Aviso:

[Pechar}


Lisboa 2014-04-28

O Fondo Galego participa en Lisboa na primeira xuntanza de Redes para o Desenvolvemento II

Na segunda fase do proxecto europeo compartirá con entidades de Portugal, Alemaña e Holanda a súa experiencia en materia de educación para o desenvolvemento.

As entidades socias do proxecto Redes para o Desenvolvemento II reuníronse en Lisboa.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a participar hoxe e mañá na primeira xuntanza de traballo do proxecto Redes para o Desenvolvemento II na sede do Instituto Marquês de Valle Flôr. O secretario da entidade, Daniel González Palau, atópase en Lisboa para formalizar os acordos de partenariado e revisar o plan de acción canda os socios europeos.

O Fondo Galego ofreceulles o seu asesoramento para promover redes de cooperación descentralizada durante a primeira fase da iniciativa, que culminou coa creación da Rede Intermunicipal de Cooperaçao ao Desenvolvemento en Portugal e a xeración en Alemaña dun tecido de municipios irmandados con localidades nicaraguanas.

No período 2014-2017, volverá achegar a súa experiencia a entidades tanto destes dous países como de Holanda, desta volta co obxectivo de fortalecer as autoridades locais europeas en accións de educación para o desenvolvemento e para a cidadanía global.

As metas específicas pasan por capacitar as autoridades locais en accións de ED, promover boas prácticas e parcerías multiactor europeas e incorporar a participación da cidadanía nas políticas de cooperación. No marco do proxecto cofinanciado pola UE, o Fondo Galego presentará o seu modelo de cooperación municipalista en rede a través de obradoiros de traballo nos distintos países implicados.