Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-04-26

IAF 130: Mobilízanse as actividades e avanzan os proxectos no Sur

O primeiro 'Infórmate a Fondo' do ano anuncia a Asemblea xeral de socios convocada para o 29 de abril en Santiago de Compostela, na que se fará balance de 2012 e se exporá o plan de actuación para o presente exercicio.

O número 130 do IAF, que en 2013 pasa a ter periodicidade trimestral, faise eco das novas actividades de sensibilización presentadas o mes pasado nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria e que os Concellos xa están a mobilizar. Ao tempo, recolle os avances rexistrados nos catro proxectos aprobados a outras tantas ONGD galegas en Nicaragua, Honduras e India.

O boletín que informa sobre a actividade do Fondo Galego nos meses de xaneiro, febreiro e marzo amosa asemade os resultados das Vacacións con Traballo en Santiago de Cuba. O traballo en terreo de Sara Besada, arquitecta do Concello de Vilagarcía, enfocouse coma unha misión técnica na idea de impulsar próximos proxectos de recostrución tras os efectos do furacán Sandy.

No 'Infórmate a Fondo' hai aínda oco para resumir a acividade central de 2012, a conmemoración do 15º aniversario do Fondo Galego nun ano no que se batiu o récord de actividades cun total de 113. Ilústrase asemade cunha imaxe o encontro da Confederación de Fondos do que saíu o 'Compromiso de València', que defende a pertinencia da cooperación descentralizada e o modelo de xestión dos Fondos diante da reforma da Lei do réxime local.

A publicación péchase con dous novos Fondos Destacados: O filme 'Fast food nation' e a banda deseñada 'Píldoras azules'.

IAF 130: Mobilízanse as actividades e avanzan os proxectos no Sur