Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2011-11-29

O Fondo Galego e a Fegamp reforzan a súa colaboración a prol da cooperación internacional

- A asemblea da Federación de Municipios e Provincias aprobou por unanimidade unha resolución para promover a solidariedade do municipalismo pese á crise
- No seo da Fegamp crearase unha Comisión Permanente de Relacións Exteriores onde o Fondo Galego de Cooperación terá un papel protagónico

A presidenta do Fondo, Teresa París, na parte baixa da imaxe, durante a asemblea da Fegamp.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e mais a Federación Galega de Municipios e Provincias reforzarán os seus lazos de colaboración a prol da solidariedade internacional. A asemblea xeral da Fegamp aprobou por unanimidade a pasada fin de semana unha proposta de resolución neste sentido que foi presentada pola presidenta do Fondo, Teresa París, e que recibiu unha exitosa acollida por parte dos asistentes.

Perante o novo ciclo dos gobernos locais, o texto aprobado propoñía a creación, no seo da Fegamp, dunha Comisión Permanente de Relacións Exteriores na que o Fondo Galego teña un papel protagónico, inseríndose dentro da propia vida institucional da Federación, como auténtica axencia para a cooperación internacional das entidades locais galegas. Ademais das catro Deputacións, na actualidade son socios do Fondo 94 Concellos,  que representan máis do 70% da poboación galega.

Esta rede cumprirá en 2012 quince anos de traballo conxunto fronte aos inxustos desequilibrios da realidade internacional, tanto apoiando procesos de desenvolvemento nos países do Sur como promovendo actividades de sensibilización entre a cidadanía do Norte. Proponse agora consolidar este proxecto, exemplo de traballo cooperativo superador das diverxencias, axuntando esforzos e sen que o contexto de crise supoña dar pasos atrás.

O Fondo Galego aposta por enraizar a capacidade de traballo conxunta coa Fegamp, que segundo recolle a resolución presentada debe sentir como propio o éxito desta experiencia en rede solidaria, asimilando e estimulando o sentido da cooperación xerada ata o momento. O obxectivo é xerar sinerxías favorecedoras do compromiso solidario e do municipalismo galego.

Pódese descarregar aquí a Resolución aprobada:

AnexoTamaño
resolucionfegamp-fgcs261111.pdf285.65 KB