Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-06-09

O Fondo Galego dá a coñecer en trece concellos a grave situación das nenas e nenos soldados

- As charlas acompañan unha exposición sobre esta problemática do debuxante senegalés Momar Badiane.
- Estímase que uns 250.000 menores son utilizados en conflitos armados de 18 países para labores de combate, espionaxe, cociña ou explotación sexual.

As charlas estreáronse no IES de Tomiño.Dar a coñecer a grave problemática da utilización de menores en conflitos armados é o obxectivo das charlas e a exposición que baixo o título 'As nenas e nenos soldados' desenvolve o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ao longo deste ano en trece concellos socios. Na actualidade calcúlanse nuns 250.000 os cativos e cativas que son explotados nas guerras de 18 países.

Estes son algúns dos datos que Roberto Mansilla, analista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), lle achegou esta semana a alumnado do IES Tomiño. A actividade reeditarase ao longo deste ano en Allariz, Arteixo, Caldas de Reis, Cambre, Corcubión, Culleredo, Ferrol, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, O Porriño, Poio  e Verín.

A utilización de menores de idade en conflitos armados non se reduce a envialos á fronte de batalla, senón que tamén se estende a labores de vixilancia, mensaxería e mesmo espionaxe. As nenas son ademais a miúdo empregadas como cociñeiras e escravas sexuais. A vulnerabilidade psicolóxica das rapazas e rapaces predisponos ao adoutrinamento e ao cumprimento de ordes. O recrutamento forzoso impídelles acceder á educación e obrígaselles a cometer atrocidades, xerando consecuencias que persisten unha vez rematada a guerra, pois a falta de investimento na rehabilitación fai que moitas e moitos menores rematen por recorrer logo á delincuencia e á prostitución.

Sobre estas situacións chama tamén a atención a mostra 'As nenas e nenos soldados' do artista senegalés Momar Badiane, que denuncia a través dunha serie de debuxos a situación das nenas e nenos combatentes e convida a reflexionar sobre ela. A ONU, apoiándose na campaña da Coalición para acabar co uso das nenas e nenos soldados, adoptou no ano 2000 un tratado internacional que establece como idade mínima de recrutamento os 18 anos, así como a obriga por parte dos Estados de axudar á reinserción. Ata hoxe foi ratificado por 120 países.