Aviso:

[Pechar}


Santiago de Compostela 2012-11-30

O Fondo Galego reafirma o compromiso coa cooperación internacional no seu 15º aniversario

Destacados persoeiros participaron no evento que combinou debates, contacontos, audiovisual e premios de fotografía en Santiago de Compostela.

A Tropa de Trapo emocionou ao público cos seus contos solidarios.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade reafirmou o compromiso das Deputacións e Concellos socios co desenvolvemento dos países empobrecidos na conmemoración do seu 15º aniversario. O evento, celebrado esta mañá en Santiago de Compostela, contou coa presenza da subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero; políticas coma Carmen Gallego, Ana Miranda, Yolanda Díaz ou Camilo Nogueira, ongd, sindicatos e representantes de distintos colectivos.

A presidenta do Fondo Galego, Teresa París, abriu o acto apostando polo valor da cooperación municipalista na defensa dos Dereitos Humanos. De seguido, a Tropa de Trapo emocionou o público co seu contacontos para crear conciencia solidaria. A gala conducida por Mariana Carballal continuou coa presentación do documental sobre o Fondo Galego de Cooperación realizado por voluntariado da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).

O evento pechouse coa entrega dos premios do concurso ‘Imaxes con Fondo’, na que participaron diversas actrices e actores galegos. O fotógrafo Jose Romay, gañador da categoría de adultos, recibiu de mans do cómico Isi e das actrices Iolanda Muíños e Rosa Álvarez o seu galardón, unha viaxe a Cabo Verde para realizar un traballo fotográfico sobre os proxectos no país. Ernesto Chao e Mela Casal, pola súa banda, outorgáronlle ao mozo Xiao Aller o premio correspondente á sección xuvenil, unha cámara réflex e un lote de produtos de comercio xusto.

Antes do acto conmemorativo, o Fondo Galego desenvolveu desde primeira hora as VII Xornadas de Cooperación: 15 anos comprometéndonos coa solidariedade. Expertas e expertos de Galicia, Catalunya e Portugal analizaron a cooperación municipalista no mundo e a situación do sistema galego de cooperación diante da crise.