Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2011-09-05

Nova viaxe de seguemento ao proxecto do Fondo Galego no Haití

A técnica Victòria Planas atópase novamente no Haití para supervisar o proxecto que o Fons Català e o Fondo Galego apoian na fronteira nordeste. A axenda da viaxe, que se prolongará ata mediados de mes, inclúe xuntanzas de traballo cos parceiros locais e a análise da coxuntura actual e mais das posibles adaptacións da intervención.

 

Xuntanza en Carice no marco do proxecto.Victòria Planas reunirase ademais con persoal das Nacións Unidas para coordinar as actuacións en Carice, Mombin Crochu e Vallières. Realizará asemade un seguimento dos acordos establecidos cos municipios veciños da República Dominicana, Yajabón e Restauración, para colaborar en tarefas como a reforestación.

O proxecto no Haití segue adiante a pesar das dificultades xeradas polos incidentes de abril, derivados do descontento dalgúns sectores cos resultados electorais. Tales incidentes afectaron a sede da asociación local parceira, SKDK, que agora, no marco do proxecto, será reconstruída seguindo o modelo de edificación resistente aos terremotos que se promove. Sábese que un dos autores do incendio dos locais áchase na cadea.

Victòria Planas estivo xa anteriormente na illa caribeña participando no levantamento das Liñas de Base da iniciativa. Entre outros aspectos, na actualidade estanse a elaborar os plans de estudos profesionais en agroecoloxía, socioeconomía e construción antisísmica. Das perto de 200 casas revisadas en terreo, constatouse que ningunha cumpre os requisitos de adaptación á vulnerabilidade ambiental. Agora vaise erguer unha edificación con materiais tradicionais que servirá de modelo.

O establecemento de medidas preventivas e un sistema de información sobre riscos e desastres son outros dos resultados que se pretenden acadar, ademais da creación dun obradoiro de arxila para elaborar filtros potabilizadores. Na actualidade non existe ningún mapa que identifique as áreas máis vulnerables a terremotos e ciclóns, nin os lugares de refuxio en caso de emerxencia.
 

Nova viaxe de seguemento ao proxecto do Fondo Galego no Haití