Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-05-10

O Día Mundial do Comercio Xusto conmemórase con actividades por toda Galicia

As entidades que traballan a prol do consumo responsable celebran esta fin de semana o Día Mundial do Comercio Xusto con feiras e obradoiros en diversas vilas do país.

A ONGD Amarante Setem, que colabora co Fondo Galego na promoción da compra pública ética, organiza o sábado mercados transparentes en Pontevedra, Santiago e Ribadeo, canda o Sindicato Labrego Galego e distintos grupos de consumo. Entre outras accións, acenderanse candeas en memoria das máis de 700 persoas, a maioría donas, que morreron no recente derrubamento dunha fábrica de téxtil en Bangladesh. 'Mulleres na defensa do comercio xusto no norte e no sur' é o lema da xornada.

Tamén as organizacións integradas na comisión correspondente da Coordinadora Galega de ONGD conmemoran nas capitais de provincia e en Vilagarcía de Arousa o Día Mundial do Comercio Xusto, que se celebra o segundo sábado de maio. O obxectivo é amosarlle á cidadanía galega que "xusto ao noso carón" existen alternativas ao modelo de consumo imperante e que o papel de cadaquén é fundamental para potenciar unhas regras de intercambio comercial xustas.

Este Día Internacional celébrase o 11 de maio de 2013 en máis de setenta países, segundo a Organización Mundial para o Comercio Xusto. A Coordinadora Estatal de Comercio Justo optou este ano por centrar as súas reivindicacións no azucre, baixo o epígrafe 'Para adozares a vida non hai que amargar a ninguén'.

O comercio xusto é un sistema comercial solidario que loita contra a pobreza e persegue o desenvolvemento dos pobos. Condicións laborais dignas para as produtoras e produtores, a abolición do traballo infantil, a igualdade de xénero e o respecto ao medio ambiente son os catro principios fundamentais nos que se basea.