Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-04-21

O activista Tom Kucharz aborda os conflitos sociecolóxicos no encontro dixital de abril

- O investigador e membro de Ecoloxistas en Acción responderá as preguntas das e dos usuarios sobre o cambio climático e a débeda ecolóxica na nova cita #Alén2015. 

- A entrevista online realizarase a través dos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego o venres 25, de 12 a 14 horas, na semana en que se conmemora o Día da Terra.


Tom Kucharz nun recente coloquio arredor do documental 'Tous cobayes?'.O activista e investigador social Tom Kucharz, membro da Secretaría Confederal de Ecoloxistas en Acción, é o convidado do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no novo encontro dixital #Alén2015 programado para este mes. A cita terá lugar o vindeiro venres 25 de abril a través dos perfís de Facebook (facebook.com/fondogalego) e Twitter (@FondoGalego) da organización. A actividade desenvólvese na semana en que se conmemora o Día Internacional da Nai Terra, que se celebra mañá martes 22.

A entrevista online será en directo, de 12 a 14 horas, tempo no que o coordinador da área de Agroecoloxía e Soberanía Alimentaria da confederación ecoloxista contestará as preguntas das dos internautas en torno ao ecoloxismo social. Será a través do perfil de Facebook do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía do propio Kucharz que se publicará cando comece o debate, ou no Twitter co hashtag #EncontroKucharz.

As persoas que non poidan intervir en directo no encontro poderán deixar as súas dúbidas con carácter previo nos post relacionados que xa se están a publicar no Facebook da entidade, empregando o hashtag #EncontroKucharz en Twitter ou enviando as cuestións que desexen a o enderezo electrónico fondogalego@gmail.com.

#Alén2015
A entrevista online con Tom Kucharz enmárcase no programa #Alén2015 que, a través dunha serie de encontros dixitais mensuais con persoeiras e persoeiros da cooperación, pretende crear un entorno de debate e invitar á reflexión das e dos internautas sobre distintas temáticas ao redor dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que conclúen en 2015. 

Esta é a cuarta conversa online nos medios sociais do Fondo Galego de Cooperación.  A primeira foi no mes de xaneiro con David Llistar, autor do libro 'Anticooperación' e cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización. En febreiro estivo o colectivo Sarsur, que deixou unha interesante perspectiva sobre a situación do Sáhara Occidental e as persoas que alí habitan, mentres que no mes de marzo conversamos con Helena Maleno, integrante da rede de apoio Caminando Fronteras, que achegou cuestións moi relevantes sobre fenómenos migratorios e fronteiras.

Tom Kucharz
Tom Kucharz é licenciado en Filosofía, Socioloxía e Ciencias Políticas pola Universidade Técnica de Dresden, Alemaña. Desde 1993 realizou diversos labores de consultoría, traballos xornalísticos e investigación en temas relacionados coa política internacional, a economía global, guerras e conflitos socioecolóxicos, cambio climático, cooperación internacional e dereitos humanos.

Representa a Ecoloxistas en Acción en diversas redes internacionais, como Seattle to Brussels Network ou 'Desmantelemos o poder corporativo e poñamos fin á impunidade'. Participa activamente en movementos sociais coma o 15M, Plataforma Rural, Plataforma Xustiza por Colombia e a Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda 'Non debemos, non pagamos!', así como en varios grupos internacionais de traballo sobre transnacionais, xustiza económica e ambiental. Organizou e participou en diferentes foros sociais e relatorios internacionais, ademais de exercer como profesor en conferencias, cursos de formación e obradoiros.