Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-05-02

O Fondo Galego viaxa a Alemaña para achegar a súa experiencia no marco dun proxecto europeo

Asesora a Alemaña e Portugal na promoción das súas redes de cooperación descentralizada a través da iniciativa 'Redes para o desenvolvemento'


O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participa esta semana en Alemaña nunha xuntanza de traballo do proxecto europeo 'Redes para o desenvolvemento'. A asociación de Concellos e Deputacións actúa como asesora nesta iniciativa cofinanciada pola UE para apoiar as redes de cooperación descentralizada en Alemaña e Portugal.

O secretario do Fondo Galego, Daniel González, atópase xa na cidade xermana de Esslingen para tomar parte na avaliación do segundo ano do proxecto, no que a entidade está a achegar a súa ampla experiencia neste eido. A ONGD alemá FINE+P e a lusa Instituto Marquês de Valle Flôr, parceiras na iniciativa, estarán tamén no encontro, que estudará a posibilidade de estender a proposta a outros países en 2013.

Coa referencia do Fondo Galego de Cooperación pero tendo en conta as súas propias especificidades, quince municipios portugueses atópanse xa implicados na futura Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento, que está elaborando os seus estatutos. En Alemaña, tamén no marco de 'Redes para o desenvolvemento', FINE+P está a promover a difusión de boas prácticas para acadar unha cooperación descentralizada máis eficiente.