Aviso:

[Pechar}


Santiago de Compostela 2011-09-30

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade renova a Comisión Executiva

- O Concello de Redondela asume a Presidencia, o Concello de Vigo ostentará a Vicepresidencia e Allariz a Tesourería. Cambre, A Coruña, Viveiro, Oleiros e a Deputación de Lugo estarán nas vogalías.

- A nova presidenta aposta pola solidariedade internacional das Administracións locais galegas, sumando esforzos a través do Fondo Galego.

- Alfredo Novoa presidiu a entidade durante os últimos 14 anos, nos que todas as decisións se tomaron por unanimidade.

O presidente saínte, Alfredo Novoa, e a nova presidenta do Fondo Galego, Teresa París.A Asemblea Xeral de socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade renovou esta mañá por unanimidade a Comisión Executiva, que nos próximos catro anos vai estar presidida por Teresa París  (PP),  representante do Concello de Redondela. A vicepresidenta será Isaura Abelairas (PSdeG-PSOE), do Concello de Vigo, mentres que a tesoureira vai ser Pilar Gallego (BNG), do Concello de Allariz. A Secretaría continuará correndo ao cargo do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), que impulsou a creación da asociación en 1997.

O órgano de goberno e administración do Fondo Galego, que se renova despois de cada convocatoria de eleccións locais, conta tamén con cinco vogalías. Nelas estarán María Jesús González Roel, polo Concello de Cambre (PP); José Luis Quintela, polo Concello da Coruña (PP); Isabel Rodríguez polo Concello de Viveiro (PSdeG-PSOE); Antonio Veiga pola Deputación de Lugo (BNG) e Ángel García Seoane polo Concello de Oleiros (Alternativa dos Veciños). A composición da nova Executiva foi proposta pola Comisión saínte, tendo en conta a actual configuración partidaria das entidades locais galegas.

Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego desde 1997 ata hoxe, agradeceu ás compañeiras e compañeiros o traballo feito durante estes 14 anos, nos que todas as decisións se tomaron por consenso, pondo de lado diferenzas partidarias ou doutra índole. “Sempre houbo unha posición construtiva por parte de todos os socios que permitiu debater ata acadar consensos, pois a cooperación non ten siglas”, apuntou.

Tras recibir un agasallo da mans do director do IGADI, Xulio Ríos, Novoa desexoulle á nova presidenta “sorte e ánimo” para seguir apoiando aos países empobrecidos. Teresa París, pola súa banda, coincidiu na súa intención de traballar desde o consenso, sumando esforzos para atinxir unha cooperación máis eficaz e eficiente, sen perder nunca de vista o obxectivos principal: mellorar as condicións de vida das persoas dos países do Sur.