Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-11-18

O Fondo Galego solidarízase con Filipinas por medio de ACNUR e coa apertura da súa conta de emerxencia


Entre o pasado 8 e 9 de novembro Filipinas foi severamente agredida polo xa denominado supertifón Haiyan, un dos máis devastadores da historia rexistrada no planeta. A Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU estima o número de falecidos en 10.000 e o número de persoas afectadas de maneira directa en millóns.

Diante desta situación, o Fondo Galego, reunido en Asemblea xeral o pasado 14 de novembro, tomou a decisión de realizar unha doazón inmediata a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) por valor de 10.000€. Desde o municipalismo galego desexamos que a emerxencia humanitaria que agora comeza exprese o mellor do sistema internacional de cooperación para fuxir de grandes erros presentes noutras recentes catástrofes humanitarias, primando a atención ás vítimas.

As consecuencias deste desastre natural obrígannos necesariamente a reflexionar sobre a necesaria posta en valor do Obxectivo do Milenio nº7: Garantir a sustentabilidade ambiental, facendo un chamado a Estados e empresas a respectar os acordos internacionais que formulan a consecución deste obxectivo.

O Fondo Galego, modesto en canto ás súas dispoñibilidades orzamentarias pero xeneroso en canto á súa vontade de contribuír a paliar os danos, informa a súa vez aos socios da apertura da nosa Conta de Emerxencia.

Os fondos recadados serán destinados a financiar proxectos de reconstrución na zona unha vez superada a situación de emerxencia e cando, previsiblemente, a desatención informativa agrave a vulnerabilidade das vítimas.

Contribúe a través da Conta de Emerxencias, indicando “Emerxencia Filipinas”:
Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Número de conta NovaGaliciaBanco:
2080-0209-50-3040019000
Información: Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
info@igadi.org - www.fondogalego.org - Tel/fax: 986 357 238