Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2011-06-09

O Fondo Galego e os municipios caboverdianos renovan o seu compromiso de cooperación

A entidade galega e a Asociación Nacional dos Municipios Caboverdianos asinaron o documento de Liñas Estratéxicas 2011-2013 para o arquipélago

O texto recolle a aposta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade por continuar fortalecendo as capacidades das entidades locais de Cabo Verde

A técnica de Proxectos do Fondo Galego, Andrea García Corzo, fíxolle entrega do documento de Liñas Estratéxicas 2011-2013 ao secretario xeral da Asociación Nacional dos Municipios Caboverdianos, Valter de Sá.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade renovou o seu compromiso a prol do desenvolvemento dos municipios caboverdianos. A entidade vén de asinar o documento ‘O Fondo Galego en Cabo Verde: liñas estratéxicas 2011-2013’ coa Asociación Nacional dos Municipios Caboverdianos. O texto fixa as prioridades da cooperación promovida pola entidade galega no arquipélago africano.

O apoio do Fondo Galego ao municiplaismo caboverdiano busca contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. As accións han de centrarse, concretamente, no fortalecemento das capacidades dos municipios caboverdianos. Favorecerase así un proceso de descentralización que redunde no beneficio da poboación máis vulnerable e promoverase o Bo Goberno como ferramenta na loita contra a pobreza.

Establécense catro áreas de intervención prioritarias: ordenación e xestión do territorio (saneamento, residuos, canalización da auga, electricidade, rehabilitación de vivendas), fortalecemento institucional (desenvolvemento económico local, servizo de protección civil, participación cidadá), creación de competencias técnicas e fortalecemento da sociedade civil.

A equidade de xénero, a sustentabilidade ambiental, o respecto polos Dereitos Humanos, a defensa da interculturalidade e o bo goberno local son algúns dos principios transversais que se fixan nas Liñas Estratéxicas. Para garantir a eficacia dos proxectos, establécense tamén catro illas prioritarias –Brava, Fogo, Santiago e Santo Antão-, nas que se atopan os 14 municipios que sobrepasan a media nacional de poboación empobrecida.

O documento marca como obxectivos para o Fondo Galego apoiar un mínimo de dous proxectos de cooperación ao ano en Cabo Verde e incrementar as prazas do programa de voluntariado Vacacións con Traballo neste país. Desenvolveranse accións formativas para o persoal municipal nas que as entidades locais galegas poderán achegar casos exitosos coma a xestión ambiental ou o turismo rural, ademais de promover estadías en Concellos e Deputacións galegas para favorecer o intercambio de experiencias. Tamén se realizarán xornadas dirixidas á comunidade caboverdiana en Galicia e impulsarase un acordo coas universidades para acolleren estudantes caboverdianos.

40 proxectos nunha década

As Liñas Estratéxicas 2011-2013 danlle continuidade ao Documento de Estratexia País 2005-2008, denominado ‘Plan de acción para o fortalecemento da nova administración local’. Cabo Verde é un dos países prioritarios para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, tendo en conta a afinidade cultural  e a importancia compartida do municipalismo. A entidade galega leva unha década colaborando coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos. No país executáronse uns 40 proxectos que van dende a dotación de auga corrente ou a capacitación de xente nova ata a construción de colexios e centros comunitarios, pasando polo reforzo da participación política das mulleres e a implementación de plans municipais de igualdade.

A técnica de Proxectos do Fondo Galego atópase en Cabo Verde para supervisar as iniciativas cofinanciadas e detectar posibles sinerxías para o futuro. Andrea García Corzo aproveitou para entregarlle persoalmente as Liñas Estratéxicas ao secretario xeral da Asociación Nacional dos Municipios Caboverdianos, Valter de Sá, e recoller o documento unha vez asinado.