Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-10-11

O prazo para participar no certame ‘Imaxes con Fondo’ amplíase ata o 15 de novembro

- A interculturalidade é o tema central, tanto na sección de fotografía como na de vídeo, atendendo ao actual contexto internacional de migracións e refuxio.
- Unha viaxe aos proxectos do Fondo Galego de Cooperación en Mozambique  e unha cámara son os principais galardóns nas categorías adulta e xuvenil.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de ampliar ata o 15 de novembro o prazo para concorrer ao certame 'Imaxes con Fondo'. Atendendo ao actual contexto internacional, marcado polas migracións e o desprazamento de persoas refuxiadas, esta terceira edición convida a reflexionar sobre a interculturalidade a través de fotografías e pezas audiovisuais.

En ambos os dous casos, na categoría de persoas adultas o primeiro premio será unha viaxe a Mozambique co fin de realizar un traballo sobre a realidade do país lusófono e os proxectos alí apoiados. A categoría xuvenil, dirixida a mocidade de entre 14 e 17 anos, está dotada cunha cámara de foto e vídeo. Os segundos postos recoñecerase cunha cesta de produtos de comercio xusto e os terceiros cun lote de películas de temática social. Haberá tamén unha colección de libros do concurso fotográfico Revela, cortesía do Concello de Oleiros, para os centros de ensino que animen ao alumnado a participar.

As obras poderán poñer en valor a mestura de nacionalidades, denunciar a discriminación das culturas minoritarias, desmontar estereotipos sobre determinadas etnias ou amosar accións solidarias coas persoas migrantes e refuxiadas, entre outras posibilidades. Unha vez pechado o prazo para a recepción das propostas, a cidadanía poderá votar a través do perfil do Fondo Galego en Facebook. Un xurado experto seleccionará logo os traballos gañadores entre os quince máis votados de cada sección e categoría.

O concurso ‘Imaxes con Fondo’ está aberto a persoas naturais de ou residentes en Galicia, que poderán presentarse só nunha das seccións -fotografía ou vídeo-, cun máximo de tres obras inéditas, acompañadas dun título significativo. A organización insiste en que unha boa idea pode ser máis importante que a calidade das imaxes. As bases áchanse en www.fondogalego.org/web/imaxes_con_fondo e a organización atenderá ademais calquera dúbida no enderezo imaxesconfondo@gmail.com. O certame encádrase no Plan de actividades 2016 do Fondo Galego de Cooperación, cofinanciado pola Xunta de Galicia.