sobre os países do Sur. Neste caso, o premio consiste nunha viaxe a Cabo Verde para realizar un traballo fotográfico sobre un dos proxectos apoiados polo Fondo Galego de Cooperación. Na categoría xuvenil, para mocidade de entre 13 e 17 anos, o tema central é a solidariedade na nosa sociedade e a recompensa será unha cámara Canon mais un lote de produtos de comercio xusto.

Na presentación desta mañá, o fotógrafo Gabriel Tizón, con ampla experiencia sobre o terreo, definiu a solidariedade coma "dous muros que se apoian un no outro, de xeito que se un cae o outro tamén", e insistiu en "non confundila con esmola". Carlos Puga, destacado fotoxornalista e representante da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), convidou a participar a xente “de todas as idades”, mentres que Sonia Daponte incidiu tamén na importancia deste tipo de reflexións. A presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, Gema Filgueira, destacou asemade a valía destas actividades de sensibilización na nosa contorna para chegar a mudar realidades inxustas.

O prazo para concorrer ao concurso vén de adiarse ata o vindeiro 15 de novembro. A convocatoria está aberta a todas as persoas que residan en Galicia. Cada participante poderá presentar ata un máximo de tres fotografías individuais, ou ben ata tres series compostas de tres instantáneas cada unha, co acompañamento dunha breve descrición en galego nun 'tweet' de 140 caracteres. Admítense obras inéditas, en cor ou en branco e negro, con formato jpg e unha resolución mínima de 300 ppp, dun tamaño que non exceda os 5 mb.

As propostas deberán enviarse  ao enderezo imaxesconfondo@yahoo.es. O fallo do xurado darase a coñecer no acto de conmemoración do 15º aniversario do Fondo Galego de Cooepración e Solidariedade. Na redacción das bases colaboraron Agareso, a Asociación Provincial de Fotógrafos Profesionais de Pontevedra, a Asociación Provincial de Fotógrafos Profesionais de Lugo, a Agrupación Fotográfica Galega e a Asociación Fotográfica Galega 'Phosgalicia'. A actividade ‘Imaxes con Fondo’ encádrase no Plan de Sensibilización 2012 do Fondo Galego de Cooperación, cofinanciado pola Xunta de Galicia.