Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-09-08

O Fondo Galego e o Concello de Vigo fomentan alternativas económicas en Cabo Verde e Nicaragua

- No arquipélago africano apóiase unha cooperativa de mulleres artesás e no país centroamericano promóvese o turismo sustentable en comunidades indíxenas.
Técnicas de administracións locais participantes no programa Vacacións con Traballo supervisarán os proxectos, que se fan públicos no Día das Persoas Cooperantes. 

O Concello de Vigo e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cofinancian en Cabo Verde e Nicaragua senllos proxectos que permitirán loitar contra a pobreza extrema fomentando alternativas económicas. No arquipélago africano, apoiando unha cooperativa de mulleres artesás e, no país centroamericano, impulsando o turismo rural comunitario. Hoxe conmemórase o Día das Persoas Cooperantes.

As mulleres da cooperativa Sulada elaboran xabóns naturais.En Cabo Verde promoverase a igualdade de xénero a través do empoderamento socioeconómico das produtoras de cinco localidades do municipio de Ribeira Grande de Santiago. Para acadar este obxectivo, estase a traballar coa cooperativa Sulada para convertela nunha fonte estable de ingresos, xa que cada unha das 30 artesás que a compoñen sustenta unha media de dez persoas. Trátase así de que teñan unha alternativa viable á extracción de area e pedras para a construción, actividade ilegal que non garante os ingresos mínimos para unha vida digna e que causa un gran dano ambiental.

Deste xeito, impártense formacións para incrementar a produción de xabóns e cosméticos naturais e mais a súa calidade, pero tamén para capacitar nas áreas de xestión, contabilidade, márketing ou internet. Búscase ademais diversificar os ingresos elaborando tamén licores, doces, conservas, bixutería, artesanía téxtil, etc., e ampliar os mercados para estes produtos, tanto presenciais como online. A área de intervención estrutúrase arredor da Cidade Vella, declarada Patrimonio da Humanidade, o que pode dinamizar este tipo de actividades.

Ao tempo, promoverase a alfabetización nun dos municipios máis empobrecidos e coa taxa de analfabetismo máis alta do país lusófono. Ademais, sensibilizarase en cuestións de participación cidadá, democracia, autoestima, saúde reprodutiva, etc. A Asociación para a Cooperación con Cabo Verde encárgase de executar as actuacións canda a Cámara Municipal de Ribeira Grande.

En Nicaragua póñense en valor os recursos culturais e naturais.O proxecto apoiado en Nicaragua ao Instituto de Promoción Humana-Somoto mellorará o nivel de vida de once comunidades indíxenas, nas que se priorizou as xefas de familia, aproveitando o potencial turístico de xeito sostible desde o punto de vista ambiental e cultural. Para conseguilo, fortalecerase a capacidade de acollida de visitantes e melloraranse a oferta e os servizos, para rematar logrando que dous municipios cun alto índice de pobreza extrema, Totogalpa e Somoto, sexan recoñecidos a nivel rexional como destinos atractivos.

No primeiro, trátase de consolidar un proceso xa iniciado acondicionando o ecoalbergue con baños e paneis solares, amoblando o centro de recepción de visitantes e fortalecendo tanto ao gabinete de turismo municipal como á policía. Capacitarase ademais en materia de atención ao cliente e na elaboración de artesanía chorotega. Editaranse asemade un tríptico promocional e anuncios nas televisións locais. No caso das dúas comunidades de Somoto implicadas, partiríase de cero formando en cociña, panadería, carpintería, artesanías, música, danza e animación. Realizaríanse tamén xiras de intercambio para coñecer experiencias de éxito. A proposta encádrase nunha estratexia integral de desenvolvemento turístico rural comunitario que pon en valor os recursos arqueolóxicos, culturais e paisaxísticos, que están atraendo mesmo ao turismo de aventura, co fin de duplicar o número de visitantes.  

Como membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Concello de Vigo destina a cada unha desta intervencións, unha en Nicaragua e outra en Cabo Verde, 26.000 € aos que se suman preto doutros 6.000 € do fondo común das administracións locais e provinciais socias da entidade. Os proxectos reforzaranse coa viaxe a terreo de persoal técnico destas administracións no marco do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, que supervisarán as actuacións e prestarán a súa asistencia.