Aviso:

[Pechar}


Lousame 2016-06-27

O obradoiro 'Tecendo polo cambio' clausúrase en Lousame cun acto a prol das mulleres.

As participantes calcetaron unha peza colectiva coa que reivindicaron os seus dereitos cubrindo un elemento exterior das minas de volframio de San Finx, nunha acción de "yarn bombing".
 

"O Cura de Fruíme" loitou pola xustiza social.

O primeiro dos obradoiros 'Tecendo polo cambio' clausurouse cun acto de "yarn bombing" no que as participantes cubriron elementos do espazo público coa peza que elaboraron colectivamente para reivindicar, entre outros, os dereitos das mulleres. A actividade, desenvolvida en Lousame nas últimas tres semanas, está organizada polo Concello como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A primeira das accións tivo lugar no busto de Diego Antonio Cernadas de Castro, popularmente coñecido coma "o Cura de Fruíme", que se atopa no adro da igrexa desta parroquia. A escultura adornouse con coloridas obras de calceta, para recoñecer tanto a súa contribución ao desenvolvemento do lugar, onde tivo un destacado papel formativo e dinamizador, como tamén a súa defensa de Galicia e a denuncia das inxustizas.

As tecedoiras de Lousame, nas minas de San Finx.No entanto, o acto central da xornada celebrouse nas minas de volframio de San Finx, onde se cubriu parte dun pozo. Neste caso, o obxectivo era chamar a atención sobre o descoñecido papel que as mulleres, e mesmo as nenas, tiveron no auxe da extracción deste mineral tan apreciado na II Guerra Mundial. O evento contou cunha visita guiada ao museo e co testemuño dalgunhas destas veciñas, que sufrían duras condicións laborais cargando vagóns, separando o volframio, carrexando leña, etc.

Unha realidade que conecta á súa vez non só coa explotación que as mulleres sofren en distintos lugares do mundo, senón tamén cos abusos que aínda hoxe en día se producen en moitas minas, sen condicións de seguridade, con traballo infantil ou agresións ambientais. Esta conexión entre o local e o global fomentouse asemade nas charlas impartidas durante o obradoiro 'Tecendo polo cambio', onde as asistentes reflexionaron sobre temas como a cooperación internacional, a igualdade de xénero, o voluntariado ou o comercio xusto da man de diferentes persoas expertas convidadas para a ocasión.