Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-08-13

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia presentan o curso: Teatro social para a cooperación ao desenvolvemento no Século XXI

Folleto en Pdf do Teatro social para a cooperación ao desenvolvemento no Século XXI.A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade decidiron prolongar e dotar de continuidade ao programa que vincula o traballo das dúas entidades: TeaTracción.

Se na primeira edición do programa, 2008-2009, xerouse a obra de Os soños de Walla, circulando por dez entidades socias do Fondo nun programa de formación e voluntariado teatral que implicou ao profesorado e o alumnado da ESAD de Galicia, durante o 2010-2011 TeaTracción continuará a traballar cun esquema similar, adicando o primeiro ano á formación e a configuración do grupo de traballo, para posteriormente, durante o 2011, crear e representar un novo espectáculo entre as entidades socias do Fondo Galego.

Desta maneira, o día 20 de setembro dará comezo na ESAD de Galicia o curso: Teatro social para a cooperación e o desenvolvemento no século XXI, alongándose até o 20 de decembro. O curso que persegue a formación e a sensibilización de persoas que queiran vincular a súa actividade como profesionais ou voluntari@s no campo da animación teatral, conta cun total de 72 horas lectivas distribuídas en 17 sesións. A inscrición no curso é gratuíta tendo que adaptarse aos criterios de selección (24 prazas), entre os que destacan a vinculación ao teatro social ou o activismo en ONGD´s.

O programa do curso quer vincular as actuais, e as diferentes experiencias históricas do teatro social, á problemática dos países empobrecidos e a necesidade de superalos mediante a acción social e o desenvolvemento comunitario. Deste xeito o curso combinará clases teóricas coa formación dun taller de creación teatral.

Na dimensión teórica do curso o Fondo Galego fica encargado de dotar das ferramentas de comprensión mínimo do actual estado das desigualdades no planeta, e das ferramentas e mecanismos activados para a súa superación. Compre destacar nesta liña, que da man do Fondo participarán no curso representantes da ONGD Amarante, co propósito de presentar as redes de comercio xusto en Galicia, participantes do programa Vacacións con Traballo para contar de primeira man das experiencias vividas no SUR, e a Alcaldesa de Paul (Cabo Verde), Vera Almeida, que falará sobre o traballo de xénero en Africa.

Podes descargar aquí o programa do curso.