Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-06-15

O Fondo Galego de Cooperación financia proxectos no Perú, Nicaragua, Cabo Verde e Mozambique

- Achegará financiamento ás propostas das ONGDs Axunica e Amigos Escaes Perú para mellorar as condicións de vida en comunidades rurais empobrecidas

- As iniciativas de cooperación directa para 2010 centraranse en tarefas de recalificación urbana, construción de cuartos de baño e creación de emprego

O Fondo Galego contribuíu o ano pasado a levar a auga ata as vivendas do municipio caboverdiano de San FilipeO Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cofinanciará este ano cinco proxectos de cooperación internacional para o desenvolvemento no Perú, Nicaragua, Cabo Verde e Mozambique. As iniciativas agrúpanse en proxectos de cooperación indirecta, onde a entidade municipalista apoia económicamente as propostas de ONGDs galegas, e proxectos de cooperación directa, nos que o Fondo Galego traballa directamente con parceiros en países do SUR.

Ata 23 solicitudes se presentaron este ano á convocatoria de cooperación indirecta, a maioría para actuacións en materia de formación e saúde en países latinoamericanos. O Fondo Galego acordou finalmente destinar 35.000 euros a un proxecto de Amigos Escaes Perú para o desenvolvemento de capacidades e mellora das condicións de vida en nove comunidades rurais da provincia de Ayabaca, Piura. Trátase de promover a alfabetización, a participación social e a equidade de xénero entre familias que viven na extrema pobreza, á vez que instalar 180 cociñas melloradas e diversificar a alimentación creando hortas e criadeiros de coellos. Axunica é a segunda organización beneficiada, que recibirá 6.750 euros para colocar 30 latrinas na comunidade nicaragüense de Tepalón, Granada. Este proxecto para mellorar as condicións sanitarias forma parte dun máis amplo que levou auga potable ás vivendas, comedores escolares e aulas de educación infantil.

Parcería cos municipios e a ONU

En canto aos proxectos de cooperación directa, o Fondo Galego recibiu 43 propostas, a maior parte procedentes de municipios caboverdianos e centradas no abastecemento de auga e saneamento, no desenvolvemento local ou en actividades educativas. En parcería coa Cámara Municipal de Paúl, no arquipélago africano, vanse destinar 55.000 euros achegados polo Concello de Vigo á recalificación urbana da localidade de Eito. Crearanse as necesarias condicións de habitabilidade coa instalación de baños, cociñas, saneamento, etc.

O Fondo Galego ten previsto materializar aínda alomenos dous proxectos máis en 2010. Un deles consiste na construción de 60 cuartos de baño en vivendas da illa caboverdiana de Maio, en concreto nas localidades de Figueira e Ribeira Don João. As familias beneficiarias recibirán o material e o apoio técnico preciso para a obra. De xeito paralelo, desenvolveranse en colaboración coas asociacións locais campañas de sensibilización e educación para a saúde co fin de promover novos hábitos de hixiene. A Xunta de Galicia apoia esta iniciativa. Entre ambas as dúas entidades galegas serán achegados 49.200 euros.

A asociación municipalista iniciará asemade este ano a cooperación directa en Mozambique cun proxecto de apoio ao proceso de desenvolvemento económico local da provincia de Maputo, no marco da iniciativa para o Artellamento de Redes Territoriais (ART) do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD). A Deputación de Lugo e mais os Concellos de Vigo, A Coruña e Pontevedra achegan a través do Fondo Galego 62.343 euros para contribuír á erradicación da pobreza dinamizando a economía local, creando emprego e xerando ingresos entre a poboación. Preténdese fortalecer a xestión municipal e fomentar o asociacionismo, a través dunha incubadora de negocios e obradoiros de capacitación sobre as novas esixencias do mercado da competencia e o comercio xusto.