Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-04-04

Helena Maleno: “A liberdade de movemento fai medrar o ser humano e os pobos"

A experta en fenómenos migratorios foi a convidada do encontro dixital do mes de marzo, celebrado o venres 28 nos medios sociais do Fondo Galego no marco do programa #Alén2015.

Helena Maleno Garzón (Almería, 1975) é licenciada en Ciencias da Información, experta en migracións e trata de seres humanos e especialista en investigación acción participativa e en xénero e desenvolvemento. Leva desde 2002 ligada á cuestión migratoria. Actualmente, forma parte da rede de apoio Caminando Fronteras/Walking Borders e ten un espazo propio en Periodismo Humano, Pandoras Invisibles.

1. Tes notado unha evolución, a mellor ou a peor, no tratamento mediático da inmigración?
O tratamento da información foi evolucionando nestes anos cara a unha linguaxe militarizada, linguaxe que fai pensar na fronteira como un espazo en guerra e que propicia o control e o uso de medios de combate.

2. Por que os medios de comunicación se volven cómplices co sistema e utilizan os mesmos conceptos, como "avalancha", para contar o que está a pasar? Por que non interesa contar cal é a verdadeira estrutura á que están sometidos os inmigrantes, as mafias, e se simplifica o problema?
É a linguaxe militarizada da que falabamos antes. Interesa crear unha zona de guerra, a industria do control dá moito diñeiro. O discurso das mafias é un discurso trasnoitado porque non son as grandes mafias as que fan saltar un valo, así que ese discurso xa non nos serve para o control. Cantas máis barreiras se poñen, máis se favorecen elementos como a trata de seres humanos. Son os estados os que alimentan negocios coma o tráfico de armas e a trata.
Respecto ao tratamento e á linguaxe utilizada polos medios hai varias cousas a destacar. A primeira, que todos usan a mesma linguaxe (salvo algúns medios como eldiario.es ou La Información). O resto, tanto axencias como medios xerais, inciden en termos como “avalancha”, “ataque”, “forza”, como se fose un conflito... Primeiro a inmigración foi un problema e agora pasa a ser un conflito. A portada dos 30.000 de El País foi un exemplo terrible, portada repetida en 2005 e en 2014, nove anos despois, tanto o medio coma o xornalista fixeron gala dunha irresponsabilidade total.

3. Que solución se propón desde Caminando Fronteras ao que está a pasar en Melilla?
É unha situación que debe estudarse por parte dos diferentes expertos en fronteiras. Melilla é unha cidade militarizada desde hai moitos anos, para quen chega e para quen vive nela. Non podemos permitirnos cidades no Estado español onde non existan os dereitos fundamentais porque estamos a crebar a democracia.

4. Hai uns días, o goberno pedía un pacto de Estado coa principal forza da oposición para atallar esta situación, pero non recorreu a Europa para acordar unha política común en materia de inmigración. Está a mirar Europa cara outro lado?
Europa mira cara a fortaleza no canto de mirar cara a mestizaxe. Temos medo de rematar cos nosos privilexios. A súa política en fronteiras está acorde coas súas políticas de desigualdade e de inxustiza social.

5. Cal é a función ou funcións específicas que levas a cabo nestes momentos en relación co tema da inmigración e que foi o que te levou a especializarte, e por conseguinte ser unha experta en movementos migratorios, especialmente en África?
Son investigadora e observadora dos dereitos humanos nas fronteiras, zonas de exclusión de dereitos fundamentais. Supoño que me especialicei pola miña procedencia, unha zona pobre que foi tamén fronteira sur coa Europa rica.

6. Cres que é necesario erradicar as fronteiras? Que consecuencias tería iso tanto para os países do Norte como para os do Sur?
Creo que a liberdade de movemento fai medrar o ser humano e os pobos, que hai moitas zonas do mundo que teñen libre circulación e que non hai ningún perigo entre elas. A liberdade de movemento é algo natural.

7. Neste 2014 están por concluír os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e o ciclo #Alén2015 (onde se enmarcan os encontros dixitais mensuais que estamos a realizar) quere facer un balance sobre eles. Que balance xeral fas dos ODM e que significaron segundo o teu punto de vista? Tes algunha recomendación para a axenda do sistema internacional de cooperación?
Por desgraza, estes grandes movementos son moi publicitarios pero pouco eficaces en xeral, hai que traballar na base, nos movementos sociais de base e de aí ir ao macro. A cooperación foi en moitos casos un sistema perverso que supuxo a continuación da colonización e moitas veces non respondía ás necesidades das sociedades de base, ao contrario, desmantelaban movementos sociais impoñendo axendas. Hai que reformular moitas cuestións dentro da cooperación.
As axendas non deben vir desde os países doadores, as axendas deben confirmarse desde as sociedades de orixe, son elas as que deben fixar as prioridades. Ademais, hai que traballar desde os procesos e non desde os proxectos, investir en procesos dános unha maior garantía de conseguir resultados. Os proxectos constrínxennos e entramos na perversión de xustificar cartos para que nos cheguen máis cartos. Así, as organizacións que son máis eficaces xustificando cartos son aquelas que reciben máis fondos, converténdoas nunha subcontratación barata do Estado.
Falando cun compañeiro pregunteille como os nosos doadores (nós somos un colectivo moi pequeno) poderían desgravarse as doazóns (de 20 euros, 50 euros) e díxome que había que ter utilidade pública e que iso supoñía auditorías e demais, máis gastos. Ao final, os doadores de organizacións grandes desgravan e os outros non. Estamos no sistema de canto máis cartos tes, máis acumulas, mesmo no social.

1. Erradicar a pobreza extrema e a fame.
2: Lograr o ensino primario universal.
3: Promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller.
4: Reducir a mortalidade infantil.
5: Mellorar a saúde materna.
6: Combater o VIH/SIDA, o paludismo e outras enfermidades.
7. Garantir a Sostibilidade do medio.

Respecto dos Obxectivos do Milenio, creo que na nosa experiencia, en moitas zonas de África non só non se avanzou, senón que fomos cara a moi atrás: Mali sofre unha maior fame derivada do novo conflito. Guinea Conakry e Bissau son estados sen administración onde cada vez máis nenos saen vítimas de trata para conflitos bélicos e correos da droga. Libia, durante o conflito, bélico asistiu ao asasinato de máis de 300 mulleres nixerianas vítimas de trata polas que ningunha axencia internacional se preocupou. China compite polo espolio de recursos humanos en Togo, República Democrática do Congo, Camerún, xunto coas grandes europeas e Estados Unidos.
Neste sistema capitalista en crise, os Obxectivos do Milenio foron só uns bos desexos... Para conseguilos hai que apostar pola defensa de dereitos fundamentais. Dereitos fundamentais que lles son negados ás maioría dos seres humanos do planeta.

8. Por que custa tanto entender o fenómeno da inmigración, cando nós mesmos fomos un pobo historicamente obrigado a emigrar?
Porque nos educan para non ter "memoria histórica", é moito máis interesante para o sistema, así somos máis doadamente manipulables. Non só fomos un pobo obrigado a emigrar, senón que agora seguímolo facendo, saímos máis que persoas entraron... É máis, moitos dos inmigrantes que entran no Estado español fano como tránsito para ir cara a outros países europeos. Non hai que esquecer quen somos, somos un pobo historicamente de mestizaxes, e negar as nosas raíces é un grande erro.

9. Consideras que a trata se converteu nunha oportunidade para migrar nos países de orixe debido á política migratoria dos países da UE?
Totalmente, as redes de trata son sistemas eficaces para atravesar fronteiras que son "permeables" para as mercadorías (entendendo que o ser humano se converte en mercadoría para o sistema neoliberal) e deste xeito, véndense na captación das persoas tratadas.
Aquí vos envío dous informes, o primeiro fala sobre a situación das mulleres emigrantes durante o tránsito migratorio; o segundo fai unha mirada cara a realidade da trata no Estado español. Podemos establecer unha relación entre ambos os dous e ver como estas persoas van diluíndose entre as políticas dos estados.

10. Como observas o tema da inmigración de cara ás eleccións parlamentarias europeas de maio próximo, en particular ante o previsible ascenso electoral de formacións de extrema dereita, como o francés Fronte Nacional de Marine Le Pen ou o Partido da Liberdade de Geer Wilders en Holanda. Existe conciencia política no debate electoral europeo sobre o tema da inmigración?
Vexo as eleccións europeas con moita preocupación. O outro día estaba a ver un interesante documental que falaba dos anos previos a que Hitler alcanzase o poder, das mensaxes de Goebbels, e foi duro ver como asistimos a un escenario parecido, coma se non tivésemos evolucionado en todos estes anos.
E preguntas, existe conciencia política no debate electoral europeo sobre o tema da inmigración? A conciencia é que o discurso do rexeitamento dá votos, que o discurso do medo, da inseguridade, dá votos e ninguén quere perdelos. É triste, pero o outro día unha enfermeira nova marroquí (falando do que pasou en Ceuta o día 6 de febreiro, cando 15 persoas perderon a vida) dicíalle ao doutor que estaba sorprendido, "doutor non os ven como persoas, por iso tiran contra eles na auga, porque non os ven como iguais".
Aproveito para que observedes o informe que fixemos desde o colectivo Caminando Fronteras sobre a traxedia, un informe co que pretendemos facer dúas cousas: respectar o dereito ás vítimas, feridos e familiares, da traxedia (todas desapareceron en Marrocos) a ser escoitados -imaxinade se na traxedia do tren de Santiago non tivesemos escoitado as vítimas-,  e o segundo punto é o dereito da nosa sociedade á información, cando vimos que o noso goberno daba datos que se contradicían todo o tempo.

11. Teñen algo positivo as fronteiras? Non crees que serven máis para desunir que para unir?
As fronteiras separan pero as fronteiras non son herméticas, reproducen o noso sistema capitalista e permiten o tránsito das mercadorías que ao noso sistema lles beneficia... Para iso están as fronteiras, para favorecer os sistemas económicos e non o encontro dos pobos.
O Tercer Reich é recordado comunmente pola vaga de morte e destrución en que sumiu ao continente europeo durante a Segunda Guerra Mundial, pero moi pouco coñece o público xeral sobre o seu ascenso en Alemaña e os resortes que permitiron ao partido nazi conseguir un poder absoluto e mantelo durante anos.
Este documental en dous episodios ilustra estas cuestións presentando ao espectador a vida dos alemáns durante os anos trinta, tanto a dos que apoiaron o ascenso de Hitler coma a daqueles que acabaron converténdose nas súas primeiras vítimas. Para isto, emprégase material audiovisual de época (tanto gravacións oficiais como realizadas por afeccionados á filmografía, nalgúns casos en cor) e testemuños escritos de cidadáns alemáns correntes. Falando da necesidade de recuperar a nosa memoria para empatizar co que creemos diferente, pásovos o documental.
Aquí tedes o enlace do informe 2013 que Médicos Sin Fronteras (MSF) fixo antes de saír de Marrocos, no que explica a violencia nas fronteiras.

12. A idea que nos venden desde Europa é real, é dicir,  realmente non existen as fronteiras na Unión Europea?
A globalización debería centrarse máis na supresión de fronteiras que no beneficio duns poucos? Evidentemente, a globalización ten cousas boas, o contacto entre os pobos, o coñecemento ao movemento, pero a globalización por parte do sistema económico non é entendida como tal... Globalización para eles é optimizar beneficios e ter maior capacidade para espoliar economicamente zonas como África e así aumentar as desigualdades entre os pobos. Nestes anos os tres grandes negocios do mundo, tráfico de armas, trata de seres humanos e tráfico de drogas, aumentaron.

13. Cres que os gobernos permiten "mafias" como a trata de blancas? É a emigración un negocio?
Non sigamos dicindo "trata de brancas", é un erro que nos meteron na cabeza durante tempo, é mellor dicir "trata de seres humanos". No noso traballo de terreo decatámonos de que canto máis duras son as fronteiras máis grandes son as redes que se dedican á trata de seres humanos, son elas as que poden sufragar 4.000 euros para o cruzamento. Dun lado está isto e, doutro, están os movementos máis solidarios e de grupo, como salto ao valo ou as toys que atravesan o estreito. As fronteiras son un gran negocio, din os nosos compañeiros emigrantes, somos un business para os estados e é nestes estados onde están as grandes mafias.

14. Que diferenza hai entre os CIE e os CETI e cal é a súa verdadeira función?
Os CETI (Centros de Estancia Temporal de Inmigrantes) están situados en Ceuta e Melilla, son abertos e os inmigrantes entran e saen... Son Ceuta e Melilla os verdadeiros cárceres, ou sexa, eses inmigrantes, a pesar de estar no Estado español non poden ir á península, nin sequera aqueles que teñen a demanda de asilo admitida. Un compañeiro demandante de asilo morreu hai uns anos cando intentou chegar á península debaixo dun camión tendo os seus papeis de demandante en regra. Desde os CETI vanos enviando á península coa súa orde de expulsión debaixo do brazo, se conseguen un acordo de deportación entón envíanos aos CIE.
Os CIE (Centros de Internamento de Estranxeiros) son centros onde os inmigrantes están privados de liberdade. Suponse que neles se prepara a deportación do inmigrante ao país de orixe. Os inmigrantes que chegan en pateira a Andalucía ou aos aeroportos van aos CIE, tamén persoas que levan tempo no Estado español e que os detiveron nunha redada ou persoas que cumpriron condena por algún delito e logo depórtanos posteriormente á prisión.
Pásovos un informe de Women's Link sobre a situación de mulleres nos centros internamento de estranxeiros. Tamén esta ligazón de compañeiros que están a facer un traballo moi bo nos CIE (recordade que agora se está a cambiar o seu regulamento). Pásovos o informe de Pueblos Unidos de 2012 sobre os CIE.

15. Que opinas  da importancia da "inclusión" en Educación Infantil e Primaria?
Que temos que mirar os nenos/as e adolescentes coma o que son, como nenos/as e adolescentes, é dicir, o enfoque de dereitos da infancia debe primar sobre calquera situación. Particularmente gústame moito o enfoque de Save the Children Italia neste sentido (http://bit.ly/1aSULnG).
O interese superior da/do nena/o.
Non discriminación.
Dereito á protección.
Dereito á vida, á supervivencia e ao desenvolvemento.
Dereito á participación.
Dereito á unidade familiar.
Respecto á identidade cultural e da mediación cultural e lingüística.
Información.

16. Por que se alarma tanto cos saltos se se reduciu o número considerablemente? Que factores influíron para que se reducise, a parte da crise?
Os saltos son máis visibles, non hai que esquecer que a maioría da inmigración entra polos aeroportos pagando moitos cartos, a xente que salta non paga, pero á vez pedimos cartos para que non salten, sobre todo agora en crise, pedimos millóns de euros a Europa para reforzar a fronteira. Como dixen antes, a xente que salta, na súa maioría, vanse a outros países europeos onde hai máis traballo. Ao mesmo tempo, a industria das concertinas e os materiais dá cartos á industria armamentísitca, creando un conflito, o Estado e as súas empresas gañan.

17. Cres que hai realmenre vontade de buscar solucións desde os países de destino da inmigración ou se está a usar esta realidade como unha baza e argumento político para gañar votos?
Hai que empezar por democratizar sistemas tremendamente corruptos coma o noso, que tamén se destapou como un Estado cun alto grao de corrupción, e despois rematar co espolio das grandes multinacionais e o "negocio das guerras", así que non hai vontade de buscar solucións na orixe, senón de crear alarma para seguir creando conflitos e xerando beneficios aos estados e empresas por estes. O discurso do medo dá moitos votos e nel mergulláronse os partidos maioritarios. É moi triste.