Aviso:

[Pechar}


2017-10-31

O Fondo Galego de Cooperación conmemora os seus 20 anos cun gran acto festivo e reivindicativo

- O evento desenvolverase o xoves 9 de novembro a partir das 11 horas na Cidade da Cultura, con actuacións musicais, contos e lectura de poemas.
- Máis de medio cento de representantes de concellos, da Xunta e de fondos doutras comunidades autónomas confirmaron xa a súa presenza na xornada.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora os seus vinte anos de andaina cun gran acto que combinará a reivindicación da loita contra a pobreza e a defensa dos Dereitos Humanos con actividades de carácter lúdico para concienciar fronte as desigualdades. Máis de medio cento de representantes de concellos galegos, da Xunta e de fondos de cooperación doutras comunidades autónomas confirmaron xa a súa presenza na xornada, que se desenvolverá o vindeiro xoves, 9 de novembro, na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), a partir das 11 horas.

A compañía de clown Pallasos en Rebeldía será a encargada de conducir o evento, que contará cos contos da Tropa de Trapo, a lectura de poemas e relatos por parte da escritora Marilar Aleixandre ou a música do grupo de mulleres de orixe caboverdiana Batuko Tabanka. As actuacións intercalaranse con discursos a cargo do presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González; da presidenta saínte da Confederación de Fondos, Meritxell Budó, e do vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Oroso, Manuel Mirás, entre outras autoridades.

Ademais, proxectaranse varios vídeos sobre a entidade e nos soportais da Biblioteca instalarase a exposición ‘20 anos a Fondo coa solidariedade’, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro, mentres que ao remate se servirá un vermú galego. As persoas interesadas en acudir deberán reservar a súa praza no 986 843 436 ou en comunicacion@fondogalego.org.

Por outra parte, na tarde anterior, o mércores día 8, ás 16.30 horas terá lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a asemblea anual da Confederación de Fondos, á que acudirán representantes de Galicia, Euskadi, Andalucía, Estremadura, Cataluña, Valencia, Mallorca, Menorca e Eivisa. Ademais de aprobar o plan de traballo para os próximos meses, que suporá unha reactivación da entidade, o Fondo Galego presenta a súa candidatura para ocupar a Presidencia da Confederación a nivel estatal.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, na actualidade, Mozambique.

Ao tempo, promove numerosas actividades e materiais para sensibilizar á cidadanía galega a prol da solidariedade internacional, a realidade do Sur, a equidade de xénero, as persoas migrantes e refuxiadas, etc. O Fondo Galego está  recoñecido pola Fegamp como axencia municipal da cooperación galega e avalado pola Unión Europea como referente para a promoción das redes de cooperación descentralizada.