Aviso:

[Pechar}


Vigo 2010-10-07

O Fondo Galego de Cooperación e a ESAD poñen en marcha un novo programa de teatro social

- Representantes de ambas as dúas entidades presentaron hoxe a segunda edición de TeatrAcción na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia

- O proxecto bianual centrarase en 2010 no aspecto formativo e na creación dun grupo de traballo que en 2011 xirará por todo o país cun innovador espectáculo

Manuel Vieites, director da ESAD, e Ánxelo González, da Secretaría Técnica do Fondo Galego, presentaron a nova edición de TeatrAcción.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e mais a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia veñen de pór en marcha a segunda edición de TeatrAcción, o proxecto de teatro social que vincula o traballo de ambas as dúas entidades. Na presentación celebrada esta mañá participaron Manuel Vieites, director da ESAD, e Ánxelo González, da Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación. A Concelleira de Benestar Social do Concello de Vigo e membro da Executiva do Fondo, María Méndez, desculpou a súa ausencia.

TeatrAcción 2010-2011 vén de dar comezo co curso ‘Teatro social para a cooperación e o desenvolvemento no século XXI’. Se no bienio 2008-2009 se xerou a obra ‘Os soños de Walla’, que colleitou un notable éxito por toda Galicia, nesta ocasión vólvese traballar cun esquema semellante. O primeiro ano dedícase a formación e a configurar o grupo de traballo, para no vindeiro exercicio crear un novo espectáculo que xirará polas entidades socias do Fondo Galego.

Ánxelo González explicou que un dos obxectivos prioritarios do programa é “transmitirlle á sociedade a través do teatro valores solidarios relacionados cos desequilibrios Norte-Sur e coas súas posibles vías de solución”. Ao mesmo tempo, preténdese “sensibilizar un colectivo que vai ter unha gran proxección pública, pois son futuros presentadores e presentadoras, actores e actrices, que ao teren participado nestas actividades convértense en aliados fundamentais para continuar transmitindo estes valores”.

Manuel Vieites subliñou que a ESAD “aposta por un artista solidario que se comprometa co mundo no que vive”, pois tendo en conta a dimensión colectiva do teatro “os creadores e creadoras non poden ser alleos á realidade”. Destacou que no curso non só están a participar alumnos do centro, senón tamén persoas procedentes do eido da cooperación e da animación sociocultural que “atopan no teatro unha ferramenta marabillosa para devolverlle a palabra a colectivos que quedaron sen ela”. O director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia lembrou que “o teatro permítelle a xente expresar a súa maneira de estar no mundo pero tamén os seus desexos de cómo lles gustaría que este fose”.

Éxito de convocatoria

Arredor dun cento de persoas se interesaron polo curso ‘Teatro social para a cooperación e o desenvolvemento no século XXI’, que ofertaba unhas 25 prazas. Nas clases, que se prolongarán ata o mes de decembro, póñense en relación as diferentes experiencias do teatro social coa problemática dos países empobrecidos e a necesidade de superala mediante a acción social e o desenvolvemento comunitario. Tamén se aborda o traballo de animación teatral con persoas con discapacidade ou con persoas en situación de privación de liberdade.

Da man do Fondo Galego participarán no curso representantes da ONGD Amarante, para presentar as redes de comercio xusto en Galicia; voluntarias e voluntarios do programa Vacacións con Traballo, que contarán as experiencias vividas no Sur, e mais a alcaldesa de Paúl (Cabo Verde), Vera Almeida, que falará sobre o traballo de xénero en África. O programa lectivo combina a teoría cun taller de creación teatral no que se xestará o espectáculo que se representará en diferentes cidades e vilas das catro provincias galegas. Dende a Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación, Ánxelo González avanzou tamén que nesta nova edición de TeatrAcción cóntase coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) para elaborar un documentario que testemuñe cómo se leva a cabo o programa.

O director da ESAD, Manuel Vieites, manifestou á súa vez a vontade de que a experiencia culmine coa creación dunha rede galega de teatro social, “unha plataforma de persoas que estean a traballar neste ámbito por toda Galicia e mesmo no Norte de Portugal”. Estase a estudar tamén a posibilidade de celebrar o vindeiro ano en Vigo o I Encontro de Teatro Social, “para activar esa rede e promover o teatro como mecanismo de intervención sociocomunitaria”, unha visión que “en moitos puntos do planeta se está a pór en práctica con grande éxito”. En definitiva, trátase de “apostar por un mundo mellor e comprobar como o teatro se pode converter nunha ferramenta para acadalo”.