Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-05-25

O Fondo Galego e o Concello de Vigo dinamizan a agricultura e o cooperativismo feminino en Cabo Verde

- Promóvese o rego 'gota a gota' para tirar rendemento das terras aforrando auga e fórmase ás mulleres na elaboración de artesanías para que gañen independencia.
- Contribuír á loita contra a pobreza no país lusófono é o obxectivo de ambos os dous proxectos de cooperación internacional que se dan a coñecer no Día de África.

O rego 'pinga a pinga' permite aforrar auga na agricultura.O Concello de Vigo e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade contribúen á loita contra a pobreza en Cabo Verde impulsando dous proxectos de desenvolvemento que se dan a coñecer no Día de África. Na Cámara Municipal de Santa Cruz apóiase á poboación agricultora promovendo o rego por goteo, mentres que no Concello de Ribeira Grande búscase consolidar unha cooperativa de mulleres artesás.

No primeiro caso, formarase a 25 agricultoras e agricultores no rego 'pinga a pinga' e noutras prácticas agrícolas que permitan reducir os gastos e a auga empregada. Estímase que os 150 habitantes da localidade de Librão mellorarán a súa dieta alimenticia e os seus ingresos grazas aos produtos da horta. Coa instalación deste sistema de irrigación, non só se favorece  seguridade alimentaria e a mellora socioeconómica nunha das vilas máis pobres do país, senón que tamén se preservan as cuncas hidrográficas. Á escaseza de auga na zona, acentuada polo cambio climático, únese a crecente salinidade dos solos, derivada do avance do mar pola extracción de area e pedras para a construción.

A esta actividade ilegal e cun forte impacto no medio dedicábanse algunhas das persoas beneficiadas polo proxecto, entre as que se lles deu prioridade ás xefas de familia con máis fillas e fillos. Tamén boa parte das mulleres que hoxe integran a cooperativa A Sulada extraían inertes das praias, unha tarefa que apenas xera rendementos. A actuación en Ribeira Grande ofrécelles unha alternativa ás 30 artesás, na procura do seu empoderamento económico e social.

O proxecto coa cooperativa A Sulada inclúe aulas de alfabetización.Para acadalo, levaranse a cabo accións formativas para mellorar a produción de xabóns, óleos, bixuterías, peiteados, licores ou conservas. Ao tempo, impartiranse capacitacións en contabilidade, xestión, informática, internet e redes sociais, así como alfabetización para aquelas participantes que o precisen, pois o municipio rexistra o nivel de analfabetismo máis alto do arquipélago. Adquiriranse asemade equipamentos, uniformes e materias primas, aínda que a intención é que acaben cultivando as plantas que precisan. Tamén se identificarán as necesidades prioritarias da cooperativa, así como as ideas de futuro, e se intensificará a promoción con materiais publicitarios, visitas a clientes potenciais e impulso da venda online.

Con estas accións preténdese que os ingresos das mulleres aumenten un 50% nun ano e, con eles, tamén a súa independencia e autoestima. De xeito paralelo, realizaranse actividades de sensibilización sobre cooperativismo e sobre violencia de xénero e dereitos das mulleres nas localidades de Salineiro, Porto Mosquito, Gouveia e Cidade Vella. Cómpre ter en conta que a taxa de monoparentalidade feminina no concello ascende ao 66% e que cada unha das 30 produtoras da Sulada sustenta unhas dez persoas. No entanto, coa declaración do núcleo de Cidade Vella como Patrimonio da Humanidade ábrense novas oportunidades para a poboación local.

Os dous proxectos de cooperación internacional que se están a desenvolver no país lusófono danlle continuidade a intervencións anteriores apoiadas polo Concello de Vigo e o Fondo Galego, coas respectivas cámaras municipais como socias en terreo e, no caso de Ribeira Grande, tamén coa Asociación para a Cooperación con Cabo Verde como parceira. O Concello de Vigo achega 26.000 euros a cada unha das intervencións, aos que se suman outros 4.000 euros do fondo común da entidade integrada por concellos e deputacións.