Aviso:

[Pechar}


Bafatá (Guinea Bissau) 2015-01-08

Gabriel Tizón inaugura en Bissau a exposición 'Europa, realidade dun soño', primeira parada do proxecto Causas Comúns

Inauguración da mostra en Guinea Bissau.A exposición fotográfica 'Europa, realidade dun soño' do fotógrafo galego Gabriel Tizón inaugurouse onte en Bafatá (Guinea Bissau) coa participación de máis de 300 persoas. Esta inauguración é a primeira parada do proxecto Causas Comúns, que apoian o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Pontevedra.

Causas Comúns nace cun obxectivo claro: informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego como ao de Guinea Bissau, do cada vez máis evidente incumprimento dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa. A vivenda, o traballo, a comida, a xustiza… Son xa artigos de luxo, non só nos "países pobres" ou empobrecidos.

Despois de experiencias anteriores en Guinea Bissau e noutros países africanos por parte do autor desta mostra, con exercicios similares a esta exposición, son moitas e moitos quen recoñecen non ser conscientes desta realidade, dunha Europa chea de dificultades económicas e sociais, o que nalgúns casos lles fixo reflexionar e reconsiderar a súa decisión de emigrar. Coa exposición 'Europa, realidade dun soño' preténdese resaltar a importancia de dar a coñecer esta situación entre o pobo africano, para visibilizar ao que se enfrontan e os obstáculos que se van atopar no camiño a Europa.

Dúas guineanas observan unha fotografía de Tizón.Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana permanecerán en Bissau até o día 17 de xaneiro realizando distintos  obradoiros con fotógrafos locais e líderes de diferentes comunidades, ao tempo que presentan a exposición en diversas vilas do país.

A inmigración no século XXI é, segundo as persoas expertas, un dos principais problemas ao que se vai  enfrontar a humanidade. Unha situación que non é nova nin descoñecida para o pobo galego, en particular, e en xeral para o resto da sociedade española, consciente dos custos históricos e sociais da emigración e día a día das graves violacións de Dereitos Humanos que acontecen nas nosas fronteiras.

O proxecto Causas Comúns aterrará a finais de febreiro en Pontevedra da man da exposición 'África, soños e mentiras', para tecer unha ponte de solidariedade coas persoas que deciden migrar ao noso país.  A mostra presentarase na cidade do Lérez e circulará por distintos centros sociais e de ensino ata o mes de xuño. Posteriormente, a exposición converterase en itinerante entre as administracións socias do Fondo Galego.

Este proxecto está apoiado integramente polo Fondo Galego de Cooperación e o Concello de Pontevedra, en estreita colaboración coa ONG local EACS-D.