Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-04-23

O conto solidario 'Antía, Wamba e o regato pequeno' inicia nova xira no Día do Libro

- A compañía A Tropa de Trapo deseñou para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade esta historia con música en directo dirixida a público familiar.
- O espectáculo de sensibilización percorrerá durante 2013 vinte Concellos das catro provincias socios da entidade municipalista, ao igual ca o ano anterior.

'Antía, Wamba e o regato pequeno' percorrerá vinte Concellos.A Tropa de Trapo inicia hoxe martes a nova xira do conto solidario 'Antía, Wamba e o regato pequeno' nos concellos de Moraña e Porto do Son, coincidindo co Día do Libro que se conmemora o 23 de abril. A proposta ideada para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade volverá percorrer este ano vinte Concellos socios da entidade, tras o interese que en 2012 espertou por toda Galicia. Alumnado do CEIP Santa Irene gozará do espectáculo na Casa da Cultura de Porto do Son ás 10.30 horas, mentres que na Casa da Cultura de Moraña será aberto ao público e dará comezo ás 18 horas.

A obra está protagonizada por Antía, unha nena galega, e Wamba, un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos. Unha historia con música en directo para sensibilizar sobre a cooperación e a solidariedade, dirixida a público infantil e familiar.

Porto do Son, Moraña, Tomiño, Laxe, Riveira, Teo, Caldas de Reis, Burela, Culleredo, Bergondo, Valga, Corcubión, Cuntis, Monforte, Fene, Poio, Nigrán, Narón, Carballo e Pontedeume son os Concellos socios do Fondo polos que pasará ata finais de ano ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’. Marta Ortiz e Brais das Hortas son artífices deste espectáculo que tomou o relevo a ‘Contos coas mans abertas’, anterior creación da Tropa de Trapo.