Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2011-05-11

O Fondo Galego de Cooperación denuncia o ataque sufrido polo seu parceiro en Haití, o SKDK

Incendio provocado na sede do SKDK.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade quere denunciar publicamente os ataques sufridos polo seu parceiro en Haití, o Centro para a Cultura e o Desenvolvemento de Carice (SKDK), e que segundo testemuños presenciais foron perpetrados por partidarios do partido oficialista INITÉ.

O clima de inestabilidade tense agravado en Haití dende que se coñeceron os resultados electorais, que ratifican o triunfo presidencial de Michel Martelly e, no entanto, outorgan a maioría parlamentaria a INITÉ. Unha maioría, esta última, que foi posta en dúbida dende diversas frontes.

O SKDK e outras organizacións da zona estiveron traballando durante o proceso electoral para concienciar aos veciños e veciñas da rexión e activaron un procedemento de observación que evitou a fraude a favor de INITÉ. Semella que precisamente ese labor a prol duns comicios xustos desencadeou os episodios violentos que o 21 de abril se produciron, entre outros lugares, en Carice, un dos tres municipios nos que se desenvolve o proxecto do Fondo Galego en Haití.

Ao parecer, simpatizantes do candidato oficialista, Jn Berthole Bastien, asaltaron a diversos membros das organizacións sociais da localidade. Os disturbios saldáronse coa sede do SKDK queimada, así como a radio comunitaria Tèt Ansanm Karis, a biblioteca comunitaria e outros seis locais máis. Nestes intres, os líderes das organizacións locais de Carice e integrantes do SKDK son vítimas da persecución.

Os testemuños identificaron aos asaltantes, que ían armados e a cara descuberta, e o SKDK xa cursou unha denuncia contra eles. O Fons Català de Cooperació al Desenvolupament e o Fondo Galego, canda outras entidades de ámbito internacional que colaboran no desenvolvemento de Carice, acordan denunciar aos agresores ante as autoridades competentes. A pesar do acontecido, o proxecto que ambos os dous Fondos desenvolven no noroeste de Haití, en resposta ao grave terremoto de 2010, segue adiante.

Descarga aquí a Declaración da Primeira Conferencia de Radios Comunitarias no Caribe.