Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-09-20

O Fondo Galego presenta en Lousame un novo conto para crear conciencia solidaria

- 'Antía, Wamba e o regato pequeno' é a proposta ideada pola compañía A Tropa de Trapo para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
- O espectáculo, baseado en historias con música en directo e dirixido a un público familiar, xirará por vinte Concellos socios da entidade municipalista.

A xira do novo espectáculo de contacontos deseñado pola compañía A Tropa de Trapo para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade arrinca mañá venres en Lousame (A Coruña). Grazas ao apoio do Concello, socio da entidade municipalista, a casa da cultura acollerá a representación de 'Antía, Wamba e o regato pequeno', a partir das 10.15 horas. Asistirán un cento de alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro, que conmemorarán así o Día Internacional da Paz.

Marta Ortiz e Brais das Hortas volven apostar polas historias con música en directo, desta volta dirixidas a un público infantil e familiar, sen límite de aforo. A obra está protagonizada por Antía, unha nena galega, e Wamba, un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos.

O espectáculo xirará ata finais de ano por vinte Concellos socios do Fondo Galego de Cooperación: Lousame, Santiago de Compostela, A Coruña, Cambre, Pontecesures, Mugardos, Oleiros, Lugo, Viveiro, Riotorto, Castroverde, Samos, Ourense, Sandiás, Manzaneda, Vigo, Pontevedra, Redondela, Gondomar e Covelo.

'Antía, Wamba e o regato pequeno' tómalle o relevo aos 'Contos coas mas abertas', que desde 2010 percorreron un total de 61 escenarios de 48 Administracións socias do Fondo Galego, colleitando unha excelente acollida. O novo espectáculo da Tropa de Trapo volve contemplarse no Plan de Sensibilización, cofinanciado pola Xunta de Galicia.