Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2011-05-26

O Fondo Galego de Cooperación supervisa ‘in situ’ os proxectos apoiados en Cabo Verde

- Nos próximos quince días, a técnica de proxectos visitará sete municipios parceiros da asociación de Concellos e Deputacións en catro illas

- O obxectivo é coñecer de primeira man o resultado das iniciativas cofinanciadas e detectar posibles sinerxías para o futuro

Andrea García Corzo, á dereita da imaxe, atópase en Cabo Verde para supervisar os proxectos apoiados polo Fondo Galego.A responsable de Proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Andrea García Corzo, atópase en Cabo Verde para supervisar de primeira man as iniciativas apoiadas pola entidade no arquipélago africano. Nuns casos tratarase de supervisar proxectos que acaban de ser executados e, noutros, de comprobar os efectos a máis medio ou longo prazo de proxectos máis antigos.

A técnica visitará nos próximos quince días as illas de Santiago, Santo Antão, Fogo e Brava, onde se reunirá con representantes de sete municipios parceiros do Fondo Galego. Tamén manterá xuntanzas con membros de distintos organismos do eido da cooperación e coas persoas beneficiarias dos proxectos cofinanciados en materias como igualdade, educación ou acceso á auga potable. O obxectivo da viaxe é comprobar os resultados obtidos ata o momento e establecer futuras vías de colaboración.

A xira comezou onte mércores en Praia, a capital de Cabo Verde. Alí analizouse o desenvolvemento do proxecto ‘Apoio ás políticas locais con perspectiva de xénero (2008-2009)’ en senllas xuntanzas na Cámara Municipal e no Instiuto Caboverdiano de Igualdade e Equidade de Xénero. Hoxe terá lugar un encontro coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos para abordar as súas principais necesidades. Mañá venres, a técnica do Fondo Galego visitará o proxecto ‘Construción dunha escola en Covão Sanches’, executado en 2006.

A vindeira semana, a responsable de Proxectos iniciará o percorrido na Cámara Municipal do Paúl, onde se impulsaron a ‘Implementación do Plano de igualdade e equidade de xénero’ (2009) e a ‘Recalificación urbana da localidade de Eito’ (2010). Reunirase asemade coa Asociación de Municipios de Santo Antão para supervisar a ‘Elaboración do III Plano de Desenvolvemento’ da illa. A técnica desprazarase logo a Ribeira Grande para falar do proxecto ‘Reforzo da capacidade técnica e institucional na Cámara Municipal’, previsto para este ano. A semana rematará coas xuntanzas con responsables da AECID na Embaixada española, e coa Plataforma caboverdiana de ONGD.

Para os días 6, 7 e 8 de xuño quedan máis encontros coas Cámaras Municipais. Primeiro en São Filipe, para comprobar o impacto das obras de ‘Abastecemento de auga potable’ (2007) e ‘Abastecemento de auga potable e saneamento para as zonas de Cabeça Monte, Inhuco e Lagariça’ (2009). Despois en Santa Catarina do Fogo, co fin de revisar o estado das instalacións tras os traballos de ‘Construción dunha escola’ (2006). Por último, en Brava visitarase o proxecto ‘Extensión da rede de auga e a súa ligazón aos domicilios’, á vez que se abordarán cuestión relativas a futuras iniciativas de turismo sustentable no municipio.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití.

Para máis información, imaxes ou entrevistas coa técnica desprazada a terreo, póñanse en contacto connosco.

SERVIZO DE COMUNICACIÓN
Carmen Novas      616 145 077
comunicacion@fondogalego.org