Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-02-21

O colectivo Sarsur ofrece unha ollada ao Sáhara nun novo encontro dixital

- O grupo coruñés afondará no emprego de ferramentas artísticas con mulleres saharauís como fonte de transformación social, así como noutras das súas iniciativas.

- A entrevista online encádrase no ciclo 'Alén 2015' e terá lugar o venres 28 de febreiro, de 12 a 14 horas, a través dos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego.

Sarsur organiza cada ano na Coruña unhas xornadas sobre o Sáhara Occidental.O colectivo coruñés Sarsur ofrecerá un encontro dixital no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o próximo venres 28 de febreiro baixo o título 'Unha ollada ao Sáhara', co propósito de dar a coñecer as súas accións con mulleres de campamentos saharauís, así como outras iniciativas de sensibilización organizadas na cidade herculina en torno ao Sáhara.

A entrevista online será en directo e realizarase a través dos perfís de Facebook (facebook.com/fondogalego) e Twitter (@FondoGalego) da organización, de 12 a 14 horas. Durante a súa intervención, representantes do colectivo contestarán as dúbidas que lles formulen os usuarios, ben a través do perfil de Facebook do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía de membros de Sarsur que se publicará xusto ao comezo do encontro, ou ben na conta de Twitter da entidade, co hahstag #EncontroSarsur.

As persoas que non poidan  participar en directo no encontro poderán deixar as súas cuestións con carácter previo nos post relacionados co encontro publicados no Facebook, empregando o hahstag #EncontroSarsur no Twitter ou enviando as súas preguntas ao correo fondogalego@gmail.com.

A escolla da cuestión do Sáhara, a autodeterminación e os dereitos do pobo saharauí, así como o papel da muller árabe como 'sustento' da resistencia nos campamentos de persoas refuxiadas do Sáhara Occidental, para esta entrevista online, vén complementar o tema da anticooperación abordado no encontro realizado o pasado 31 de xaneiro con David Llistar, autor do libro homónimo e cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización. Ambas as dúas citas englóbanse no marco #Alén2015, unha serie de encontros dixitais con carácter mensual que promove a entidade como reflexión en torno aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que conclúen o vindeiro ano.

Así mesmo, o conflito do Sáhara adquire especial relevancia nun momento no que se vén de aprobar a reforma da xustiza universal, que suporá o peche de múltiples causas abertas na Audiencia Nacional, entre elas o xenocidio que sufriu este pobo, coa denuncia de 542 desaparicións de saharauís desde que España se retirou do territorio en 1975.

Persoas con variados perfís profesionais integran o colectivo Sarsur.O colectivo Sarsur
Fundado en 2011 na cidade da Coruña, Sarsur ("cascuda" en árabe) é un colectivo multidisciplinar integrado por un grupo de persoas con distintos perfís profesionais, procedentes das artes escénicas, a educación, o traballo social, a cooperación internacional, a universidade, o xornalismo e a fotografía. 

Naceu a través dun proxecto financiado mediante o Fondo 0,7% da Universidade da Coruña (UDC) para apoiar a investigación no eido da cooperación para o desenvolvemento. A iniciativa levouse a cabo en campamentos de refuxiados saharauís, nos que se impartiron distintos obradoiros de expresión artística, a través do teatro de sombras e do movemento, dirixidos fundamentalmente a mulleres adolescentes e adultas.

Con carácter paralelo, o colectivo realiza -de forma autoxestionada e independente- na cidade da Coruña unhas xornadas anuais denominadas 'Olladas ao Sáhara Occidental', co fin de achegar a realidade saharauí á cidadanía galega. Nelas interveñen voces procedentes de diversos ámbitos, como a escritura (Liman Boicha), o proxecto Bubisher (Gonzalo Moure), xornalistas (Rebeca Mateos), mocidade activistas saharauí e marroquí a prol dos dereitos humanos (Aichatu Yahadih e Omnia Nur), ou amósanse os traballos de diversas organizacións, profesionais da fotografía (Fabiana Corrêa e Circoa) ou colectivos de activistas (Left Hand Rotation).

Na actualidade, forman parte de Sarsur Ánxela Blanco, Claudia Delso, Carlos Diz, Fabiana Corrêa, Vanesa Rivas e Rebeca Mateos. Non dispoñen de web nin perfís sociais porque prefiren “primar a súas actividades e iniciativas por riba da promoción do propio colectivo”.