Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-04-18

O concurso 'Imaxes con Fondo' premiará as fotografías solidarias e concienciadoras

- A categoría xuvenil está dotada cunha cámara Canon mentres que o galardón para as persoas adultas será unha viaxe a un proxecto en Cabo Verde

- Ata o 15 de outubro permanecerá aberto o certame do Fondo Galego de Cooperación, no que as obras deberán ir acompañadas dun "tweet"

O Fondo Galego de Cooperación vén de convocar o certame 'Imaxes con Fondo' para convidar á reflexión arredor da solidariedade e da repercusión das nosas prácticas sobre os países do Sur. Na categoría de persoas adultas, o premio será unha viaxe a Cabo Verde para realizar un traballo fotográfico sobre un dos proxectos apoiados no arquipélago pola entidade organizadora. O apartado xuvenil, dirixido a mocidade de entre 13 e 17 anos, está dotado cunha cámara Canon EOS 1100 e o seu obxectivo, máis un lote de produtos de comercio xusto.

'A solidariedade dá sentido ás nosas vidas' é o lema da categoría xuvenil, á que se poderán presentar imaxes que amosen a solidariedade na nosa sociedade, tanto no día a día como en actividades puntuais. No apartado para persoas adultas, titulado 'Cambia, reivindica e constrúe', búscanse fotografías que reflictan como determinadas accións das sociedades do Norte inciden negativamente sobre as poboacións do Sur. 

O concurso 'Imaxes con Fondo' está aberto a persoas de calquera nacionalidade, sempre que residan en Galicia. Cada participante poderá presentar ata un máximo de tres fotografías individuais, ou ben ata tres series compostas de tres instantáneas cada unha, co acompañamento dunha breve descrición en galego nun "tweet" de 140 caracteres. Admítense obras inéditas, en cor ou en branco e negro, con formato jpg e unha resolución mínima de 300 ppp, dun tamaño que non exceda os 5 mb.

As imaxes deberán enviarse  entre o 15 de abril e o 15 de novembro ao enderezo imaxesconfondo@yahoo.es. No mes de novembro darase a coñecer o fallo do xurado, composto por representantes do Fondo Galego e das Deputacións e Concellos socios, integrantes da Coordinadora Galega de ONGD e membros de prestixio do mundo da fotografía e das artes plásticas.

As condicións para a presentación e as bases ao completo poden consultarse aquí. Para a súa redacción contouse coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), a Asociación Provincial de Fotógrafos Profesionais de Pontevedra, a Asociación Provincial de Fotógrafos Profesionais de Lugo, a Agrupación Fotográfica Galega e a Asociación Fotográfica Galega 'Phosgalicia'.

A actividade 'Imaxes con Fondo' encádrase no Plan de Sensibilización 2012 do Fondo Galego de Cooperación, cofinanciado pola Xunta de Galicia.

Bases, folletos e banners do concurso.