Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-06-10

O filólogo Moncho Iglesias Míguez descobre as inquedanzas de Palestina na charla #Alén2015 de xuño

Estará nas redes sociais do Fondo Galego para falar sobre este territorio, onde viviu máis de dez anos traballando como profesor de castelán en distintas universidades. O encontro dixital terá lugar o xoves 18 de xuño no perfil de Facebook e Twitter da entidade, entre as 16.30 e as 18 horas.

Moncho Iglesias Míguez, no transcurso dun recital.O filólogo, escritor e tradutor vigués Moncho Iglesias Míguez estará nas redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para falar sobre Palestina máis alá do conflito, sobre as inquedanzas dunha poboación cuxa rutina diaria se afasta dos bombardeos, sobre a súa literatura, as súas artes escénicas e celebracións, entre outros temas, nun diálogo aberto coas usuarias e usuarios que desexen afondar neste territorio e nas súas xentes.

O ciberencontro celebrarase o xoves 18 de xuño no Facebook e Twitter do Fondo Galego, entre as 16.30 e as 18 horas. O seu obxectivo é amosar amosar a riqueza cultural, os desexos e aspiracións da poboación palestina escurecida polo sempiterno conflito que golpea á zona, a través da mirada de Moncho Iglesias Míguez, que viviu en Palestina durante máis dunha década.

A súa primeira estancia en territorio palestino foi como profesor de Castelán como lingua estranxeira en Kibbutz Lahav (Israel) entre o 2000 e o 2001. Dous anos máis tarde regresaría como bolseiro da Universidade Hebrea de Xerusalén para realizar o Máster en Literatura Inglesa e Lingua Hebrea. Un ano despois exercería como docente de Castelán na Universidade de Belén (2005-2008), posto que volvería desempeñar na Universidade An-Najah de Nablus (2009-2014) ata a súa recente incorporación como profesor de Castelán na Universidade SISU, Chongqing (China), país no que reside actualmente.

#EncontroPalestina

Existen diferentes vías para poder participar no encontro dixital, en directo ou con carácter previo. Durante a charla pódense facer as preguntas en "comentar", debaixo da imaxe de Moncho Iglesias Míguez que se subirá ao muro do perfil de Facebook do Fondo Galego ás 16.30 horas do xoves. E no Twitter pódense formular as cuestións co hashtag #EncontroPalestina.

Quen non poida participar en directo, pode deixar as súas dúbidas neste formulario; no Facebook, no espazo reservado a comentarios nos post que anuncien o encontro ou nunha mensaxe privada; no Twitter, co citado hashtag, ou envialas a fondogalego@gmail.com.

As persoas que acheguen as súas cuestións a través do formulario poderán obter un exemplar da revista Tempo Exterior do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), a que escollan do catálogo; e só por participar entrarán nun sorteo dun lote de libros que realizaremos o 23 de decembro, cando finalicen os encontros #Alén2015.

Moncho Iglesias Míguez

É licenciado en Filoloxía Hispánica, diplomado en Estudos Avanzados en Filoloxía Galega e Portuguesa e en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Ten un máster en Ensino de Español pola Universidade de La Rioja e doutorouse en Filoloxía Galega coa tese: 'Comparación entre o conto tradicional oral galego e o palestino'.

Ademais da experiencia profesional citada anteriormente, cabe destacar que comezou a súa carreira como docente de castelán en AIDA, profesión que tamén exerceu no Instituto Monte Albán e no Centro Universitario Indoamericano (México), e na Fundación Vicente Ferrer (India). Así mesmo, foi técnico de sensibilización no Fondo Galego entre 2008 e 2009.

Ten publicados diversos libros, como A illa do solitario e outros contos e Pedras de plastilina, e traducido obras coma O condutor de autobús que quería ser Deus ou A terra das laranxas tristes, que lle valeu o Premio 2014 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo.

#Alén2015

O programa #Alén2015 púxose en marcha en 2014 a través de doce encontros dixitais de carácter mensual co obxectivo de achegarlle á cidadanía a valoración de diferentes axentes da cooperación sobre a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), que conclúen este ano, promover o debate e reflexión en torno a distintas temáticas relacionadas con estas metas e darlle visibilidade ás propostas das persoas convidadas para a axenda post 2015.