Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-06-23

Moncho Iglesias Míguez: "A represión israelí segue e cada vez que se silencia pode actuar con máis impunidade"

O filólogo, tradutor e escritor estivo nas redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para falar sobre Palestina, onde residiu durante case unha década como profesor de castelán en distintas universidades.

Na charla online, que se celebrou o pasado xoves 18 de xuño, ofreceuse outra cara de Palestina: a das persoas con inquedanzas e ilusións, a dos movementos culturais e tamén a da frustración por verse atrapados nun conflito que parece non ter fin. Esta é a Palestina que non sae nos medios, onde só teñen visibilidade o número de mortos e dos que depende que se poña voz ou se silencie o conflito.

Porén, Moncho Iglesias Míguez é optimista e considera que a solución está aí e só fai falta diálogo e vontade para que ambas partes cheguen a un acordo, aínda que este "non contentará a todos".

O #EncontroPalestina, como se denominou o diálogo, enmárcase no programa #Alén2015, posto en marcha pola entidade municipalista en 2014 co propósito de avaliar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e coñecer as propostas de diferentes axentes da cooperación e ONGD para a axenda de cooperación post 2015 que se definirá este ano.

Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974) é licenciado en Filoloxía Hispánica, diplomado en Estudos Avanzados en Filoloxía Galega e Portuguesa e en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo.

Foi profesor de castelán como lingua estranxeira en Kibbutz Lahav, Israel (2000/01). Estivo como bolseiro da Universidade Hebrea de Xerusalén e exerceu como docente de castelán nas universidades de Belén (2005- 2008), An-Najah de Nablus (2009- 2014) e, actualmente, en SISU, Chongqing (China). Ten publicados diversos libros e traducidas múltiples obras.

1. Que balance fas dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e que recomendacións suxires para a axenda post 2015, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros #Alén2015?

A redacción dos obxectivos do milenio foi ambiciosa e iso é positivo, mais creo que hai que actuar máis alá do papel, e sobre todo, coñecer as realidades deses países aos que van destinadas as ideas.

Hai que contar coa voz das persoas beneficiarias dos obxectivos e ver se esas ideas sobre a erradicación da fame e da pobreza, a igualdade, a mellora da saúde ou o respecto ao medio ambiente se conseguiron.

Hai que seguir na liña, traballando, dando voz aos máis silenciados, para que cando menos se saiba que seguen a existir e así poida existir a conciencia do cambio.

2. Que noticias tes da represión israelí en Palestina? Como segue?

A represión israelí segue e cada vez que se silencia pode actuar con máis impunidade. Mentres se fala do conflito, unhas tensións focalizan todo, e segue a actuarse por outros lados.

A situación non cambia, só hai descansos mediáticos. Hoxe mesmo, no norte, en Tabgha, uns colonos esnaquizaron unha igrexa, un templo que fai memoria á repartición dos pans e dos peixes da historia bíblica.

Segue sen haber liberdade de movemento. Hoxe mesmo comeza o Ramadán e iso provoca que haxa calma, pois é un período difícil para a maioría musulmá, xa que non poden comer durante as horas de luz; durante este mes adoita haber calma, pero iso é relativo. Segue a haber incursións nas cidades e aldeas, e os palestinos non poden moverse con liberdade fóra duns límites.

3. Como lingüista que traballa fóra de Galicia, que opina do chamado "colonialismo lingüístico", do que xa se ten debatido neste foro en anteriores encontros, e que fai referencia á imposición lingüística na cooperación internacional?

En Palestina, por exemplo, existe un colonialismo lingüístico en canto á imposición do hebreo. O árabe debería estar á par do hebreo nas rúas de Xerusalén ou Tel Aviv, mais non é tal. Por exemplo, na cidade vella de Xerusalén podes estudar algo de historia vendo letreiros de rúas: como se foron transformando e como o árabe ocupaba un lugar predominante e agora, nalgúns casos nin aparece na sinalización.

No seu último libro, Language of War, Language of Peace, Raja Shehade fala precisamente diso, da lingua. Como a lingua é unha arma poderosísima e axuda a separar.

4. Podería comentar ou sinalar algún dos lugares comúns da narración oral galega e palestina? Algunha semellanza, sobre todo, en canto aos contidos e temáticas.

O máis común e principal, agora, é que a narración oral está perdida, ou case perdida. A luz eléctrica trouxo o seu fin e acabou de rematala toda esta nova tecnoloxía da rapidez e do inmediato. En Galicia era normal contar na lareira, nas colleitas... e en Palestina era normal tamén contar polas noites, en xuntanzas.

Sobre a temática: o sexo aparece moi encuberto en Palestina e os contos que falan del son moito máis metafóricos. Mais aparece moito a figura do trasno, que se dá en ambos lados.

A familia é moi importante en ambos lados, así que as relacións familiares están sempre moi presentes. A relixión varía e non hai chistes sobre curas, e as autoridades relixiosas son respectadas con certa reverencia no caso palestino. Hai certa sorna e nos chistes adoitan rirse do cotián e mesmo das situacións belicosas nas que viven.

5. Que políticas implementará Israel contra o Boicot, Desinvestimento e Sancións (BDS), porque obrigar a comprar é imposible. Eu particularmente sendo Israel o que é, espero cousas tráxicas.

Israel está perdendo cartos coas medidas de boicot. Medidas como esas son necesarias e é que dende Palestina non se poden levar a cabo. É difícil boicotear os produtos israelís porque moitas veces non hai outra cousa para consumir, mais dende fóra si existe esta posibilidade.

O goberno israelí sabe que depende do comercio exterior, mais o único que pode facer, penso eu, é cambiar; con todo, o novo goberno non parece disposto a iso.

As medidas contra as ONG existen de sempre. Amais, a crise dos últimos anos obrigou a moitas delas a saír dos territorios.

6. Como definirías a imaxe que os medios tradicionais ofrecen de Palestina, en contraste coa realidade que coñeces? Cres que os denominados medios alternativos están a contrarrestar os clixés habituais?

A imaxe que se dá de Palestina é de guerra e pobreza. Semella que o único que hai é iso, mais non é tal. O conflito ás veces parece unha retransmisión de datos e cifras sen máis. Penso que sería bo presentar esa outra parte que tamén existe. De feito, ás veces a xente pode saber de algo por lelo na prensa e non por vivilo alí.

Contan a realidade, certo, mais parcialmente. Eses chamados medios alternativos contan a realidade que lle interesa de verdade á xente de alí. Que a xente saiba que existen, que son persoas con sentimentos, inquedanzas, frustracións... é bo e necesario. Eles mesmos necesitan que se lles recoñeza como cantantes, como escritores, como xornalistas... como persoas, vaia, non como cifras nun xornal.

Nunha zona en conflito penso que é tamén necesario contar o día a día. E hai xente facéndoo e contando historias. E xente traballando e moito, facendo traballos impresionantes. Hai moita actividade en Palestina, hai moitos eventos.

Por exemplo, hai dúas semanas foi o Palfest, o festival de literatura. Falar diso é necesario. Dende aí, dende ese evento tamén se pode falar do que pasa, mais dende un punto de vista menos belicoso, amosando que esa outra parte de Palestina tamén existe.

7. Guerra? Que guerra? Máis ben dirás exterminio humano, con todas as letras, non ten outro nome.

Dicía guerra no sentido de matanza, de que hai xente asasinada. Certo que nunha guerra hai dúas partes combatendo, mais a definición en si xa non me gusta. Hai mortes e iso xa é macabro e noxento dabondo. Mais falaba dun libro que reflicte a idea da guerra non só entre humanos, senón entre palabras.

8. Como se podería avanzar na creación dun estado palestino sen acudir ao apoio internacional que non deu ningún froito historicamente? Debe ser cousa da cidadanía Palestina?

O apoio internacional é totalmente necesario. Non só o apoio internacional de estados que quizais non vexan no conflito máis cá un interese, senón en toda a diáspora palestina.

Dende dentro é moi difícil actuar. Mesmo os boicots son difíciles, porque non hai con que suplir iso que queres boicotear. Podes berrar tamén, mais as voces enseguida quedan afogadas.

E non só iso, a xente de Palestina, como é normal, tamén quere vivir. Dende fóra podemos manifestarnos e despois de saír a berrar polas rúas da nosa cidade, imos tomar algo e a rir e a discutir de cousas triviais. Alí, non. Primeiro, porque as manifestacións adoitan rematar con detidos, despois porque se vas a unha manifestación, a trivialidade, a túa vida normal, está sempre totalmente relacionada coa manifestación, así que non hai escapatoria.

A xente quere xogar ó fútbol, ir ó cine, ler un libro, pasear, papar moscas... o normal. Non pode ser normal que a vida xire en torno a algo nada máis. Por iso, dende dentro non só hai frustración, hai tamén cansazo. Hai xente que naceu nesa situación e xente que normalizou ese estado de cousas, e outra xente que non tivo sequera que normalizalo, porque é o que é dende que existen, e non ven outra cousa.
Como mostra do que se está a facer en Palestina, algo de música.

9. Podería ser posible que unha palestina ou palestino tivera as mesmas dificultades ca vostede para poder entrar no seu país, sen o permiso doutro estado, neste caso o israelí?

Penso que non, a non ser que en realidade sexa todo un mesmo estado e entón, o que contan de dous estados separados sexa mentira. Se eu traballo nun país, é ese país o que me dá o visado de traballo, o permiso de entrada, etc, non o veciño.

10. Realmente ten solución o problema Israel-Palestina? Que pasa pola mente dos líderes israelís e de Occidente en xeral para cometer/consentir esas atrocidades que se levan facendo durante anos?

Eu son optimista e penso que hai solución. Mais ten que haber diálogo. As dúas partes non se coñecen e só se odian. Os líderes israelís, amosan que pensan nas súas declaracións perfectamente. A ministra de cultura actual fomenta o odio con cada palabra que solta.

Cal é a solución? Depende. E iso é un problema, pois se non nos centramos no problema e dicimos é este ou aquel, seguiremos bambeando dun lado para outro. Hai xente en Palestina que acepta dous estados, xente que non. Igual en Israel. Que solución hai? É evidente que nunca haberá unha solución que guste a todos, mais a situación actual tampouco e segue. O conflito non pode seguir dependendo de espectadores de fóra que ven como dous pelexan, os espectadores teñen que actuar.

11. O problema que hai en Palestina é só relixioso ou hai moito máis?

O certo é que non é relixioso. A maior parte da poboación de Israel non é relixiosa. En Palestina hai musulmáns e cristiáns vivindo xuntos. Hai cidades nas que vive xente das tres relixións (xudeus, cristiáns e musulmáns) e non hai problemas. O sionismo é unha ideoloxía política, non unha cuestión de fe.

O grupo DAM, nunha das súas cancións máis famosas, 'Quen é o terrorista', fala diso. Quen é o terrorista. Por que alguén é terrorista? Que é ser terrorista?

Uns amigos contáronme como na primeira Intifada o can deles tiña medo sempre que escoitaba alguén entrar correndo na casa, porque pensaba que eran os soldados que viñan bater nel. O can non ten nada que ver coa historia, mais non se libra tampouco do odio e da culpa por pertencer a unha familia

O Teatro da Liberdade, en Jenín, por exemplo, está a facer moitas cousas, traballando o teatro como medio de expresión e como arma a favor da liberdade.

12. Que nos podes dicir do tecido en rede para coa "causa" palestina no lugar por parte do activismo estranxeiro/internacional (arrexuntan esforzos/cada un vai o seu?). E tamén que nos podes contar dos tecidos en rede cotiás dos cidadáns a modo de vida colectiva –aínda non sendo con fins políticos-?

Os tecidos do activismo cidadán en palestina son fortes. En canto ao activismo internacional, agora está a flotilla indo para Gaza e o tema do boicot está tendo un efecto bo, no sentido de que se fala do asunto e de que obriga a Israel a pensar as súas actuacións, porque ve que a cousa va en serio, e ve, por exemplo, que moitos artistas se negan a actuar alí. Iso xa pasaba antes, pero a conciencia política, nese sentido, é máis grande.

Mesmo dentro de Israel hai grupos que loitan por cambios. Hai traballos en conxunto tamén. Por exemplo, hai uns anos presentouse unha peli en Belén na que foi un dos directores, israelí, e falou do tema.

Ao vivir en sociedade, ou mesmo fóra dela, somos seres políticos. No caso de Palestina, iso vívese polo feito de estar dentro e porque vén tamén de fóra, como imposto. Os tecidos das redes cotiás van máis alá de todos os xeitos.

Hoxe mesmo, que comeza Ramadán, comeza un período cun gran sentido de unión. O Ramadán é unha festividade musulmá, mais, igual que pasa nas festividades cristiás, sobre todo en Belén, onde a comunidade é mhttp://www.lajee.org/portfolio-3-cols-galleryáis grande, uns e outros comparten a alegría das festas.

Todo o mundo comparte estes momentos, e iso é moi bonito. E non só aí, senón nos cafés, onde a narguila é un evento que xunta. E tamén nos paseos da noitiña, onde as rúas se enchen de xente a pasear. E despois, hai moitos centros culturais.

Os campos de refuxiados son moi, moi activos nese sentido. En Balatta, o campo máis grande, hai dous centros moi activos, onde se ensina cine, fotografía, actuación... En Aída e en Deheishe tamén se traballa moitísimo. Non é que se traballe politicamente, pois o campo de refuxiados xa é iso e non precisa máis traballo, é que se traballa para o que falabamos ó comezo, que haxa igualdade, que non haxa pobreza, que haxa liberdade de pensamento, que haxa posibilidades de enfrontarse á realidade da vida con alegría, que non haxa medos, etc. Por exemplo, en Aída, fanse moitas actividades.

Ibdaa, un centro cultural no campo de Deheishe é moi activo tamén.

13. Como é a relación Galicia-Palestina?

A relación entre Galiza e Palestina é moi boa. Agora vai Ana Miranda para alá, e houbo varias delegacións que foron en diferentes ocasións. Camilo Nogueira traballou moito por Palestina, e fóra da política houbo e hai tamén moito movemento.

Por exemplo, Pallasos en rebeldía fixeron un traballo impresionante por todo o territorio. E eu estou ben contento de ver literatura galega, e en galego, nalgunha libraría palestina, o cal amosa que a cousa vai ben, porque tamén está aí Najla Shami, co seu disco-libro tamén soando por Palestina.

Walla

Liga o sorteo dende a túa web:
Sorteo #EncontroPalestina

Resultado do Sorteo

Un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi: Ariel Barrera-Haddad