Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-10-19

Manos Unidas analiza nun novo ciberencontro os problemas globais, propostas e retos para transformar o mundo post 2015

- A ONG falará na cita #Alén2015 de outubro sobre pobreza, desigualdade ou desafíos da seguridade alimentaria na axenda de desenvolvemento internacional.
- A conversa online terá lugar nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o vindeiro mércores 29, entre as 12 e as 14 horas.

Marco Gordillo coordina as campañas de Manos Unidas.O coordinador de campañas e redes de Manos Unidas, Marco Gordillo, estará nas plataformas sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o vindeiro mércores 29 de outubro para falar sobre as desigualdades, a pobreza, o desenvolvemento sostible e a necesidade dun cambio de paradigma no actual modelo de desenvolvemento para a construción da Axenda Post 2015 de desenvolvemento sostible.

Tanto Manos Unidas como a Coordinadora Estatal de ONGD forman parte da rede internacional 'Beyond 2015' (Máis alá de 2015), desde onde se elaboran propostas da sociedade civil para unha axenda de desenvolvemento participativa, crítica e transformadora. Neste contexto, Gordillo, membro da Xunta de Goberno da Coordinadora de ONG para el Desarrollo (CONGDE), onde exerce a vogalía de Incidencia Política, exporá os valores e principios para crear a nova axenda, así como os instrumentos necesarios para garantir o cumprimento dos seus obxectivos.

#EncontroUnidas
Marco Gordillo conversará coas usuarias e usuarios en directo, a través do perfil de Facebook (facebook.com/fondogalego) do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía do convidado que se publicará ao comezo do encontro, así como na conta de Twitter (@FondoGalego) da organización, co hashtag #EncontroUnidas.

Aquelas persoas que desexen participar pero non poidan facelo o día e horas fixadas para o ciberencontro, poden deixar as súas preguntas con carácter previo no Facebook do Fondo Galego, nos posts relacionados coa charla publicados nesta rede social; no Twitter, empregando o hashtag #EncontroUnidas ou enviar as súas cuestións a fondogalego@gmail.com

#Alén2015
Esta conversa forma parte de #Alén2015, un programa que se está a desenvolver ao longo deste ano a través de encontros dixitais con periodicidade mensual, cuxo obxectivo é crear un espazo de reflexión e debate sobre temas vinculados aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que conclúen o vindeiro ano, ademais de recoller as distintas propostas das organizacións e axentes da cooperación que participan nos ciberencontros para a Axenda de Desenvolvemento Post 2015.

Todas as intervencións realizadas até o momento pódense consultar no web do Fondo Galego. A primeira realizouse en xaneiro e nela contamos co cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización, David Llistar. Versou sobre a anticooperación, título homónimo dun dos seus libros; en febreiro estivo nas redes sociais do Fondo Galego Sarsur, un colectivo coruñés que aportou unha interesante visión sobre a situación do Sáhara Occidental; Helena Maleno investigadora e integrante da rede de apoio Caminando Fronteras/Walking Borders, abordou en marzo os fenómenos migratorios e fronteiras; Tom Kucharz, membro de Ecologistas en Acción, ofreceu unha pormenorizada reflexión sobre o declive enerxético, o consumo ou o cambio climático, entre outros temas, na charla de abril; Nacho Martínez, da Plataforma 2015 y más, falou sobre os ODM e a Axenda Post 2015 na conversa de maio.

En xuño, Amaia Celorrio, de ACNUR, fixo unha análise da situación que están a vivir persoas refuxiadas de todo o mundo; Margarita González, do grupo local de Amnistía Internacional na Coruña, foi a convidada de xullo, e o seu discurso centrouse nos protocolos de actuación e intervencións de AI en países en conflito; en agosto estivo nos perfís da entidade municipalista María Reimóndez, fundadora e vicepresidenta de Implicadas no Desenvolvemento, quen amosou algunhas "alternativas" ao sistema de cooperación tradicional, ademais de tratar cuestións tan interesantes como os criterios de selección de países prioritarios para a realización de proxectos de cooperación; e no último encontro, o de setembro, contamos con Pablo Rodríguez, que representou á Coordinadora Galega de ONGD, e tratou, entre outras cuestións, o labor das organizacións galegas, tanto a nivel local como internacional, o seu papel na sociedade e as dificultades ás que se enfrontan produto da crise.

Marco Gordillo
É licenciado en Filosofía e especializado en Dirección de Asuntos Públicos. Exerce como responsable de campañas e traballo en rede en Manos Unidas. Participa activamente en redes de cooperación europeas (CIDSE) e intersectoriais (Coalición Clima) nas que traballa temas como a pobreza e o cambio climático ou a futura axenda de desenvolvemento post 2015. Participou como observador nas reunións de Nacións Unidas sobre cambio climático e no cumio Río+20 sobre desenvolvemento sostible. É membro activo do Consello de Cooperación, de ámbito estatal, como integrante do grupo de traballo sobre a axenda de desenvolvemento post 2015.