Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-06-25

O BNG e o Fondo Galego celebran o Encontro 'Institucións locais e solidariedade internacional'

As xuntanzas buscan consolidar o compromiso de Concellos e Deputacións e das forzas políticas maioritarias coa cooperación para o desenvolvemento.

O BNG e o Fondo Galego de Cooperación organizan o xoves 28 de xuño o Encontro 'Institucións locais e solidariedade internacional'. Ademais de varios alcaldes e alcaldesas, participarán o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, ou o deputado no Parlamento de Galicia, Carlos Aymerich.  A xuntanza está especialmente dirixida ás e aos representantes nacionalistas nas Deputacións e Concellos socios do Fondo Galego, co fin de consolidar o seu compromiso coa cooperación para o desenvolvemento. A cita será ás 12 horas na sede nacional do BNG, en Santiago de Compostela.

A tesoureira do Fondo e concelleira de Benestar en Allariz, Pilar Gallego, abrirá o acto canda a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. A continuación, o secretario da entidade e investigador do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Daniel González Palau, exporá a experiencia dos 15 anos de andaina do Fondo Galego na cooperación internacional. Concluirase coas visións do compromiso do BNG neste eido, para o que intervirán o deputado Carlos Aymerich, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga (tamén membro da Executiva do Fondo) e mais o alcalde de Allariz, Francisco García.

Os Encontros 'Institucións locais e solidariedade: Cal vai ser o teu papel?' encádranse no Plan de Sensibilización do Fondo Galego, como unha fórmula de diálogo cos tres partidos políticos maioritarios en Galicia, piares do proceso de nacemento e consolidación da propia entidade. Tras o cambio de lexislatura municipal en 2011, preténdese reflexionar sobre o compromiso das institucións locais coa solidariedade e muscular a implicación dos partidos políticos co Fondo Galego de Cooperación, despois de quince anos de andaina.

PPdeG, PSdeG e BNG están representados na Comisión Executiva, órgano directivo da asociación, e son artífices do consenso que vén rexendo o seu funcionamento. Trátase agora, pese ao contexto de crise económica, de non dar pasos atrás. O obxectivo é renovar ese compromiso e fortalecer esta rede de institucións e persoas a prol da solidariedade internacional, da promoción dos Dereitos Humanos, do desenvolvemento dos países do Sur e da sensibilización da cidadanía galega.

AXENDA DA XORNADA

12.00h Presentación dos obxectivos do Encontro
- Sandra González, alcaldesa de Tomiño.
- Pilar Gallego, tesoureira do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e concelleira de Benestar do Concello de Allariz.

12.30h Experiencia dos 15 anos de andaina na cooperación internacional
- Daniel González Palau, Secretario do Fondo Galego e investigador do Igadi.

13.00h Visións do compromiso do BNG na cooperación internacional
- Carlos Aymerich, Parlamento Galego.
- Antonio Veiga, Deputación de Lugo.
- Francisco García, Concello de Allariz.

14.00h Conclusións

Folleto dos Encontros