Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-11-27

O Fondo Galego organiza en Pontevedra as X Xornadas Anuais de Cooperación

O evento celebrarase o 3 de decembro e conmemorará o décimo aniversario das Vacacións con Traballo. Alén de participantes nesta experiencia, intervirán representantes sindicais, dos municipios de Cabo Verde e do Fondo Extremeño.

X Xornadas Anuais de Cooperación “Vacacións con Traballo. Unha década de cooperación dende o local”.A Casa das Campás de Pontevedra (Rúa Don Filiberto, 9) acollerá o próximo 3 de decembro as X Xornadas Anuais de Cooperación, evento que anualmente organiza o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que nesta edición terá como título 'Vacacións con Traballo. Unha década de cooperación dende o local'.

Este evento, que contará coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Universidade de Vigo, dará comezo ás 9:30 horas, cunha presentación a cargo de  Juan González, presidente do Fondo Galego e alcalde do Concello de Nigrán. Neste apartado tamén participarán Teresa París, vicepresidenta do Fondo Galego (Concello de Redondela), Carmen Fouces, tesoureira do Fondo Galego (Concello de Pontevedra) e Carmen Dasilva, tenente de alcalde do Concello de Pontevedra. 

Posteriormente terá lugar á primeira mesa de traballo, baixo o título  “Fórmulas para a implicación e participación da administración local en proxectos de cooperación ao desenvolvemento”, e que estará moderada por María Varela, xornalista do Diario de Pontevedra. Nesta mesa participarán José Ramón Piñeiro, responsable da Sección Sindical de CC.OO na Deputación Provincial de Pontevedra; Xosé Carlos Crespo, secretario nacional de Comunicación da CIG-Administración Pública; e Ángel Gil, da Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSI-F).

A segunda mesa de traballo, titulada “Programa Vacacións con Traballo. Experiencias dunha década”, moderada por Daniel González Palau, ex secretario do Fondo Galego de Cooperación, contará coa experiencia de participantes do Vacacións con Traballo desde a súa fundación en 2006 ata o día de hoxe: María López Avendaño, participante de Vacacións con Traballo en Nicaragua (2006);  Ana Ferradáns (Cabo Verde, 2015); e Jorge Duarte Vázquez (Cuba, 2009).

Como complemento a esta experiencia, esta mesa contará cunha presenza internacional, neste caso de representantes dos parceiros do Fondo Galego de Cooperación en Cabo Verde: José Belmiro Fonseca, Vereador de Agricultura, Pecuária, Pescas, Turismo Rural, Segurança Urbana e Emigração da Cámara Municipal de Santa Cruz, e Manuel Monteiro de Pina, presidente da Asociación Nacional de Municipios de Caboverdianos e alcalde da Cámara Municipal de Ribeira Grande de Santiago (Cabo Verde).

Finalmente, a terceira mesa de traballo, titulada “Outra experiencia semellante a Vacacións con Traballo: Voluntari@s Expertos”, estará moderada por Andrea Manuela García Corzo, secretaria do Fondo Galego de Cooperación, e contará coa participación de Nuria Morán Estévez, técnica de proxectos do Fondo Extremeño Local de Cooperación para el Desarrollo (FELCODE).

Como actividades complementarias poderemos degustar café e outros produtos de comercio xusto, coa colaboración da ONG Amarante, momento no que se presentará a actuación da compañía teatral A Tropa de Trapo, a través do seu espectáculo 'Contos coas Mans Abertas'.

As X Xornadas Anuais de Cooperación terán como colofón a inauguración da exposición 'Nicaragua: o futuro', do fotógrafo vigués Felipe Carnotto, gañador do concurso 'Imaxes con Fondo II, no ano 2014.

Tanto a degustación de produtos de comercio xusto, como a actuación da Tropa de Trapo e a exposición 'Nicaragua: o futuro' son financiadas pola Xunta de Galicia a través do convenio de colaboración asinado en torno ao Plan de sensibilización 2015 '10 anos de Vacacións con Traballo'.

AnexoTamaño
Cartaz das X Xornadas Anuais de Cooperación573.51 KB
Programa das X Xornadas Anuais de Cooperación603.66 KB