Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-06-04

Nacho Martínez: "O incumprimento dos ODM supón un fracaso sobre o que os países deben responder e asumir responsabilidades"

O responsable da área de estudos da Plataforma 2015 y más foi o convidado do ciberencontro #Alén2015 do mes de maio, celebrado o pasado venres 30 nas redes sociais do Fondo Galego. Nesta ocasión, o debate versou sobre os ODM e os ODS, así como sobre os retos da nova axenda de desenvolvemento internacional posterior a 2015.

Nacho Martínez (Madrid, 1977) é Licenciado en Socioloxía e Experto en Desigualdade, Cooperación e Desenvolvemento pola Universidade Complutense de Madrid. Desenvolveu a súa traxectoria en cooperación internacional tanto no ámbito da participación en organizacións da sociedade civil como a partir do seu labor investigador.

1. Que balance fas dos ODM e que recomendacións suxires para a Axenda Post 2015, tendo en conta o marco no que se desenvolve este encontro, o programa #Alén2015?

Unha mirada de conxunto aos ODM debe ser, desde o noso punto de vista, crítica. Crítica co proceso no que se acordaron as metas, crítica co contido das mesmas e crítica co grao de cumprimento. E seguramente a cuestión máis crítica é a ausencia de mecanismos de goberno para o cumprimento das metas, o que ten que ver co ODM 8. Esta análise crítica non impide, no entanto, sinalar algúns aspectos positivos desta iniciativa mundial sen precedentes...

Quizais, empezando por isto último, polos aspectos positivos, cabería dicir que os ODM foron un intento descoñecido anteriormente para enfrontar o problema da pobreza mundial. O feito de que estivesen concretados en obxectivos e metas permitiu artellar unha mensaxe clara e favoreceu a comunicación da axenda. Isto, non hai dúbida, tivo dous efectos positivos: o primeiro é que os ODM tiveron un efecto mobilizador (de recursos, de esforzos, de políticas?) que probablemente non tería unha axenda tan consensuada. O segundo é que, precisamente ao estar expostos ao redor de obxectivos e metas, e con indicadores concretos, permite facer unha avaliación do alcanzado e coñecer con exactitude o grao de cumprimento das metas fixadas. Isto é moi importante para coñecer o impacto e a eficacia no cumprimento da axenda, pero tamén, e sobre todo na miña opinión, para poder facer un exercicio de transparencia e rendición de contas. A pesar de que a axenda se establece nun marco de voluntarismo no que os diferentes países non están suxeitos a obrigas, o que está claro é que o incumprimento case xeneralizado supón un fracaso sobre o que os países deberían responder e asumir responsabilidades. E aprender leccións?

En canto ao grao de cumprimento, precisamente vimos de publicar o Anuario da Plataforma 2015 y más no que se inclúe un capítulo, elaborado por compañeiros de Economistas sen Fronteiras no que fan un balance sobre os ODM, cunha mirada tamén posta na Axenda Post 2015. O artigo parte da premisa, compartida por moitos e moitas, de que aínda que se tivesen cumprido todos os obxectivos isto non sería tampouco suficiente, xa que os obxectivos eran claramente insuficientes...

Aínda así, unha mirada un pouco detallada dinos que, en termos xerais, os ODM supoñen unha historia de incumprimentos. A continuación, resumo algunhas das ideas xerais, pero recomendo unha lectura do artigo:

- A evolución global dos ODM pode reflectir unha fotografía positiva, pero esta está claramente distorsionada polos países que máis avanzaron, ocultando que hai países ou rexións que apenas avanzaron no cumprimento das metas ou mesmo algúns que puideron retroceder.
- Predominan os incumprimentos sobre os cumprimentos.
- Logrouse un avance significativo no obxectivo de reducir á metade a cantidade de persoas que viven en situacións de pobreza extrema (pero aquí países como China ou India encobren o fracaso rexistrado noutras rexións, como Asia Occidental ou África Subsahariana).

Pero ao tempo, os propios informes de NNUU apuntan que:

- Unha de cada oito persoas no mundo segue padecendo fame.
- Demasiadas mulleres morren durante o parto, a pesar de que existen os medios para evitar que morran.
- Máis de 2.500 millóns de persoas carecen de instalacións de saneamento melloradas.
- Os nosos recursos están a desaparecer, dadas as continuas perdas de bosques, de especies, e de poboacións de peixes, nun mundo que xa está a sentir os impactos do cambio climático.
E poderiamos seguir...

Pero se o grao de cumprimento non é en termos xerais positivo, menos é se atendemos ao enfoque que asumen os ODM. Unha das principais críticas é o seu excesivo enfoque na pobreza e, especialmente, na extrema pobreza. Ao mesmo tempo son desatendidos ou moi pouco priorizados aspectos moito máis determinantes, como a desigualdade (que non parou de medrar, pódense ver os traballos de Branco Milanovic, moi interesantes e contundentes), os dereitos humanos, ou a sostibilidade ambiental. Aínda que algo simplificado aquí o argumento, nesta focalización na pobreza fronte a outros ámbitos que esixen unha mirada cun compoñente máis estrutural residen boa parte das limitacións dos ODM...

Por esta razón tamén, aínda que antes falei do "efecto mobilizador" dos ODM poderíase afirmar que foi un efecto que non logrou ser suficientemente transformador. Retomando aquí a segunda parte da pregunta, considero que esta debería ser unha das grandes leccións de cara á configuración da Axenda Post 2015, a superación da mirada sobre a pobreza ou sobre unha mirada reducida do desenvolvemento para incorporar unha mirada moito máis ampla que sitúe aos aspectos ambientais, a equidade social e os dereitos humanos no centro da axenda...

Sobre esta cuestión desde a Plataforma 2015 y más, tamén xunto a Economistas sen Fronteiras, fixemos un traballo de reflexión e análise que saíu en setembro do ano pasado sobre o estado da Axenda Post 2015. A pregunta que nos faciamos era se esta será "máis do mesmo" ou realmente suporá o "principio da transición" cara a outra axenda de desenvolvemento que incorpore outro modelo de desenvolvemento.

Outro elemento crítico dos ODM, como comentaba ao principio, é que a súa propia configuración responde a unha concepción do mundo e do desenvolvemento en termos de relacións Norte-Sur. O problema do desenvolvemento é un problema "dos do Sur". Para resolvelo, o "Norte" debe mobilizar recursos e de xeito tímido, como apunta o ODM 8, revisar algunhas das súas prácticas. Non hai, polo tanto, unha verdadeira intención de revisar as causas que xeran a situación de vulnerabilidade, pobreza, desigualdade, exclusión, deterioración ambiental... Non hai intención de revisar o modelo de desenvolvemento que subxace en boa parte das políticas bilaterais e multilaterais, non hai tampouco unha aposta por lograr mecanismos de goberno baseados nun goberno xusto e centrada nas persoas e a sostibilidade ambiental. A pouca ambición no desenvolvemento do Obxectivo 8 é unha evidencia disto (sobre esta cuestión Roberto Bissio fixo unha interesante análise nunha edición anterior do noso anuario) e claramente a coherencia de políticas co desenvolvemento foi un elemento ausente na axenda aínda que o ODM 8 pretendía ser un avance nesa dirección. Non hai dúbida de que a Axenda Post 2015 non pode deixar de atender a coherencia do conxunto das políticas respecto ao desenvolvemento se realmente quere ser unha axenda ambiciosa. Outra cuestión é que finalmente isto aconteza...

É curioso, ao fío coa reflexión sobre a "cativeza" do ODM 8 como a axenda dos ODM é unha axenda de mínimos. Chama a atención ler os oito obxectivos, as súas metas e indicadores, despois de ler o texto que os inspira, a Declaración do Milenio. A Declaración do Milenio é sen dúbida un texto moito máis ambicioso, baseado nun enfoque que vai moito máis alá do enfoque centrado na pobreza. Porén, esta fenda entre discurso e axenda evidencia a dificultade de chegar a compromisos con certo grao de ambición e o posibilismo acaba primando ante a imposibilidade de chegar a acordos máis ambiciosos, máis prescritivos (é dicir, que obriguen), con maior capacidade de transformación. Esta é sen dúbida unha das grandes preguntas de cara á Axenda Post 2015: seguiremos instalados no voluntarismo ou teremos unha axenda con carácter prescritivo, da que emanen non só compromisos, senón tamén obrigas? Sen dúbida a resposta é fundamental para saber que tipo de axenda teremos, pero os ODM déixannos algunha lección ao respecto...

Poderiamos seguir desentrañando os ODM e tratando de tirar leccións de cara os ODS, pero quizais se faga moi longo. Creo que nas referencias que apuntaba hai algunhas reflexións interesantes e moito máis desenvolvidas sobre os desafíos na construción da Axenda Post 2015. Tamén é interesante seguir o tema a través da información que facilita o Servizo de Enlace das Nacións Unidas coas organizacións non gobernamentais, sen dúbida un dos ámbitos do marco de NNUU no que se fai seguimento ao proceso dun xeito máis crítico e próximo ás aspiracións e demandas de numerosos grupos da sociedade civil organizada.

2. Que valoración fan na Plataforma 2015 y más sobre o impacto mediático dos ODM e que acollida están a ter as novas propostas para a Axenda Post 2015 nos medios de comunicación, tradicionais e alternativos?

Realmente non fixemos unha análise sobre esta cuestión, e creo que sería necesario facelo. Pero aquí van as miñas impresións:
Creo que está relacionada con algo da análise anterior. Os ODM puideron ter, dende o punto de vista comunicativo, un impacto positivo e mobilizador. Ao ser unha axenda en certo modo "simplificadora" da realidade pero con alto grao de impacto comunicativo permitiu situar as cuestións do desenvolvemento en determinados espazos nos que os asuntos sobre desenvolvemento, pobreza global e relacións Norte-Sur non adoitan entrar. É dicir, que o carácter pedagóxico e simbólico dos ODM foi elevado e isto favoreceu a súa comunicación...

Agora ben, creo que o custo foi amplo. Ese efecto simplificador foi un elemento moi negativo, xa que xerou unha comunicación excesivamente simple que cuestionaba pouco as razóns que provocan os problemas do desenvolvemento. É coherente coas mensaxes que habitualmente se construíron desde moitos espazos relacionados coas ONGD e co mundo da cooperación, máis orientados á mobilización de recursos (xeralmente económicos) que a descifrar as causas que xeran a pobreza e a ofrecer claves sobre como os diferentes actores (persoas, organizacións, institucións...) podemos constituírnos en axentes de cambio.

Ademais, tampouco, desde o meu punto de vista, se tratou dunha amplísima cobertura mediática sobre a axenda de desenvolvemento representada polos ODM. Creo que as cuestións do desenvolvemento apenas estiveron presentes nos grandes medios. Só de xeito puntual e moi reactivo ante determinados sucesos ambientais ou humanitarios. Os medios de comunicación, especialmente os grandes, non xogaron un papel importante na extensión tan necesaria da idea do desenvolvemento como o principal "ben global" e sobre as interdependencias nas lóxicas do desenvolvemento. Máis ben ao contrario, a miúdo a información é moi parcial e moi desconectada entre as diferentes dimensións que configuran o desenvolvemento, o que dá lugar a mensaxes moi contraditorias. E cando se achegaron á solidariedade ou a cooperación fíxose a miúdo desde unha perspectiva "pintoresca" que puxo en valor en demasiadas ocasións o asistencialismo...

Agora ben, é posible que esta tendencia estea a cambiar e creo que niso ten que ver o radical cambio do escenario informativo. A aparición de novos medios, cun enfoque alternativo, está a ser moi relevante para que os asuntos do desenvolvemento se incorporen entre as prioridades, ademais dun xeito máis sistemático e coherente. Seguramente aínda queda moito que mellorar, pero o traballo que están a facer medios como Eldiario.es (coa súa sección Desalambre), La Marea, infoLibre, Diagonal... e outros moitos medios é fundamental e pode ter un importante resultado: que o desenvolvemento internacional ocupe unha parte importante do coñecemento e das preocupacións da cidadanía. Este sería un cambio radical desde o meu punto de vista...

Isto ademais pode ter un efecto de arrastre nos grandes medios, que parece que tamén se empezan a preocupar dun xeito máis sistemático polos problemas do desenvolvemento. É o caso de El País, que hai pouco abriu unha sección específica dedicada a tema de desenvolvemento: Planeta Futuro... que parece ser unha réplica á interesante sección de The Guardian sobre desenvolvemento.

En calquera caso, paréceme un erro, por parte dos grandes medios, non atender aos problemas do desenvolvemento nun mundo crecentemente globalizado e interdependente, no que os problemas do desenvolvemento teñen unha orixe cada vez máis imbricada entre lóxicas locais e globais. Precisamente por esa razón, os problemas do desenvolvemento son un asunto tamén cada vez máis global (aínda que se materialicen no territorio, no local) que xa non só afecta máis alá das fronteiras dos países "ricos"...

Respecto da Axenda Post 2015, practicamente non estamos a ver nada nos medios. No marco de Nacións Unidas impulsouse unha amplísima consulta (temática, xeográfica e por actores) pero desde o meu punto de vista ten que ver cun "debate de elites" que non calou entre a cidadanía e do que non se fixeron eco os medios. Sería importante que estes o fixesen, pero para iso habería que levar o debate á rúa, e moito me temo que isto non vai suceder no tempo que queda para a definición da nova axenda.

3. Con que organismos tes que relacionarte para levar a cabo os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio? Actualmente desde onde traballas?

A verdade é que hai moitos espazos desde os que se pode traballar a favor do vos ODM e dunha axenda de desenvolvemento máis transformadora. E non todos pasan por traballar con organismos. A través do traballo nos barrios, nos pobos, nas cidades, en redes e movementos sociais, en espazos de organizacións... pódese traballar coa mirada posta na sensibilización, a incidencia política, a mobilización social...

O que creo que é fundamental no traballo polo desenvolvemento e pola defensa dos dereitos humanos é superar a enorme separación que se produciu entre espazos. No mundo da cooperación demasiado a miúdo estivemos desvinculados doutros actores que trataban de articular outras loitas e outras demandas en espazos distintos. E tamén as organizacións máis vinculadas aos espazos internacionais se converteron nunha especie de elites da sociedade civil. Todo este traballo que necesitaba dun enfoque integral e complementario foise fragmentando cos anos.

O actual escenario non nos permite máis este xeito de afrontar os problemas do desenvolvemento. A crise, en realidade a resposta á crise dos nosos gobernantes, fíxonos perder dereitos, ver como se desmantelaban políticas públicas e retrocedían os niveis de benestar nas "nosas" cidades, nas nosas casas... Isto mostrou de xeito evidente que a loita polo desenvolvemento e os dereitos humanos non era só unha cuestión internacional, que movementos sociais, ONGD e outros actores debiamos integrarnos na mesma loita... O proceso de desnaturalización que analizamos neste libro afastou a moitas organizacións desta formulación.

É curioso como nos últimos anos a través da cooperación estivemos a apoiar procesos, políticas e dereitos que á velocidade de vertixe iamos vendo como se perdían no noso país. Creo que iso, e o proceso de mobilización social dos últimos anos, nos fixo espertar a moitos e moitas, e esforzarnos por recoñecer que acontecía a noso arredor. Moitos entendemos que só no encontro e recoñecemento cos movementos sociais (para artellar as loitas e demandas) e coa academia crítica (para incorporar o coñecemento á nosa acción) estaremos en disposición de dar respostas á altura dos desafíos do desenvolvemento.

4. Os ODM xa foron criticados por ser unha aposta de mínimos, como contemplan os obxectivos que os substituirán? Que tedes que dicir ao respecto de cara ao futuro en base a esta crítica?

Estou de acordo con esta crítica. Foron un consenso de mínimos e sería un grave erro non aprender diso, xa que non tiveron suficiente capacidade transformadora. Neste sentido os principais debates estanse a centrar na perspectiva da desigualdade. Parece asumido por moitos e moitas que foi un erro non incluír o elemento da desigualdade nos ODM (cando estaba tan claramente recollido na Declaración do Milenio!). Pero será moi importante que todos os actores que consideran que a cuestión da desigualdade é fundamental preman, argumenten e empurren para que esta cuestión entre na axenda. E non só a desigualdade de renda (de natureza vertical), como parece que se está a perfilar xa nalgúns debates, senón tamén outro tipo de desigualdades (de natureza máis horizontal) como a desigualdade de xénero, por etnia, relixión, opción sexual...

Aínda non están definidos os obxectivos que serán parte da axenda, pero é fundamental que nos debates previos á concreción destes se vaia abrindo o enfoque. A única boa noticia ao respecto, desde o meu punto de vista, é que a desigualdade se está a abrir paso neste debate, pero teño a sensación que só aquela relacionada coa natureza vertical. Non hai dúbida de que é un avance, e ademais importante, pero segue sen ser suficiente e non hai garantía de que chegue a incorporarse, polo momento.

Tamén os obxectivos relacionados co medio e a sostibilidade ambiental son claramente insuficientes. O coñecemento sobre o cambio climático desde que se configurara a axenda evolucionou enormemente, aínda que xa entón había numerosas evidencias dos límites ambientais do planeta. Sen dúbida neste ámbito tamén residen os principais desafíos para construír unha axenda ambiciosa.

Pero non só se tratou dunha axenda de mínimos polos obxectivos aos que deu lugar. Como comentaba na primeira resposta, os ODM tiveron problemas en termos de compromisos, de goberno e de financiamento, e mesmo (e seguramente por todo iso) de definición do modelo de desenvolvemento que se pretendía promover...

Por iso a nova axenda debería incorporar mecanismos de goberno, relacionados co financiamento do desenvolvemento coas diferentes responsabilidades para os diferentes actores (a diferenza da axenda anterior os actores privados, a sociedade civil e os gobernos descentralizados están a ser parte da definición da axenda), pero tamén debería resolver que modelo de desenvolvemento é o que se pretende promover. Que modelo de desenvolvemento é o que permite conciliar a necesidade de respectar os límites ambientais do planeta (para que non sexa un modelo suicida) cos límites sociais (para superar os intolerables niveis de pobreza, exclusión e desigualdade) co actual modelo de desenvolvemento claramente vinculado co crecemento económico. Simplificando moito poderiamos dicir que estas son tres das dimensións (económica, ambiental e social) que están en xogo e que están en tensión. De como se debuxe este triángulo dependerá a axenda que teñamos.

5. A pobreza será a base da Axenda Post 2015. Esixiráselle un maior compromiso aos gobernos para o seu cumprimento?

Agora mesmo estamos nun escenario de discusión da nova axenda e non é posible saber se a pobreza volverá ser o eixe da axenda, ou se esta terá un enfoque máis ambicioso. José Antonio Sanahuja analízao neste artigo.

Os estudos do desenvolvemento, as análises de políticas, as leccións dos ODM dinnos que a axenda debe ir máis alá. O problema é que isto é algo que agora sabemos con seguridade, pero no ano 2000, cando se asinaron os ODM xa o sabiamos. De feito, como formulaba antes, a Declaración do Milenio, aínda que con limitacións, era un bo documento que reflectía nalgunha medida os desafíos e as complexas raíces dos problemas do desenvolvemento. No entanto, ese escenario deu lugar a unha axenda de mínimos. Hai algo que nos diga que non vai suceder o mesmo esta vez? Non o sei, ao noso favor temos que hai máis coñecemento acumulado, e máis evidencias do afondamento dos problemas do desenvolvemento, o que esixiría ampliar a ambición da resposta...

Pero en contra hai moitas máis cousas. Algunhas xa estaban, como o marco desregulado nos asuntos do desenvolvemento, a tendencia cara ao posibilismo por parte dos gobernos e o excesivo peso de países cunha mirada allea ao desenvolvemento con importante peso na toma de decisións.

E ademais elementos novos que non axudan a facer unha reflexión e un debate orientado por criterios exclusivamente de desenvolvemento e a medio e longo prazo. Refírome ao contexto da crise, e á ameaza de que as esixencias das economías de determinados países acaben configurando as prioridades da axenda de desenvolvemento. Refírome tamén ao excesivo peso do sector privado, especialmente do sector privado transnacional que está a ter un importante papel na definición da axenda... Este documento, até hoxe só dispoñible en inglés, explícao bastante ben.

E logo está a presenza dos países emerxentes e a súa "irrupción" nos espazos de negociación da axenda que, sen dúbida, fan moito máis complexo o taboleiro das negociacións.

De como se configure a axenda e os pesos das voces que participen nela dependerá xa non só o enfoque de desenvolvemento ou os obxectivos a incluír. Dependerá tamén a capacidade de xerar un espazo de goberno, baseado na provisión de bens públicos globais e baseado en regras e polo tanto sobre a lóxica da prescrición de políticas. No marco que se vai configurando, cos actores que están a participar e coa distribución de pesos, parece que este posible escenario se vai a esvaer.

6. Que balance facedes desde a Plataforma 2015 y más do traballo sobre os ODM nos centros educativos? Que protagonismo debería ter a educación para o desenvolvemento na Axenda Post 2015?

Creo que o que pasou en España no ámbito educativo é moi significativo para o debate sobre os ODM en particular, pero estenderíao ao debate sobre o desenvolvemento en xeral.

Na miña opinión é moi importante todo o traballo de educación para o desenvolvemento e sensibilización que se fai tanto na educación formal como na informal. Debería afondarse e potenciarse (é interesante mirar que porcentaxe de AOD se dedica a educación para o desenvolvemento). Porén, se o analizamos dende unha perspectiva ampla é moi necesario que o desenvolvemento se incorpore no currículo académico...

Precisamente en resposta a recomendacións de organismos internacional incorporouse a materia de Educación para a cidadanía, o que significou un avance en termos de coherencia de políticas co desenvolvemento. Este feito tiña un potencial enorme na incorporación, desde unha perspectiva máis ampla e complexa. No entanto, a súa recente eliminación indica precisamente a falta de responsabilidade daqueles ámbitos que non están estreitamente vinculados coa política de cooperación respecto ás cuestións do desenvolvemento.

Isto paréceme un retroceso descomunal, e polo tanto o balance moi negativo. Ademais, ligado a isto, unha cuestión que me preocupa é que ante este feito houbo unha falta de resposta contundente por parte das ONG de cooperación. Isto debería levarnos a facer autocrítica, xa que o que acontece nas aulas e no noso sistema educativo é tamén un "problema" de desenvolvemento.

7. Que papel deberían ter os axentes da cooperación descentralizada na configuración da nova Axenda Post 2015?

A pregunta sobre o papel dos actores descentralizados na Axenda Post 2015 paréceme moi interesante porque representa un tema que en España foi moi importante e, lamentablemente, se está a debilitar enormemente. Vivimos un triste paradoxo. Nos anos oitenta, noventa e principios de século contabamos con gobernos descentralizados comprometidos co desenvolvemento. Con todas a súa deficiencias (moi analizadas por exemplo aquí), contabamos con políticas de cooperación descentralizada vigorosas...

No momento en que maior demanda hai de participación dos gobernos descentralizados na axenda internacional, pola crecente interdependencia e no momento de configuración da Axenda Post 2015, boa parte das entidades locais e comunidades autónomas están a debilitar seriamente ou a desmantelar as súas políticas de cooperación.

Esta é unha moi mala noticia, reflexo de como no contexto de crise os gobernos descentralizados teñen priorizado "atender primeiro aos de casa". É unha opción política, e creo que isto é importante recalcalo, aínda que se tratou de explicar como a única saída posible a crise. En realidade é unha opción política errada (porque ignora a importancia de participar nos asuntos globais e obvia a responsabilidade dos actores locais neles), pero ademais baséase nunha argumentación a miúdo falsa, e é que sitúa o problema na existencia ou non de recursos, e non tanto na xeración destes e na prioridade de políticas.

Dito isto, gustaríame sinalar que, por sorte, outros actores locais internacionais si están a participar nas discusións sobre a axenda internacional, tratando de incorporar a insubstituíble mirada local nos procesos de desenvolvemento: i) desde o punto de vista das políticas que en forma de metas poidan ser de natureza global como ii) desde o punto de vista da incorporación dos gobernos descentralizados como axentes para o goberno multinivel.

8. Como se pretende acabar coa pobreza no terceiro mundo se as dificultades non paran de medrar nos "países desenvolvidos"?

Esta é unha pregunta moi importante e seguramente representa un dos principais dilemas aos que temos que dar resposta. Foi o ministro Margallo quen, nada máis nomeado, dixo que era moi duro recortar en cooperación, pero que era máis duro recortar en pensións ou ambulatorios. Ademais de darnos pistas de por onde irían a súa xestión e as súas prioridades, creo que é unha trampa na que, sen querer, nos vimos arrastrados todos e todas os que pelexamos por un maior e mellor proceso de desenvolvemento.

Son varias as razóns polas que é un argumento equivocado, que responde a unha visión política. Tratarei de argumentar algunhas de xeito sintético:

I) En primeiro lugar, é falso que por recortar en cooperación se deixase de recortar noutras políticas. Isto non sucede así, as políticas non son vasos comunicantes. De feito, o que vimos é que TODAS as políticas sociais se recortaron. Todas o fixeron nunha proporción importante e a de cooperación fíxoo dun xeito desorbitado e descoñecido na historia noutros países (algún país reduciu o seu AOD en altas porcentaxes nun ano illado, pero ningún o fixo de xeito sostido como no caso español, que durante tres anos reduciu o seu AOD máis dun 70%). Logo primeira conclusión, poderiamos discutir sobre este argumento se realmente o resto das políticas se tivesen orientado a mellorar o benestar da nosa poboación, pero non é o caso. E non me refiro só ás políticas sociais, senón tamén á política fiscal, tan determinante para a cuestión dos recursos. Hai xa tempo que Cecilia Carballo o explicou moi ben aquí.

E pódese botar unha ollada ao traballo do Sindicato de Inspectores de Facenda, moi bo: www.gestha.es.

II) En segundo lugar, desde o meu punto de vista, este dilema é un dilema antigo, responde a un mundo que xa non existe. Na actualidade vivimos nun mundo global no que os conceptos Norte-Sur, aquí ou alí, dificultades na casa ou no estranxeiro... xa non explican a realidade, non se axustan a ela. Un exemplo foi a retirada da tarxeta sanitaria ás persoas que vivían en España sen status de residente. Non só é un problema moral e de dereitos humanos, que o é, senón tamén de eficiencia na xestión dunha política pública (é máis caro atender urxencias e enfermidades que se fixeron crónicas) e de saúde global. Desde o meu punto de vista, o que é necesario entender é que non se trata de axudar uns para deixar de atender a todos, senón de despregar políticas (independentemente de que sexan domésticas ou internacionais) que sexan globais e reforcen ao conxunto da cidadanía global.

Deberíase ser máis duro con aqueles países que non loiten polos problemas da sociedade? O problema é que aquí nos movemos nun espazo demasiado normativo, no termo do "deber ser". Creo que esta é unha das discusións fundamentais no marco da axenda internacional e da construción da Axenda Post 2015. Na miña opinión, a axenda debería abandonar o espazo do voluntarismo e a desregulación, para entrar nun terreo de prescrición de políticas e obrigas (aínda que seguramente diferenciadas para os diferentes actores). Nos espazos intergobernamentais hai unha mirada máis pragmática (que ademais se acrecenta coa irrupción dos "emerxentes"), que apunta que os países fuxirían deste tipo de discusións acerca da responsabilidade. Pode ser certo, pero desde os espazos da sociedade civil non debemos abandonar ese horizonte. Non se fixo ao longo da historia con cuestións que parecían utópicas, como a defensa dos dereitos humanos, os dereitos das mulleres, ou máis recentemente a incorporación dun imposto ás transaccións financeiras, algo que parecía de todo imposible fai tan só uns poucos anos.

9. Cada vez son máis as voces que alentan a participación da iniciativa privada na cooperación como unha "solución inevitable" á falta de asignación de fondos públicos ao desenvolvemento. Esta tendencia está a ser recollida en diferentes plans de cooperación autonómicos e no novo proxecto de lei de subvencións, intentando equiparala ao financiamento público. Que opinión vos merece o papel da iniciativa privada que queren impoñer?

Outro tema importante e de gran calado, sobre o que é moi difícil conciliar posturas e encontrar argumentos comúns. A axenda internacional, o sistema internacional de axuda e, con eles, a cooperación española están a xirar cara a este escenario. Eu creo que non se trata de negar ou non o papel dos actores privados no sistema de cooperación, se non de analizar como e en que condicións o fai.

Os matices son moitos. Para empezar, que é o sector privado, son só as grandes corporacións ou nos referimos a tamén ás pequenas e medianas empresas e ás empresas de economía social? Creo que convén diferenciar entre uns actores e outros.

Tampouco sei se é unha solución inevitable, polo menos o feito de que a relación entre ONGD e empresas sexa inevitable. En países nos que hai unha maior tradición de traballo conxunto entre empresas e ONGD, como Holanda, a valoración por parte das ONGD despois de varios anos nos que parecía que era unha saída inevitable para elas non é boa. Constataron que non lles xerou os ingresos esperados e que ademais distorsionou moito o seu enfoque e as súas formulacións. Quizais á hora de abordar este debate deberiamos aprender das experiencias doutros países en canto á relación entre empresas e ONGD.

O certo é que, como formulaba antes, nos espazos de definición da axenda é onde maior peso parecen ter gañado as empresas, e isto sen dúbida influirá notablemente no modelo de desenvolvemento a impulsar e nos obxectivos das políticas de cooperación. Tanto no ámbito internacional, coma no estatal e o local.

10. Por que se impulsa a ecoloxía nos obxectivos posteriores ao 2015?

En realidade a historia da configuración da Axenda Post 2015 é unha historia, ata o momento, dun desencontro. O dos ODM e o dos ODS. Todo parece indicar que ambos os dous esforzos van confluír e que unicamente teremos unha axenda de desenvolvemento que incorpore as metas de desenvolvemento humano e as de desenvolvemento sostible.