Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-01-29

O artista sirio Ali Ali e a actriz Lucía Regueiro protagonizan as entrevistas do IAF

O boletín 'Infórmate a Fondo' resume a nova estratexia do Fondo Galego e dá conta de actividades como as Xornadas de Cooperación, alén de detallar o proxecto en Mozambique.

"A única solución é que Estados Unidos e Europa quiten a man de Oriente Medio", así ve o conflito o pintor sirio Ali Ali. No 'Infórmate a Fondo' conversamos desde A Coruña sobre a situación do seu país de orixe, que lle inspirou un novo proxecto artístico. O boletín que recolle as últimas novas do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conta tamén coa Ollada Externa de Lucía Regueiro, que vén de visitar proxectos de Unicef en Bolivia. A actriz e presentadora pode confirmar agora que "a cooperación non é un concepto abstracto, cobra sentido con cada vida individual que gaña novas opcións".

Ao fío das Liñas Estratéxicas 2016-2019, que teñen entre outros o obxectivo de incorporar novas  administracións locais e intensificar a súa participación, entrevistamos tamén ao alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego. Juan González insiste en que "a solidariedade internacional é posible dende o concello máis pequeno ao máis grande de Galicia".

A publicación electrónica recompila tamén as actividades do último trimestre, no que se celebraron as X Xornadas Anuais de Cooperación baixo o título 'Vacacións con Traballo, unha década de cooperación dende o local', nas que se puxeron en valor este tipo de programas de voluntariado como ferramenta de aprendizaxe mutua. A xira 'Ti tamén contas', na que A Tropa de Trapo levou historias de solidariedade a 24 concellos galegos, e as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, integradas polo persoal municipal responsable das relacións co Fondo, completan a sección de fotonovas.

Por último, o apartado dedicado aos proxectos en terreo céntrase desta volta na actuación a prol da saúde infantil e materna en Mozambique. A iniciativa apoiada á Fundaçao Encontro busca incrementar as consultas pre e post natais e mais os partos na maternidade, así como reducir os índices de desnutrición nas nenas e nenos.