Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-08-19

O Fondo Galego e o Concello de Vigo apoian a agricultura e a xestión do lixo en Cabo Verde

O Concello de Vigo achega a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade 52.800 euros a senllos proxectos de cooperación en Cabo Verde, aos que se suman outros 1.000 euros  da asociación de Concellos e Deputacións.

Na Cámara Municipal de Santa Cruz axúdase á poboación agrícola promovendo o rego por goteo, mentres que na Cámara Municipal de Porto Novo estase a apoiar a xestión axeitada dos residuos.

Agricultores de Santa CruzO proxecto que se está a desenvolver en Santa Cruz ten o dobre obxectivo de reducir a pobreza da poboación agricultora e de protexer as cuncas hidrográficas. A través do sistema de rego ‘gota a gota’, búscase fomentar o desenvolvemento sustentable mellorando a xestión da escasa auga potable dispoñible. Para conseguilo, estase a formar a 30 agricultoras e agricultores nesta técnica. Ademais de coñecer a instalación, o mantemento e a práctica, recibirán un kit para empregalo nunha parcela de ata 1.500 m2. Deste xeito, reducirase a auga necesaria para os cultivos e minguarán os custos da actividade agrícola.

Boa parte das persoas beneficiarias da iniciativa dedicábanse á recolección na beira do mar de area e pedras para a construción. Calcúlase que este proxecto favorecerá a seguridade alimentaria duns 150 membros das familias implicadas, mellorando non só a súa dieta senón tamén os seus ingresos, xa que poden comercializar os excedentes de produción. A actuación cofinanciarase con 28.800 euros.

Lixo en Porto Novo.Na Cámara de Portonovo, doutra banda, preténdese mellorar a calidade de vida da veciñanza coidando o medio ambiente a través da recollida, tratamento e acondicionamento dos residuos sólidos no centro urbano do municipio. O proxecto contempla a adquisición de equipamentos para a limpeza, como son contedores, papeleiras, carros ou vasoiras. Tamén a dotación de elementos de protección para as 61 traballadoras e 18 traballadores empregados neste servizo, tales como mascariñas, luvas, botas e uniformes, a fin de incrementar a súa seguridade. De xeito paralelo, desenvolverase unha campaña de sensibilización entre a poboación sobre a importancia dunha xestión axeitada do lixo.

A intervención repercutirá na saúde pública e tamén na imaxe da localidade, ao reducir o lixo espallado polas rúas, descampados e ribeiras, o que provoca malos cheiros e cúmulos de insectos. Ao tempo, estímase que se reducirá a incidencia de determinadas enfermidades derivadas desta situación. O proxecto recibirá 25.000 euros.