Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-02-16

Memoria 2015: 10 anos de Vacacións con Traballo

Sae do prelo a publicación que resume a actividade do Fondo Galego durante o ano 2015, na que destacan os proxectos de cooperación en países do Sur e as accións de sensibilización en Galicia.

En 2015 cumpriuse unha década de Vacacións con Traballo, de aí que o programa de voluntariado internacional tivera un papel protagónico no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e, polo tanto, na memoria de actividades do pasado exercicio. No entanto, tamén outras accións de sensibilización colleitaron unha boa acollida, tanto as vinculadas a proxectos de cooperación coma as novas edicións dos encontros dixitais #Alén2015, os contos da Tropa de Trapo, os ciclos de cine, as exposicións e recursos educativos itinerantes ou as X Xornadas Anuais de Cooperación.

Outro dos bloques centrais da 'Memoria 2015: 10 anos de Vacacións con Taballo' baséase nos proxectos de cooperación ao desenvolvemento, tres deles impulsados de xeito directo polo Fondo Galego en Cabo Verde e Mozambique. Recompílanse asemade os avances naquelas actuacións apoiadas a ONGD galegas a través da convocatoria de 2014, así coma a axuda de emerxencia para a poboación refuxiada de Gaza. Non faltan os resultados das misións técnicas a terreo, nas que se supervisaron as intervencións en Nicaragua e Cabo Verde.

O documento, que arrinca coa benvida do novo presidente, Juan González, recolle as novidades na vida asociativa da entidade, desde a Asemblea Xeral á Comisión Executiva, pasando pola Rede Municipalista Solidaria. Fai balance, así mesmo, das relacións institucionais coa Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Coordinadora Galega de ONGD ou os parceiros portugueses e alemáns implicados na iniciativa europea Redes para o Desenvolvemento. Por último, lístanse as actividades da axenda.

Memoria 2015

Memoria 2015: 10 anos de Vacacións con Traballo