Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-08-22

María Reimóndez amosa a cooperación desde unha óptica feminista e de país no oitavo ciberencontro #Alén2015

- A fundadora de Implicadas no Desenvolvemento falará sobre a actividade desta ONGD e as alternativas que “temos na nosa man para transformar e transformarnos”.
- A conversa terá lugar nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego o venres 29 de agosto, entre as 12 e as 14 horas.

A escritora María Reimóndez, fundadora da ONGD Implicadas no Desenvolvemento.A intérprete, tradutora e escritora María Reimóndez estará nas redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o vindeiro venres 29 de agosto para falar sobre a filosofía e proxectos de Implicadas no Desenvolvemento, amais de ofrecer unha visión crítica do sistema de cooperación internacional, dende unha perspectiva feminista e colectiva.

A fundadora e vicepresidenta desta ONGD con sede en Vigo, vén de publicar o libro A alternativa está aquí (Xerais, 2014), unha lectura que aborda de forma incisiva o papel das organizacións non gobernamentais e o comportamento da cidadanía do Norte ante determinadas situacións, e que invita á reflexión e ao cambio de perspectiva sobre diversas cuestións sociais, culturais e políticas impostas ao tempo que propón as alternativas que "temos  na nosa man para transformar e transformarnos".

#EncontroReimondez
María Reimóndez conversará cos usuarios en directo a través do perfil de Facebook (facebook.com/fondogalego) do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía da escritora, que se publicará ao inicio do encontro, así como da conta de Twitter  (@FondoGalego)  da organización, co hashtag #EncontroReimondez.

Aquelas persoas que desexen participar pero non poidan facelo na data fixada, poden deixar as súas preguntas con carácter previo no Facebook do Fondo Galego, nos posts relacionados co encontro publicados nesta rede social; no Twitter, empregando o hashtag #EncontroReimondez, ou enviar as súas preguntas a fondogalego@gmail.com.

Este ciberencontro é o oitavo que organiza a entidade municipalista dentro de  #Alén2015, un programa de encontros dixitais mensuais que pretende crear un espazo de debate e reflexión en torno a distintos temas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que conclúen o vindeiro ano.

Todas as intervencións realizadas até o momento pódense consultar na web do Fondo Galego e están protagonizadas por axentes da cooperación. Na primeira, realizada en xaneiro, participou o cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización, David Llistar, e versou sobre a anticooperación, título homónimo dun dos seus libros; en febreiro estivo nas redes sociais do Fondo Galego Sarsur, un colectivo coruñés que aportou unha interesante visión sobre a situación do Sáhara Occidental; Helena Maleno investigadora e integrante da rede de apoio Caminando Fronteras/Walking Borders, abordou en marzo os fenómenos migratorios e fronteiras; Tom Kucharz, membro de Ecoloxistas en Acción, ofreceu en abril unha pormenorizada reflexión sobre o declive enerxético, o consumo ou o cambio climático, entre outros temas; Nacho Martínez, da Plataforma 2015 y más, falou en maio sobre os ODM e a Axenda Post 2015; en xuño, Amaia Celorrio, de ACNUR, fixo unha análise da situación que están a vivir refuxiados de todo o mundo; Margarita González, do grupo local de Amnistía Internacional na Coruña, foi a última das nosas convidadas, e o seu discurso centrouse nos protocolos de actuación e intervencións de AI en países en conflito.

María Reimóndez
É  intérprete e tradutora, escritora de ficción, experta en xénero e desenvolvemento e feminista por convicción. Comezou na cooperación en terreo en 1994 e catro anos máis tarde fundaría Implicadas no Desenvolvemento, ONG da que é vicepresidenta na actualidade. Esta entidade traballa con mulleres indias e etíopes para oporse aos vínculos entre patriarcado, capitalismo e neoimperialismo a través de intervencións políticas no Norte, o establecemento de redes feministas e enfoques participativos de base.

A súa participación activa na cooperación, sitúaa como unha das representantes máis importantes de Galicia no entorno da cooperación. Esta colaboración compleméntase cunha ampla traxectoria literaria, labor pola que foi galardoada en múltiples ocasións. Os últimos recoñecementos que recibiu foron o XXXI Premio Xerais de Novela por Dende o conflito e o XIV Premio de Novelas por Entregas de La Voz de Galicia, con A dúbida.