Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-06-20

O Fondo Galego convoca os axentes do sector ao Consello Municipalista da Cooperación

No encontro, que se celebrará o 4 de xullo en Santiago de Compostela, presentarase a convocatoria de proxectos de 2013. 

Diversas ONGD fan parte do Consello Municipalista da Cooperación.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convoca para o vindeiro 4 de xullo o Consello Municipalista da Cooperación, ao que están convidadas as ONGD, sindicatos e demais axentes do sector. A xuntanza terá lugar ás 18 horas nas dependencias da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela.

O encontro dará comezo co informe de situación sobre as Liñas Estratéxicas 2011-2015 do Fondo Galego, para continuar coa presentación das bases da convocatoria de axudas para proxectos de cooperación internacional correspondente ao exercicio 2013. Analizaranse a continuación posibles sinerxías entre a asociación municipalista e o tecido solidario galego en materia de sensibilización social, especialmente na organización de actividades arredor do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, que se conmemora o 17 de outubro.

O Consello Municipalista da Cooperación é un órgano de participación sectorial con funcións consultivas e asesoras do Fondo Galego nas materias relacionadas coa promoción da solidariedade e a cooperación internacional en Galicia.  A este respecto cumpre destacar a relación institucional entre o Fondo Galego e a Coordinadora Galega de ONGD, facilitadora do relacionamento do Fondo Galego co sector en Galicia.

As entidades interesadas en participar da xuntanza deben confirmar asistencia contactando coa Secretaría Técnica do Fondo Galego (Igadi) no enderezo electrónico dpalau@igadi.org ou nos teléfonos 986 357 238 e 698 144 536.