Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-12-02

Nanda Couñago: "A compra pública responsable permite avanzar na extensión do comercio xusto e dos produtos de proximidade"

A directora de Amarante Setem, Nanda Couñago, abordou o traballo da organización no eido do comercio xusto, os produtos transxénicos ou a defensa dos dereitos das traballadoras do téxtil, entre outras cuestións, na conversa online realizada o pasado venres 28 de novembro nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Este encontro dixital, así como os organizados ao longo deste ano no programa #Alén2015, pretende obter unha avaliación dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), tanto de axentes da cooperación como da propia cidadanía, ademais de coñecer as propostas de diversos organismos e cooperantes para a Axenda Post 2015.

Nanda Couñago (Redondela, 1972), é licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. No ano 2001 realiza o Máster Europeo de Acción Humanitaria Internacional, especializándose en xestión de xerencia de proxectos, dereitos humanos e seguridade alimentaria.
Participou de varias plataformas e movementos sociais. Na actualidade, é a directora de Amarante Setem, organización na que leva unha década traballando nos distintos eidos vencellados ao consumo responsable, a transformación social, a incidencia política e a solidariedade entre organizacións e pobos. Asemade, leva a coordinación a nivel galego da Campaña Roupa Limpa.

1. Que balance facedes dos ODM dende Amarante Setem e que recomendacións suxerides para a Axenda Post 2015, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros dixitais #Alén2015?

A nosa organización sempre foi crítica cos ODM. Aínda que podemos afirmar que houbo avances, son datos bastante paupérrimos para o que se podería conseguir con vontade política. Pero isto pasa necesariamente por fondas transformacións e afrontar as verdadeiras causas estruturais da pobreza e dende os países enriquecidos non se está nesa liña.

Moita desa riqueza faise a costa doutros países, os empobrecidos, así que, como reverter esa situación? Hai temas que son cruciais para ese cambio:

- A alimentación non é unha mercadoría e non pode estar suxeita aos intereses especulativos de grandes corporacións e fondos de inversión.
- A soberanía alimentaria sería o piar fundamental para erradicar a fame no planeta.
- A débeda externa, ou chamada "débeda eterna", é outro dos lastres do empobrecemento dos países e a súa imposibilidade para investir en cuestións sociais, como a sanidade.
- A falta de leis internacionais que castiguen os abusos e a violación dos dereitos humanos é outro baleiro que permite a lei do máis forte fronte os dereitos das persoas.

E así poderíamos seguir. Por exemplo, grandes extensións de terras en países empobrecidos son mercadas por grandes multinacionais para producir ou para a exportación. Trátase de cultivos intensivos que empregan transxénicos, pesticidas, herbicidas, condicións laborais de explotación... Eses cultivos contaminan as augas subterráneas e minguan a capacidade de auga potable na zona e terras que deberían ser para a poboación e a súa alimentación. Este recurso é exportado con grandes beneficios para as multinacionais que, en moitos casos, non pagan impostos.

2. A escolla dos países destinatarios das vosas parcerías -creo que Brasil, Ecuador e Marrocos veñen sendo os máis destacados- ten algunha motivación política ou é simplemente froito das posibilidades que se vos van abrindo?

A escolla dos países foi unha decisión política, principalmente, e froito de lazos que se foron abrindo porque tiñamos moitas cousas en común polas que queríamos traballar conxuntamente e apoiarnos.

Tiñamos claro que queríamos traballar tanto co Movemento Sem Terra (MST) de Brasil como con Attawassoul de Marrocos apoiando politicamente as súas accións, tanto a ocupación de terras por parte do MST e a reforma agraria, como a loita polos dereitos das traballadoras do téxtil en Marrocos de Attawassoul e a súa forma de organización. O traballo coa Fundación Maquita Cushunchic Comercializando Como Irmáns (MCCH) de Ecuador foi un apoio máis na liña do noso traballo de aposta polo comercio xusto e dende un punto de vista de construción de alternativas ao comercio convencional.

O que si podo dicir é que como organización pequena que somos gustaríanos traballar con máis organizacións afíns ao noso ideario pero polo momento non temos máis capacidade salvo situacións puntuais, como o golpe de estado en Honduras, cando creamos unha plataforma en Galicia de condena ao mesmo e de apoio á resistencia hondureña. Pertencer a unha rede internacional como Roupa Limpa axúdanos tamén a abrirnos a outras organizacións que loitan na defensa dos dereitos laborais no sector da confección global, pero aínda o facemos en rede, non temos parcerías directas.

3. Algunhas persoas que compramos produtos de comercio xusto por compromiso social tamén temos en algúns casos o impedimento de que estes produtos son máis caros. Existen formas de abaratar os prezos?

Xa hai produtos de comercio xusto bastante alcanzables, ben é certo que non todos. Pero coido que moitas veces reducimos os produtos entre barato e caro e non calidade-prezo e se o vemos neses termos creo que moitos destes produtos, aos que hai que engadirlles uns salarios dignos, non podemos consideralos caros. Os produtos de por si que respectan os ciclos naturais da vida, non teñen pesticidas, etc. son alimentos nutritivos, co cal se está investindo en saúde.

Pero aínda así estou de acordo que estes produtos poderían ser máis baratos. Como o facemos? Primeiro, eliminando esas barreiras arancelarias que aínda existen entre os produtos que veñen dos países do Sur (non pode ser que o café se teña que importar en gran verde porque, se é manufacturado, nos países de orixe o seu prezo sería unha barbaridade) e segundo, aumentando o consumo porque a maior consumo, pódense abaratar os custes e, polo tanto, os prezos.

Nós, en Amarante, temos un produto estrela que é a panela, vendemos máis de mil quilos en menos dun ano e podemos abaratar custes. Aínda así é cara porque como a remolacha en Europa está protexida, temos que pagar uns aranceis desorbitados por ela. Imaxinade, de 3 euros que pagarías por un paquete, 0,80-0,90 céntimos serían de aranceis.

4. Confía en que unha maior educación e sensibilización cidadá poida reverter estas situacións de desigualdade provocadas polos poderes fácticos?

Segundo que educación e sensibilización. A tradicional, a educación formal que temos agora, evidentemente non. Agora ben, penso que a base para calquera transformación social é a educación. Pero unha educación crítica, a que te fai pensar e ter criterio non a de "borrego". 

Penso que a universidade, por exemplo, está fracasando neste ámbito. Cada vez está máis financiada polas grandes empresas que inflúen, ademais, en que quen goberna estea interesado obviamente nun tipo de educación que non vaia en contra do sistema. Poderíache poñer moitos exemplos de cousas que nos teñen pasado. Un deles, cátedras financiadas por empresas como Inditex.

5. Dende a Campaña Roupa Limpa denunciastes a explotación de obreiras da confección en países en vías de desenvolvemento por parte de empresas do Estado español. No seu día, Chévere Teatro tamén denunciou dita explotación con obreiras foráneas e galegas e agora veñen de gañar o Premio Nacional de Teatro. Cres que as vosas denuncias só serven para a sensibilización dos consumidores? Ou tes datos de que algunha empresa mellorara as condicións das obreiras despois das vosas denuncias?

Coido que o noso traballo é positivo e fai cambios en situacións inmediatas e puntuais. Cando pasa unha situación moi grave, como foi o incendio en Bangladesh da fábrica Tazreen (2012) e no que morreron 120 persoas, as empresas implicadas pagaron a atención médica, entre outras cuestións, sendo a última en aceptar C&A, hai uns días. Isto foi posible grazas á presión da Campaña Roupa Limpa pero tamén grazas ás miles de persoas que presionaron e apoiaron as nosas demandas, ás familias das vítimas e aos centos de feridos que están en vías de recibir indemnizacións.

E non é o único caso. Para estas situacións si que conseguimos resultados. Outro foi un acordo con rango de lei en Bangladesh para que se revisen todas as fábricas e non volva acontecer o que pasou co edificio de Rana Praza (2013), que provocou a morte de 1.200 persoas.
Pero isto non é suficiente namentres as empresas sigan impunes e non exista una lexislación internacional para sancionar ditas prácticas empresariais, como as condicións de traballo escravo que sofren miles de mulleres

Só son medidas que aceptan as empresas de xeito voluntario. Hai empresas que o fan e outras que non. Por exemplo, levamos ano e medio presionando a Benetton para que se responsabilice do que pasou en Bangladesh e non o conseguimos. Se houbese unha lexislación internacional levariámola ante os tribunais e aí o conto cambiaría.

6. Era a sociedade de antes máis ou menos solidaria que a de agora? Que repercusión tiveron as redes?

A pesar das críticas e que sempre queremos máis,  creo que aumentou tanto a información como a solidariedade na sociedade actual. Pero penso que tamén se transformou ese concepto. Hai moitos xeitos de ser solidario. A situación que están vivindo miles de familias galegas e españolas e o apoio que están a recibir dende gran parte da cidadanía é un exemplo disto.

Outro é que hai cada vez máis xente busca outros xeitos de solidariedade a través de novos espazos. Por exemplo, a creación dun banco ético como Fiare, feito por organizacións sociais, e persoas que cren noutra banca. A propia adquisición de produtos de comercio xusto, a creación de grupos de consumo e cooperativas que mercan a produtores locais da comarca e así promover un rural vivo.

Hai moitas cousas novas que se están creando. Non sería posible un Stop Desafiuzamentos, unha plataforma contra a débeda, se non aumentase esa concienciación e esa solidariedade entendida xa non dende un punto de vista asistencial senón transformador.

7. Hai correntes que defenden o uso dos transxénicos fronte aos produtos ecolóxicos, xa que supoñen unha optimización do solo utilizado, o que reduce enormemente a deforestación. Tamén din que os produtos ecolóxicos son portadores de microtoxinas en niveis incontrolados e que, sen embargo, nos transxénicos ao ser 'deseñados' isto non ocorre. Outro tema é o dos produtos utilizados nas hortas tradicionais (sales de cobre e aluminio), que tamén son contaminantes. Que opinas? Apostarías por ambos se non utilizasen pesticidas e fosen xestionados de forma xusta? Estás de acordo en que a palabra transxénico está demonizada, e que de aquí a uns anos os produtos transxénicos serán os que máis aceptación teñan?

Son varias as cousas que se poderían comentar, a parte das cuestións de saúde que xa sabemos ou os cartos que invisten as industrias en falar do bos que son os seus produtos.

Para nós xa hai unha perversión de base. Os alimentos transxénicos están controlados por 4 ou 5 multinacionais (o 75% aproximadamente do que se produce). Isto significa que a alimentación, que é un dereito universal e polo tanto debería ser protexido e accesible a toda a poboación, xa non o é e non o sería se todo fose transxénico. A nosa alimentación estaría en más dunhas empresas que pensan no lucro, co cal non nos conviría empregar os dous sistemas xa só partindo desta base.

Onde se producen transxénicos a terra queda erma e non pode volver ser empregada ata a súa rexeneración. Podes ver na India o impacto que supuxo a introdución dos transxénicos en miles de labregos e nas terras que foron plantados.

8. Tedes algunha campaña especial para Nadal? Quizais sexa a época máis dura do ano para traballar...

Curiosamente a xente vólvese máis solidaria. Por exemplo, a nivel de comercio xusto a xente pasa pola tenda porque quere facer agasallos con contidos solidarios ou que teñan algunha mensaxe nese senso.

Por outro lado, a xente é máis consumista no Nadal cando nós demandamos o contrario. Nestas datas, dende Amarante Setem sempre facemos unha campaña precisamente para demandar un consumo responsable e organizamos mercados transparentes co Sindicato Labrego Galego para sensibilizar sobre os produtos de alimentación, como promover produtos de tempada, os prezos en orixe, as marxes das grandes distribuidoras, etc.
Este ano organizamos en Pontevedra actividades para promover os mercados locais o 11 e o 13 de decembro. O xoves 11 unha mesa redonda de experiencias e o sábado 13 un mercado social con produtoras e organizacións socias como Boa Vida.

9. Como avalían a cobertura que os medios de comunicación lle dan ao comercio xusto? No caso de que sexa nula ou desaxeitada, a que atribúen o aumento de vendas que se ten rexistrado?

Os medios de comunicación entendemos que teñen as súas axendas e a prioridades que agora están noutros ámbitos. Cando o comercio xusto foi máis novidoso houbo moita cobertura nos medios pero cada vez é máis residual.

No seu momento, isto axudou moito a visibilizalo pero tamén valoramos o esforzo grande que fixo a unión de todas as organizacións de comercio xusto na cidadanía para visibilizalo e, sobre todo, a demostración de que o comercio xusto é unha alternativa real que cambia a vida de moitas persoas, o que lle deu unha gran credibilidade. As persoas que mercan comercio xusto son fieis e espallan esta mensaxe a outras persoas. E iso fai moito.

Outro dato positivo é que se conseguiu que o comercio xusto fose un eixo de traballo dentro da cooperación, tanto estatal como galega, e incluso no ámbito escolar, tanto na área de cooperación como en moitos centros de ensino se promoveu o comercio xusto.

O ditame do Parlamento Europeo a favor do comercio xusto como unha ferramenta real de loita contra as desigualdades que tamén vai sumando para que o comercio xusto se espalle e aumente.

Aínda así, poderíase facer máis dende as administracións públicas. A compra pública responsable sería unha ferramenta que permitiría conseguir dende o local grandes avances na extensión do comercio xusto e dos produtos de proximidade, ao fomentar a propia Administración a súa compra.

10. Como valorades a introdución de produtos de comercio xusto en grandes superficies comerciais que poden ir en contra do seu espírito?

Dende Amarante sempre estivemos en contra da súa venda porque é unha contradición respecto aos principios que defende o comercio xusto. Un produto de comercio xusto vólvese un produto de consumo máis en medio doutros produtos ou marcas de grandes multinacionais que precisamente explotan aos produtores e produtoras que nós denunciamos a través do comercio xusto.

Agora a realidade choca e hai un dato que está enriba da mesa: onde se venden agora mesmo máis produtos de comercio xusto é nas grandes superficies, co cal hai que seguir concienciando que o camiño non pasa por aí. Noutros países da UE, nos que os seus gobernos apostaron pola defensa do comercio xusto, existen supermercados só desta alternativa, apoiados e financiados polos propios gobernos. Claro que o consumo tamén é máis alto. Isto aquí é impensable.

11. Como valora o impacto do comercio xusto con respecto á pegada ecolóxica habendo produtos locais que se poden substituír polos produtos importados?

Nós estamos a buscar ese equilibrio. Os produtos de comercio xusto que traemos (refírome principalmente aos de alimentación) son produtos que só se producen no Sur polo clima destes países, como son o café, o azucre de cana, o cacao, etc. Mentres que os produtos e materias primas galegas ou do ámbito estatal, collémolos tendo en conta criterios de proximidade e produción local. Con isto quero dicir que na nosa tenda de comercio xusto e na nosa distribuidora temos produtos locais de proximidade e produtos de comercio xusto pensando en que non se solapen e tendo presentes eses criterios.

Pero no comercio xusto non existe só alimentación. Está tamén a roupa, por exemplo, e a xente esquécese moito disto. O comercio xusto debería ser só unha pata dun consumo responsable e aquí entra alimentación, roupa, ordenadores, enerxía, etc. Teriamos que facer unha aposta integral nas nosas vidas.

12. Que relación hai entre o grupo produtor e a importadora dos produtos?

Se a pregunta é a nivel comercial, as relacións entre produtores e produtoras e as importadoras son relacións a longo prazo. Unha vez que pasan os controis e se garanten os principios do comercio xusto, as relacións, como mínimo, son de cinco anos, onde acordan entre ambos os prezos dos produtos e as subidas se fosen preciso en función das colleitas -se é produto alimentario-, clima, etc. e se acorda un compromiso de traballo a longo prazo.

Todas as organizacións de produtores e produtoras pasan tamén unhas auditorías para valorar distintas cuestións, así como os impactos e repercusións posteriores que teñen nas comunidades beneficiarias. Tamén se fai asistencia técnica e se lles presta apoio en formación de ser preciso. Isto é o básico. Despois xa depende de cada organización e da súa experiencia de traballo.

* Podedes contactar comigo e con Amarante Setem no seguinte correo: central@amarantesetem.org.