Aviso:

[Pechar}


Lisboa 2011-06-03

O Fondo Galego de Cooperación achega a súa experiencia nun seminario europeo

- O encontro celebrado en Lisboa reuniu a axentes da cooperación internacional de Alemaña e Portugal para impulsar a cooperación descentralizada en rede

- O traballo da asociación galega de Concellos e Deputacións foi escollido  como referencia no marco dun proxecto cofinanciado pola Unión Europea

O Fondo Galego de Cooperación estivo representado no encontro de Lisboa polo responsable da Secretaría Técnica, Ánxelo González, á esquerda da imaxe.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de participar nun seminario internacional para achegar a súa experiencia a axentes do sector procedentes de Alemaña e Portugal. O encontro celebrado en Lisboa encádrase no proxecto europeo ‘Construíndo redes para o desenvolvemento: dos irmandamentos a unha cooperación máis eficiente’, que busca promover as redes de cooperación descentralizada en ambos os dous países.

Ademais de representantes de municipios e ONGDs de Portugal e Alemaña, as sesións contaron tamén coa presenza da xefa da Representación da Comisión Europea en Portugal, Margarida Marques, e a vice-Presidenta do Instituto Portugués de Apoio ao Desenvolvemento, Inés Rosa.

Nesta iniciativa cofinanciada pola UE, o Fondo Galego foi escollido como referente, en tanto que rede de cooperación local xa consolidada, a fin de compartir a súa experiencia cos demais parceiros. Neste senso, o responsable da Secretaría Técnica, Ánxelo González Vicente, explicou cómo vén traballando a asociación galega de Concellos e Deputacións no eido da cooperación internacional desde 1997.

No workshop ‘Aprender coa experiencia’ interviñeron ademais os outros dous parceiros deste proxecto europeo, a ONGD alemá FINE+P e a lusa Instituto Marquês de Valle Flôr. Tamén participaron, entre outros, representantes de UNICEF e dunha decena de municipios do país veciño.

As Cámaras lusas están a estudar a creación dunha rede de cooperación municipalista, para a que xa hai 14 Concellos portugueses interesados, entre os que foi conformada unha ponencia para a redacción dos estatutos da futura asociación.