Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-10-08

O Fondo Galego de Cooperación apoia o Camiño polo Pacto Galego contra a Pobreza

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade manifesta o seu apoio á realización do Camiño polo Pacto Galego contra a Pobreza. A iniciativa está impulsada polos máis de 400 movementos sociais que se atopan detrás da campaña Pobreza Cero e a Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento. Consiste en facer o Camiño de Santiago, dende Sarria, para reivindicar a sinatura dun Pacto Galego contra a Pobreza. Os tres partidos con representación no Parlamento de Galicia aceptaron adherirse a este compromiso, que se selará o sábado 16 de outubro. Ese mesmo día conclúen as seis etapas do Camiño polo Pacto Galego contra a Pobreza, cun percorrido que partirá dende o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro e o Pazo de Fonseca. Alí levarase a cabo a sinatura do Pacto, na que participarán representantes do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O Pacto Galego contra a Pobreza recolle compromisos concretos para pór en marcha medidas políticas necesarias para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Os organizadores convidan as cidadás e os cidadáns a sumárense á realización do Camiño polo Pacto  ás actividades previstas en cada etapa. Máis información dispoñible nos enlaces ao blog, o Facebook e o web da Coordinadora Galega de ONGDs:

http://caminhopolopacto.wordpress.com/

http://www.facebook.com/pages/Camino-polo-Pacto-Galego-contra-a-Pobreza/139605759418044?v=wall


http://www.galiciasolidaria.org/novas/presentada-a-campana---camino-polo-pacto-galego-contra-a-pobreza.html