Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-12-23

O Fondo Galego pechou o 2013 asinando os convenios con Ecos do Sur, Agareso e ACPP

Póñense en marcha os proxectos de cooperación en Mozambique, El Salvador e Nicaragua.


Representantes de Ecos do Sur, Agareso e ACPP achegáronse ata Baiona.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pecha o 2013 asinando os convenios coas ONGD que obtiveron financiamento para os seus proxectos de cooperación na convocatoria deste ano. Póñense en marcha, deste xeito, as iniciativas de Ecos do Sur, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) en Mozambique, El Salvador e Cuba, respectivamente.

Representantes das tres organizacións achegáronse o 18 de decembro ata Baiona para selar o compromiso na sede do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), que exerce a Secretaría Técnica do Fondo Galego. A asociación municipalista destina 76.810 euros ao financiamento destes proxectos de cooperación indirecta, aprobados na Asemblea xeral de socios do 14 de novembro. Ademais da intervención en terreo, as propostas levan aparelladas diversas actividades de sensibilización en Galicia.

Ecos do Sur recibe 18.000 euros para mellorar as condicións educativas e sanitarias da escola Hitakula das Mahotas, en Maputo, que conta con 2.450 alumnas e alumnos. Traballos no pozo da auga e das fosas sépticas, o acondicionamento de fiestras e portas, dotación de material escolar e capacitacións sobre saúde e medio ambiente son algunhas das accións que se levarán a cabo en colaboración coa ONGD Adane Moçambique.

O Igadi, Secretaría do Fondo Galego, acolleu a sinatura dos convenios.Á proposta de Agareso na rexión salvadoreña do Bajo Lempa, onde traballará coa asociación Cordes, destinaranse 29.345 euros. O obxectivo é  reducir a vulnerabilidade fronte o risco de inundacións nas comunidades e centros educativos da zona. Actuarase na mitigación, sensibilización e educación ambiental, amplificando os resultados da formación e a capacidade de reacción nas emerxencias a través da radio comunitaria.

Asemblea de Cooperación pola Paz, doutra banda, obtivo 29.465 euros para fomentar as capacidades de prevención fronte aos desastres na Habana Vieja, en parcería coa Oficina do Conservador da cidade. Mediante a creación dun centro de interpretación meteorolóxico no antigo convento de Belén, que realizará un labor pedagóxico sobre as tormentas tropicais e os furacáns, contribuirase ao tempo a recuperar un Ben de Interese Cultural.

Mentres estas tres novas iniciativas botan a andar, a finais de ano veñen de pecharse asemade as últimas actividades dos proxectos apoiados ao longo de 2013 para contribuír a erradicar a pobreza e as desigualdades no mundo. Achegáronse un total de 85.588 euros a dous proxectos de cooperación directa, para mellorar a xestión de residuos sólidos e impulsar a soberanía alimentaria en Cabo Verde, e catro de cooperación indirecta.

Neste último ámbito, en Nicaragua, contribuíuse a garantir o dereito a unha vivenda digna con Taller de Solidaridad e a fortalecer as capacidades locais para a xestión ambiental de dúas áreas protexidas do Golfo de Fonseca con Amigos da Terra. Canda Enxeñería sen Fronteiras apoiouse a xestión da auga en Honduras mentres que na India impulsouse a loita contra a violencia exercida contra as mulleres xunto con Implicadas no Desenvolvemento.