Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-11-25

Haití e os seus terremotos, foco da conversa online con Iolanda Fresnillo no #Alén2015 de novembro

- A promotora do proxecto de investigación “Haití, os outros terremotos” da resposta aos problemas que azoutan ao país máis empobrecido de América Latina e o Caribe
- O encontro dixital realizarase o xoves 26 de novembro nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entre as 16.30 e as 18.00 horas

Pontevedra, 23 de novembro de 2015. Iolanda Fresnillo, consultora en finanzas ao desenvolvemento e comunicación, estará esta semana nas redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para falar do país máis empobrecido de América Latina e o Caribe, Haití, valorar as consecuencias do terremoto que devastou o país en 2010, deixando ao redor de 217.000 mortos e 1,3 millóns de persoas sen fogar, así como analizar os “outros terremotos” que se agochan detrás da súa agonía.
A charla terá lugar o xoves 26 de novembro nos perfís de Facebook e Twitter da entidade municipalista, entre as 16.30 e as 18.00 horas. Iolanda Fresnillo dará luz á escuridade que rodea a Haití: a catástrofe tinguida de solidariedade, a invisibilización por parte dos medios semanas despois do sismo, o negocio da reconstrución, a ocupación militar do país e un longo etcétera que agudiza o empobrecemento do país e nos que traballa a socióloga a través do seu proxecto “Haití, outros terremotos”, tentando ofrecer respostas contrastadas con datos e testemuñas.

#EncontroFresnillo
Existen diferentes vías para participar no ciberencontro. En directo, as preguntas poden formularse en “comentar”, debaixo da fotografía de Iolanda Fresnillo que se publicará no perfil de Facebook do Fondo Galego ás 16.30 horas do xoves 26 de novembro. No Twitter, as cuestións pódense expor co hashtag #EncontroFresnillo.
Aquelas persoas que non poidan intervir á hora fixada para a conversa, poden deixar as súas preguntas neste formulario con carácter previo; no Facebook, no espazo reservado a comentarios nas publicacións que anuncian o encontro ou nunha mensaxe privada; no Twitter, co citado hashtag, ou ben envialas a: fondogalego@gmail.com.
As persoas que acheguen as súas dúbidas ao #EncontroFresnillo poderán obter un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi, a que escollan do catálogo; e só por participar entrarán nun sorteo dun lote de libros que levaremos a cabo o 23 de decembro, cando finalicen os encontros #Alén2015.

Iolanda Fresnillo
Licenciada en Socioloxía pola Universidade de Barcelona, realizou un Máster en Desenvolvemento e Cooperación pola mesma universidade. Actualmente é a directora da Fundación Tot Raval e promotora e investigadora do proxecto citado anteriormente, “Haití, outros terremotos”.
Nas últimas dúas décadas participou activamente en distintos movementos sociais locais, nacionais e internacionais, así como en campañas ao desenvolvemento, finanzas, débeda, dereitos humanos, medio ambiente, paz ou comercio e consumo responsables.
Durante dez anos exerceu como investigadora en finanzas ao desenvolvemento e responsable de campañas e comunicación no Observatori del Deute en la Globalització, foi responsable de políticas e sobre Débeda e FMI en Eurodad e traballou consultora de investigación de Medicos Sin Fronteras e no Instituto Transnacional de Amsterdam. Ten publicado artigos e traballos de investigación en distintos medios e plataformas.

#Alén2015
O programa de encontros dixitais #Alén2015 púxose en marcha en xaneiro de 2014 a través de doce charlas online con carácter mensual coa finalidade de achegar á cidadanía a valoración de diferentes axentes da cooperación sobre a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), promover o debate e a reflexión en torno a distintas temáticas relacionadas con estas metas definidas pola ONU no ano 2000 e darlle visibilidade ás propostas das persoas convidadas para a nova Axenda de Desenvolvemento Sostible, que se aprobou en Nova York o pasado mes de setembro e que guiarán a cooperación internacional ata 2030.