Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-03-08

Igualdade para as mulleres: progreso para tod@s

A ONU salienta no Día Internacional das Mulleres que a igualdade de xénero, o empoderamento das donas e o respecto aos seus dereitos son esenciais para reducir a pobreza e acadar o desenvolvemento económico e social. 

'Igualdade para as mulleres: progreso para tod@s' é o lema escollido este ano polas Nacións Unidas para conmemorar o 8 de marzo o Día Internacional das Mulleres, xurdido das actividades dos movementos obreiros a finais do século XX en Norteamérica e Europa. ONU Mulleres vén de lanzar ademais a campaña #HeForShe, na que animan a homes de todo o mundo a erguer a súa voz contra as desigualdades que enfrontan as donas e as nenas.

Os países nos que hai máis igualdade de xénero experimentan un meirande crecemento económico. As empresas que contan con máis líderes mulleres logran mellores rendementos. Os acordos de paz que inclúen ás mulleres son máis duradeiros. Os parlamentos nos que hai máis mulleres aproban máis leis sobre cuestións sociais. As probas non deixan lugar a dúbidas: a igualdade da muller supón progresos para todos”, expresou con motivo desta xornada o secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon.

Na nosa contorna, moitos son os concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que organizan actividades para reivindicar a equidade de xénero no Día Internacional das Mulleres, tal é o caso dos Ciclos de Cine con Fondo. No Centro de Día de Castrelo de Miño vaise proxectar ás 18 horas o filme 'Clara Campoamor: la mujer olvidada', biopic sobre a política que conseguiu o voto para as españolas. No mesmo lugar amosarase entre o 10 e o 24 de marzo a exposición sobre os Obxectivos do Milenio.
Tamén o Concello de Lugo incluíu na súa programación unha serie de videofórums baixo o título 'Desestruturando os roles de xénero', que se desenvolverán entre o 10 e o 29 de marzo en distintos centros sociais da cidade. Na Guarda está a rematar a xira da mostra ‘Influír no global desde o local’ por diversos centros educativos da vila, mentres que a exposición ‘A paz cuestión de fondo’ arrincará a vindeira semana en Boiro.
 

Igualdade para as mulleres: progreso para tod@s