Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-11-03

Luzia Oca: "Pouco ou nada teñen profundado os medios galegos sobre temas como o racismo ou a discriminación"

A antropóloga social e presidenta da Asociación para a Cooperación con Cabo Verde estivo nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para aclarar as dúbidas das e dos usuarios sobre a comunidade caboverdiana en Burela, "a máis antiga da que se teña constancia en Galicia", un caso único, de aí o seu carácter mediático. No entanto, Oca sinala que os medios pouco ou nada teñen retratado a realidade "fóra de idealismos" deste grupo de migrantes chegado á Mariña na década de 1970 por motivos laborais.

Así mesmo, no encontro dixital, celebrado o pasado 27 de outubro, a autora dunha tese doutoral en torno a esta comunidade, amosouse crítica coas diferentes institucións galegas responsables da inclusión do colectivo, das que afirma que utilizaron a dita comunidade "para vender unha idea de integración que non existe nin de lonxe". Neste sentido, destacou a educación como factor clave nas políticas de integración e lamentou que o poder político non apoiase nin respectase outro tipo de métodos e accións coma o proxecto Bogavante e cuxa continuidade abandonaría porque "era imposíbel facer nada cun sistema de traballo tan burocrático", sinala.

O #EncontroOca, como se denominou o ciberencontro, enmárcase no programa #Alén2015, posto en marcha polo Fondo Galego en 2014 co propósito de avaliar os ODM e coñecer as propostas de diferentes axentes da cooperación e ONGD para a axenda de desenvolvemento post 2015 que se vén de definir na 70º Asemblea Xeral da ONU, celebrada do 23 ao 25 do pasado mes de setembro en Nova York.

Luzia Oca González (Ribadeo, 1971) é licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía e doutora en Antropoloxía Social pola USC coa tese 'Caboverdianas en Burela (1978/2008): Migración, relacións de xénero e intervención social'. Dende 2004 é profesora auxiliar do Departamento de Socioloxía, Economía e Xestión da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. 

É presidenta da Asociación para a Cooperación con Cabo Verde e participou en numerosos proxectos de cooperación ao desenvolvemento nestas illas. Foi técnica de Igualdade e Promoción da Muller no Concello de Camariñas e Recibiu o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2014, co traballo 'Badías en Burela. 1978/2008'.

1. Que valoración fas sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e os recén aprobados Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, tendo en conta o marco no que se desenvolven estes encontros dixitais?

Sobre os obxectivos, parécenme moi loábeis, pero vindo da ONU e dependendo do facer dos países mais desenvolvidos, teño pouca confianza en que se acaden neste marco internacional, marco que supón que para existir os países chamados ricos teña que haber outros na miseria ou pobreza. En certo modo supoñen un xeito de acalar conciencias.

2. Chámame a atención o feito de que unha comunidade afastada, como a caboverdiana, se asentase en Burela, sen ningunha vinculación previa aparente. A que se debe?

Foi un pouco por acaso, os caboverdianos chegaron a partir de 1977 para construír a fábrica de aluminio Alúmina. Despois foron marchando porque non os aceptaron como traballadores industriais; por acaso acabaron por inserirse na pesca de altura no porto de Burela, substituíndo aos mariñeiros locais, que se pasaron ao traballo industrial en Alúmina.

A partir de 1978 a existencia da comunidade ten dependido case exclusivamente do sector da pesca de altura. A man de obra caboverdiana é unha das primeiras estranxeiras na inserción laboral na pesca en Galicia.

3. Existen máis exemplos similares en Galicia?

Pois tan antigos penso que non e de migrantes africanos, da África Subsahariana, só comezan a chegar a Galicia só máis tarde. Penso que constitúen un caso único, e por iso son unha comunidade tan mediática, aínda que a nivel cuantitativo sexan un grupo máis ben pequeniño. Na actualidade calculo que haberá entre 500 e 600 persoas de orixe caboverdiana na Mariña, considerando como tales aos chegados e chegadas de Cabo Verde a aos seus/súas descendentes, que acadan xa a cuarta xeración.

4. E por que se elixiu Cabo Verde? Por ser colonia portuguesa? Algún tiña algún vínculo co país?

Se tes ganas de saber mais sobre esta comunidade e che gusta ler, podes dar unha visual á miña tese de doutoramento, que está en acceso libre. Nela contei a súa historia de forma pormenorizada, tamén a das súas vidas no país de orixe, antes da migración.
Non se escolleu Cabo Verde. Nos anos 70 había grupos de homes caboverdianos pululando por España adiante a partir de Lisboa. A maioría pretendía cruzar a Francia e outros países "desenvolvidos" pero moitos fracasaban no intento. Acabaron por enrolarse en empresas de construción e foron indo de obra en obra pola Península até chegar á Mariña. Por exemplo, construíron o encoro de Cedillo en Cáceres, o encoro de Berga en Barcelona, a central térmica de Andorra-Teruel...

5. Supoño que cos cambios socioeconómicos a situación das familias caboverdianas emigradas a Burela mudou nos últimos tempos (desemprego de homes que traballaban no mar e agora se atopan parados en casa, etc.). Cal é o contexto laboral e social na actualidade?

Os cambios que refires uníronse a outros, en especial novas modalidades de inserción laboral masculina, que aumentan a presenza dos homes nos fogares. Débese ter en conta que até mediados da década do 2000, a única forma de inserción laboral masculina era a pesca de altura, que levaba á ausencia de homes. Esa ausencia deu pé á centralidade das mulleres nas familias caboverdianas e na propia comunidade. Agora hai homes que traballan na pesca de baixura, na construción, outros vanse xubilando e outros están no desemprego; aínda así, como din as mulleres caboverdianas, "se non fora polo mar, non estaríamos acó".
Aínda se depende moitísimo do sector, que tamén tivo cambios nos últimos anos e aumentou a competencia interétnica. Chegaron outros colectivos (peruanos, senegaleses...) e, sobre todo, os empresarios están optando pola súper-explotación dun colectivo específico: os indonesios. As mulleres foron perdendo en parte aquela centralidade, sobre todo nos fogares, sendo elas en algúns casos as que agora sosteñen as familias.

6. Sabe se existe actualmente algún tipo de programa ou proxecto educativo entre a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e o Ministério da Educaçaõ e Desporto de Cabo Verde? Sabe se se fixo algo recentemente a este respecto, a maiores daquela viaxe que a profesora Elena Samartino López, do IES Monte Castelo, fixera alá polo 2011 ou 2012?

Témome que non hai nada, aparte da boa vontade de persoas como Helena Samartino e moitas outras que dende a inserción dos nenos e nenas caboverdianas nas escolas da Mariña a principios dos anos 80 se teñen deixado a pel para lograr un ensino mais inclusivo. 

A verdade é que a educación debería ser un dos temas chave nas políticas de integración e coido que non se ten coidado este asunto dende as institucións, a Consellería en especial. O discurso da integración perfecta oculta o enorme fracaso escolar que ten habido e hai. Por exemplo, cando na segunda metade do 2000 chegaron varias decenas de escolares directamente de Cabo Verde, non houbo ningún programa que articulase escola e familia, un dos puntos fundamentais para lograr mudanzas na educación das xeracións de descendentes.

Dende a nosa asociación, ACCVE Cabo Verde, promovemos entre 2007 e 2009 unha rede de escolas entre A Mariña e as escolas das localidades de orixe sen case apoio institucional (o daquela goberno bipartito de Burela financiounos o envío dun contenedor con material escolar que foi enchido con materiais ofrecidos polos coles mariñaos aos caboverdianos).

7. Coa túa experiencia co asentamento caboverdiano, como cres que podería funcionar a chegada dos refuxiados sirios? Por que se está a demorar tanto unha solución que parece máis viable? Só é fallo da UE?

Paréceme un tema complexo, pero o que está por tras son cuestións de política internacional e venda de armas dos países europeos, entre outros, a países en conflito. A UE mira para outro lado, como ten feito repetidamente. Paréceme unha vergoña, como pouco.

8. No teu traballo coa comunidade caboverdiana, que foi o que máis te reconfortou? E cal foi a maior dificultade para seguir adiante cos proxectos?

O que máis me reconfortou foi ir vendo as mudanzas do colectivo e a determinación das mulleres para lograr os dereitos de cidadanía que tanto tempo lles tiñas sido negados; tamén o seu papel como transmisoras da súa cultura ao resto da sociedade.

O peor sen dúbida foi comprobar como o poder político local e autonómico se fixo cunha intervención que estaba funcionando moi ben e converteuna nunha especie de proxecto asistencialista, para a súa propia autopublicidade, de xeito que o colectivo caboverdiano ten sido utilizado polo poder político para vender unha idea de integración que dende o meu ver non existe nin de lonxe

O poder fala de empoderar ás persoas pero realmente non lle convén, polo que disfraza as súas actuacións tentando manter ben controlados aos colectivos migrantes. Espero que a nova Delegación de Inmigración e Cooperación do Concello de Burela sexa capaz de mudar o rumbo da intervención con migrantes en Burela. A verdade é que non o vai ter fácil, despois de tantos anos de asistencialismo e burocratización da intervención municipal.

9. Tendo en conta este contexto de crise, ten datos que sinalen, por exemplo, o retorno de emigrantes a Cabo Verde ou a emigración a outros lugares. De ser así, danse casos de mulleres xa nacidas en Galicia que tivesen que regresar ou emigrar a outros lugares?

Pois no caso desta comunidade en Burela, ten recibido persoas caboverdianas vindas doutros contextos mais difíciles, como Lisboa ou Zaragoza. Non ten habido grandes movementos de re-emigración por causa da crise, parece que a pesca, a pesar da competencia étnica e a inseguridade salarial, vai deixando aguantar a comunidade. No caso dos xubilados, moi poucos regresaron para ficar en Cabo Verde, xa que a maioría ten vivido máis anos acó que aló, e teñen fillos/as e netos/as dos que non se queren separar.

A  pesar de que en 2009/2010 parou a migración laboral (a xente que viña a través de ofertas de traballo), até agora continuaron a chegar a través de reagrupamento familiar as mulleres e fillos/as dos migrantes chegados e chegadas antes da crise. Sobre as mulleres nacidas acó, no grupo das maiores hai bastantes que se teñen movido a cidades galegas, para traballar e unhas pouquiñas a estudar.

10. Como é o desenvolvemento da arte de rúa en Galicia? Hai grupos independentes? Eles son formalmente remunerados? E os caboverdianos, como é a arte caboverdiana?

A verdade é que non existen colectivos caboverdianos vinculados á arte de rúa, aínda que si á música. Na década do 2000 a comunidade cuadriplicouse e isto fixo agromar un numeroso grupo de xente nova. Ao mesmo tempo, aumentou o contacto entre Galicia e Cabo Verde, en grande medida, a través das redes sociais.

Na actualidade, en Burela, alén dos dous grupos de batukadeiras Batuko Tabanka e Batuko Rabentola, hai grupos de rapaces e raparigas que fan música de raíz caboverdiana e hip hop, pero arte de rúa tipo graffiti, teatro... non hai.

11. Á hora de executar un proxecto sempre se atopan dificultades, pero deches con algún atranco que te collese realmente de sorpresa?

A verdade é que cando cheguei a Burela en 1998 non tiña experiencia como coordinadora de proxectos. Sorprendeume, para ben, a tenacidade e forza das mulleres da comunidade para mudar a súa realidade.

O atranco principal, como dicía antes, foi o poder político local, que ficou moi molesto porque desafiamos publicamente e con accións o seu discurso da suposta integración perfecta. Foron moitas pedras as que nos puxeron no camiño, até que finalmente decidín abandonar a intervención porque considerei que era imposíbel facer nada cun sistema de traballo tan burocrático.

Hai que matizar que eu comecei traballando, non para o concello, senón para a Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, no proxecto Bogavante. Cando este finalizou, o Concello/Xunta apropiáronse da intervención e tiveron que contratarme para o seu novo proxecto grazas á presión que fixeron as mulleres caboverdianas. Aguantei ano e medio...

12. Cal foi o motivo principal para decantarte pola comunidade caboverdiana?

Ofrecéronme ir traballar aí e fun encantada. Confeso que ao inicio tiña certo medo de non gustarlle ás persoas caboverdianas, sobre as que pouco se sabía daquela, e como pensaba que o traballo debía ser participativo iso podería ser un verdadeiro atranco.

A relación coas mulleres caboverdianas foi moi boa dende o inicio e como antropóloga que son, a miña curiosidade pola súa cultura e o seu país fíxome estar investigando anos e anos. E, como non, ir a Cabo Verde en canto xuntei uns cartiños, no ano 2000.

13. Consideras chave as próximas eleccións para as políticas de emigración?

Probabelmente asistamos a todo tipo de discursos, aínda que teño a impresión de que o tema xa non está tanto na axenda como anos atrás. Aínda así, coido que hai moitísimo que facer ao respecto e preocúpanme especialmente en tempos de crise os discursos racistas e xenófobos que atopan unha boa caixa de resonancia na situación socioeconómica penosa que estamos a vivir.

14. Que opinas sobre o tratamento informativo das persoas migrantes, nomeadamente das mulleres, e máis en concreto no caso dos medios tradicionais galegos?

Non sempre é o máis correcto, se cadra agora o tema está menos nos media, pero, como teño analizado na miña tese, no caso desta comunidade, os media galegos e locais teñen ofrecido imaxes moi pouco acordes coa realidade, especialmente para favorecer a imaxe dos políticos dando datos sen contrastar e promovendo unha imaxe idílica.

Hai anos tiven relación con Agareso, que fixo unha visita a Cabo Verde e escribiu sobre o noso traballo aló. Pouco ou nada teñen profundado os medios sobre temas como o racismo, a discriminación, etc. e cando son abordados é para afirmar que todo está ben.

15. Que proxectos facedes dende a túa asociación e onde, só en Cabo Verde? Facedes sensibilización en Galicia? Decidiches fundala a raíz de túa tese?

A asociación existe dende 2003, e levamos anos con proxectos en Cabo Verde e tamén en Burela. Nos útimos tempos, cos recortes en cooperación, decidimos centrarnos en Cabo Verde e continuar apoiando ás mulleres da Cooperativa Sulada, aínda que tamén traballamos durante anos con nenos/as da rúa ou en risco na illa de San Vicente. A tese é posterior aos proxectos, e nela recollo moitas experiencias e moitas aprendizaxes dos meus traballos na illa de Santiago, de onde provén a maior parte da comunidade asentada en Burela.

Xa que as preguntas se teñen centrado en Burela, partillo con vós algunhas fotos do traballo no que con outras compañeiras como Carmen Presa e Maria Alice Sena Mascarenhas teño participado en Cabo Verde e que ten dado froitos como a Cooperativa Sulada, que se acaba de formalizar recentemente. O percurso das mulleres da Cooperativa Sulada mostra como é posíbel o empoderamento, por máis atrancos que haxa no camiño, se as mulleres teñen a firme intención de loitar e parceiros que as apoien na camiñada. Esta intervención iniciouse en 2007 e aínda continua, demostrando que hai que ter paciencia e darlle tempo ao tempo para que os proxectos maduren e dean froitos.

16. Algún proxecto que soñes levar adiante, coa comunidade caboverdiana ou algunha outra? Algún 'mantra' aprendido nestes anos de oficio que te obrigues a repetirte a ti mesma á hora de comezar un novo traballo? Esa ensinanza que non está nos libros, senón na práctica?

Sobre os mantras, aprendín que a antropoloxía e o seu método de traballo son os mais idóneos para proxectos de desenvolvemento. O método etnográfico supón un achegamento horizontal aos colectivos cos que traballamos, dende o respecto, fomentando relacións de confianza que nos permitan coñecer realmente as persoas coas que intervimos.

O proxecto soñado foron realmente todos os proxectos nos que participei, algúns chegaron a mellores resultados que outros, pero penso que todos eles contribuíron nalgunha medida a mudar aspectos da realidade sendo que os atrancos case sempre viñeron de parte das institucións implicadas, coas que hai que ser moooi cautelosa e diplomática, pero até certo punto.

Quero aproveitar para deixar algúns links sobre o traballo en Burela e Cabo Verde para quen teña interese, e como despedida especial déixovos cun batuko do Día da Muller Caboverdiana 2014 en Burela; un pequeno documental sobre a experiencia de alfabetización das mulleres de Gouveia en 2007, as que hoxe forman a Cooperativa Sulada; e un programa da televisión caboverdiana sobre as mulleres de Gouveia.

Liga o sorteo dende a túa web:
Sorteo #EncontroOca

Resultado do Sorteo

Un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi: Fabiano