Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-03-16

O voluntariado deixa testemuño das Vacacións con Traballo no caderno 'Experiencias solidarias 2015'

Persoal técnico dos concellos da Estrada, A Pobra, Bergondo, Monforte, Redondela e Rianxo relatan as súas vivencias cos parceiros do Fondo Galego en Nicaragua e Cabo Verde.


Seis técnicas e un técnico municipais que participaron na décima edición do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo deixan testemuño das súas vivencias no caderno 'Experiencias solidarias 2015', que xa está dispoñible online. Con palabras e imaxes, dannos a coñecer as tarefas de asesoramento que realizaron cos parceiros do Fondo Galego, pero tamén transmiten a realidade dos países do Sur aos que viaxaron e a pertinencia dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento alí executados.

Ana Ferradáns, axente de emprego do Concello da Estrada, e María José Villar, auxiliar de biblioteca no Concello de Redondela, relatan a súa estadía en Cabo Verde apoiando á Cámara Municipal de Santa Cruz. Tamén ao arquipélago africano se desprazaron Ana Piñeiro, arquitecta do Concello de Rianxo, e Rubén López, técnico de administración financeira no Concello da Pobra, para colaborar coa Cámara Municipal de Ribeira Grande.

Belén Gómez, traballadora social do Concello de Monforte, e mais Serezabel Rodríguez e Mónica Mourín, respectivamente técnica en integración e traballadora social do Concello de Bergondo, comparten a través destas páxinas as Vacacións con Traballo que pasaron en Nicaragua canda a ONGD Instituto de Promoción Humana-Somoto.

Nos próximos días abrirase unha nova convocatoria do programa que permitirá a empregadas e empregados das deputacións e concellos socios do Fondo Galego cooperar durante o seu mes de vacacións con entidades de Mozambique e Cabo Verde. Todas as novidades poden seguirse a través do blog das Vacacións con Traballo.